Skip to main content

Touriño asegura que o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa é un dos máis avanzados da súa clase e nos colocará entre os países primeiros na investigación oceanográfica mundial

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, asegurou que o buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa é “un dos máis avanzados” na súa categoría e nos “colocará entre os países punteiros na investigación oceanográfica mundial”.

O presidente galego participou en Vigo no acto de botadura desta embarcación, amadriñada pola Súa Maxestade a Raíña Dona Sofía e na que tamén estiveron presentes a Ministra de Educación e Ciencia, María Jesús Sansegundo, o presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC); os conselleiros de Educación e Ordenación Universitaria; de Innovación e Industria; de Pesca e Asuntos Marítimos; o delegado do Goberno; e a alcaldesa de Vigo, entre outras autoridades.

Touriño destacou que este buque simboliza a colaboración entre as administracións, posto que foi construído grazas a un convenio entre o Ministerio de Educación e Ciencia, o Consello Superior de Investigacións Científicas e maila Xunta de Galicia, que achega un 20% do seu financiamento. É –dixo- “exemplo dun traballo conxunto, comprometido e cooperativo”.

Neste contexto, Emilio Pérez Touriño indicou que este “exemplo de traballo comprometido é fiel representación da persoa que hoxe dá nome a este novo buque, Sarmiento de Gamboa, humanista notable e unha das figuras máis sobranceiras da segunda metade do século XVI hispano, foi un exemplo e referente de home renacentista: navegante e aventureiro, xeógrafo e cosmógrafo, matemático e historiador”.

Retos de futuro

Así mesmo, o titular do Executivo autonómico manifestou que “non resulta anecdótico” que o buque fose construído en Vigo, “motor de crecemento económico da Galicia do século XXI”. E manifestou que esta nova embarcación “cubrirá o déficit de buques oceánicos modernos, permitindo dar resposta aos grandes retos científicos do século XXI”.

Touriño adiantou que o Goberno galego “comparte e asume” estes retos de futuro “dende a óptica de crecemento gradual e sostible”. Entre os desafíos máis relevantes, o titular da Xunta citou a “circulación oceánica global, a biodiversidade e investigación pesqueira, o cambio climático e a exploración dos fondos oceánicos mediante robots e vehículos mariños” como metas da xestión integral do Goberno galego.

Tributo ao mundo do mar

Na súa intervención, Pérez Touriño quixo facer un “tributo”, en nome do Goberno galego aos Estaleiros Freire e ao Centro Superior de Investigacións Científicas, tributo que fixo extensivo a “todos os sectores vinculados co mundo mariño, pero moi especialmente a un sector produtivo e social vital na nosa estrutura económica e na nosa estrutura como país: o sector da pesca”.

O titular da Xunta referiuse a Vigo como “grande porto do Atlántico” e como “cidade aberta ao mar, na que conviven, de xeito harmónico e integrado, os aspectos económicos, sociais e humanos desta sociedade tan puxante”.

“Este compromiso co mundo do mar, do noso mar, tan vencellado ao noso discorrer como país en constante evolución, -expuxo Touriño- vai asumindo e tomando posicións concretas”. Así, declarou que “a radicación en Vigo do Centro de Investigación del Mar, da construción dese gran campus científico-tecnolóxico dedicado ás investigacións mariñas será tamén un referente dunha visión innovadora, incentivadora na aplicación de novas tecnoloxías, adaptativa ás novas necesidades e inquedanzas do mundo do mar”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia