Skip to main content

Touriño avoga por diluír as fronteiras entre Galicia e Asturias para potenciar un modelo común de desenvolvemento integral e sostible

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, avogou por “diluír as fronteiras” entre Galicia e Asturias para convertelas en “espazos de unión” e ”potenciar modelos comúns de desenvolvemento”. Así o asegurou na presentación das conclusións do VII Cumio Galaico-Asturiano, que o xefe do Executivo galego cualificou de “fito” despois da parálise vivida nos últimos sete anos na realización deste tipo de encontros. Para o máximo mandatario galego, a reanudación dos cumios, que terán unha periodicidade anual, permitirá abrir “perspectivas para o impulso continuado e conxunto en beneficio da cidadanía” das dúas autonomías.

Na súa comparecencia conxunta co presidente de Asturias, Vicente Álvarez Areces, o máximo mandatario galego agradeceu os esforzos desenvolvidos polas delegacións dos dous Gobernos. “O traballo serio, prolongado e consistente”, abundou Touriño, permitiu acadar “conclusións que son de alto interese e que supoñen concrecións en prazos, en acordos, en protocolos e en elementos importantes” para a cidadanía das dúas comunidades, dado que en Santiago se puxo no centro da atención “as políticas sociais e educativas”. O presidente salientou ademais o feito de que estes cumios terán unha continuidade cada ano, ao tempo que pon en marcha comisións e grupos de traballo que se encargarán de desenvolver e avaliar os acordos acadados en Santiago. “O cumio abre perspectivas para o impulso continuado e conxunto en beneficio da cidadanía de ambas comunidades”, remarcou Touriño, para quen Galicia e Asturias están agora ante “unha nova fronteira, unha nova meta.

Entre os acordos acadados no cumio, o máximo mandatario galego salientou a estratexia conxunta que desenvolverán os dous Gobernos ante o Ministerio de Fomento para conseguir que ao longo do presente ano todos os treitos da Autovía do Cantábrico estean en obra ou se liciten. “Queremos que 2006 sexa o ano do inicio completo en toda a súa lonxitude, extensión e tramos da Autovía do Cantábrico”, á que definiu como unha obra cunha “importancia estratéxica” como eixe vertebrador do noroeste peninsular.

Comunicacións interiores

O presidente galego tamén salientou o impulso que os dous Gobernos darán ás comunicacións interiores na zona da Fonsagrada, Oscos e Salime, “dúas zonas de montaña ata agora xustapostas e faltas de relacións”. Para corrixilo porase en marcha a finalización do enlace Pontenova-Taramundi e a construción das conexións Fonsagrada-Grandas de Salime e Fonsagrada-Santa Eulalia de Oscos. Nestas dúas últimas conexións, a Xunta e o Goberno do Principado investirán 40 millóns de euros e prevén que os proxectos estean listos este ano para licitar as obras no vindeiro. Lograrase así, segundo incidiu Emilio Pérez Touriño “vertebrar” unhas zonas complexas e complicadas.

No eido das infraestruturas, o máximo mandatario do Goberno galego tamén notificou a posta en marcha dun Consorcio que se encargará do deseño dun plan conxunto de desenvolvemento integral da ría do Eo. Este Consorcio, aberto tamén aos concellos, encargarase de definir unha estratexia conxunta en canto a directrices de ordenación do territorio e protección integral do litoral, de modo que se aplique a esta zona un “modelo de desenvolvemento sostible” que faga compatible o crecemento económico co respecto ao patrimonio natural da ría. Ese plan recollerá directrices básicas en materia de defensa, protección e explotación da ría do Eo, así como en materia medioambiental, portuaria, territorial, urbanística e de desenvolvemento rural.

O xefe do Executivo galego informou tamén do impulso que os dous Gobernos darán a proxectos comúns en materias de educación e I+D+i, a través da busca de financiamento europeo e estatal para proxectos en áreas de biotecnoloxía, biomedicina, nanotecnoloxía, tecnoloxías da información e investigación mariña, pesqueira e enerxética. Ademais, fomentarase o intercambio de experiencias entre centros tecnolóxicos, así como a mobilidade e a cooperación universitarias.

Protocolo de colaboración

No tocante ao medio rural, o presidente da Xunta salientou o protocolo de colaboración que asinan as dúas comunidades para compartir información e medios de extinción na loita contra os incendios forestais.

Finalmente, tamén se referiu á posta en marcha de plans conxuntos de desenvolvemento turístico, nos que salientou a petición que cursarán ao Consello do Patrimonio Histórico Español para que o Camiño Norte de Santiago, o camiño primitivo, sexa recoñecido como Patrimonio da Humanidade.

Vicente Álvarez Areces coincidiu co presidente galego en salientar o “clima excepcional e cordial” que presidiu o Cumio, o que permitiu lograr grande “eficacia” nas conclusións pechadas. “É unha das reunións mellor traballadas, con conclusións máis operativas para os cidadáns”, sinalou.

Esa forma de traballar, indicou Areces, permite ser “optimistas de cara ao futuro” pois o VII Cumio ofrece resultados “acordes ás expectativas espertadas”. O presidente do Principado relacionou a recuperación dos cumios bilaterais ao máis alto nivel coa chegada de Gobernos de progreso tanto nas dúas comunidades autónomas como en España, pois estes Executivos fixeron unha “aposta pola cohesión territorial e a converxencia” como o puxo de manifesto que estas comunidades se teñan ubicado entre aquelas de maior investimento per cápita dende a chegada de José Luis Rodríguez Zapatero á Presidencia do Goberno central.

Areces evidenciou este clima de confianza entre as dúas comunidades ao lembrar que se antes do cambio de Goberno en Galicia “estabamos en litixio na ría do Eo, hoxe construímos o futuro xuntos”. “Non hai que fomentar rivalidades, senón unir esforzos e ser partícipes de proxectos comúns”, salientou.

Sistema de financiamento

Preguntado polos xornalistas, o presidente da Xunta salientou as coincidencias de Galicia e Asturias nas súas reivindicacións para o novo modelo de financiamento das comunidades autónomas. Así, considerou que ambas comunidades precisan que o novo modelo contemple o maior custe dos servizos nestas autonomías derivados de aspectos como a dispersión territorial, as baixas taxas de natalidade ou o elevado avellentamento da poboación. “Temos aberto un espazo de colaboración para fixar criterios e obxectivos para que o sistema de financiamento garante a cohesión, o equilibrio e a igualdade de todos os cidadáns”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia