Skip to main content

Fabiola Sotelo asegura que non é posible un traballo para o desenvolvemento sen un traballo firme pola paz

A directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, asegurou en Padrón que “non é posible o traballo para o desenvolvemento sen un traballo firme pola paz”. Sotelo participou esta mañá no Día Escolar pola Paz celebrado na Casa-Museo Rosalía de Castro para conmemorar o aniversario do pasamento de Mahatma Gandhi, organizado polo Seminario Galego de Educación para a Paz.

Estudantes de escolas primarias e secundarias de Padrón, Marín, Ordes, Rois e Vigo levaron a cabo un recital poético, unha plantación de árbores e fixeron entrega de bandeiras da paz para celebrar esta data. No acto, tamén participaron a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino; a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Elena Villar, e membros do Seminario Galego de Educación para a Paz.

Na súa intervención, Fabiola Sotelo destacou que “a educación para a paz e o desenvolvemento é un elemento básico na conformación dunha sociedade máis libre e máis xusta” e vencellouna directamente coa formación dos “nenos e nenas, cerne da convivencia futura”.

Con esta finalidade, a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta comprometeu a inclusión da “educación para a paz e o desenvolvemento” entre as “liñas prioritarias” de actuación do seu departamento e no texto do Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2006 a 2009.

Traballo conxunto

Paralelamente, Fabiola Sotelo adiantou a “vocación de traballo conxunto” con outras Administracións así como cos membros da sociedade civil “para erradicar as causas da pobreza”. Neste sentido, congratulouse pola participación dos máximos representantes da cámara autonómica, da vida municipal así como da sociedade civil nun acto como o celebrado hoxe. Sotelo agradeceu, así mesmo, o labor do Seminario Galego de Educación para a Paz para contribuír a crear unha maior conciencia social neste eido.

“Só traballando conxuntamente lograremos incrementar os niveis de compromiso social, non só no eido da solidariedade internacional senón en todas as facetas da vida. Ese é o noso compromiso”, concluíu Fabiola Sotelo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia