Skip to main content

Emilio Pérez Touriño compromete que o Goberno pactará coa oposición a modificación das regras de xogo do país

“Teño a convición de que os grandes temas que afectan á cidadanía, ao marco das regras de xogo, deben ser acordados e consensuados na Cámara, non poden ser impostos por unha maioría contra a minoría. Non foi así no pasado, pero o meu compromiso é que sexa así no futuro e que a Galicia, a Galicia do século XXI, traballe sempre na vontade de unión e de cooperación nos temas fundamentais”. Este é o compromiso asumido polo titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, logo de manter un primeiro encontro institucional co presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta sinalou a este respecto que a vontade de unión e de cooperación pasa, prioritariamente porque os temas de país sexan acordados entre as tres forzas políticas que compoñen a Cámara galega. “Propuxen, e foi asumido na xuntanza, que era bo para Galicia que Goberno e oposición foran capaces de pactar as grandes regras de xogo do país”, indicou Pérez Touriño, sinalando a reforma do Estatuto ou a revisión da Lei Electoral como exemplos nos que hai que lograr este acordo.

“Adquirín o compromiso de que ambos os dous temas –reforma estatutaria e revisión da Lei Electoral- necesariamente teriamos que traballalos desde a concertación e desde o consenso”, remarcou o presidente da Xunta. Neste sentido subliñou que a reforma da Lei Electoral galega se fará “por acordo unánime dos tres grupos da Cámara” ou, do contrario, non se fará, “exactamente igual que a tramitación da reforma estatutaria”, lembrou.

Reforma estatutaria: marco competencial e financiamento

No que á reforma do Estatuto de Autonomía se refire, Emilio Pérez Touriño saudou a dispoñibilidade do presidente do Partido Popular de Galicia para iniciar os traballos da ponencia parlamentaria. Unha reforma que, segundo sinalou o presidente da Xunta, se asenta en dúas “grandes patas”: o desenvolvemento competencial e o financiamento.

O presidente da Xunta de Galicia reiterou que esta revisión estatutaria se abordará desde o consenso entre as tres forzas políticas que compoñen a Cámara galega e “desde o Estatuto que temos e desde a Constitución que temos”. “Teño a absoluta convición de que é así como o temos que facer e ese é o meu compromiso: avanzar na reforma do Estatuto, na revisión estatutaria, no encaixe pleno na Constitución, camiñando sobre esas dúas patas -o financiamento e o terreo competencial-, e buscando o consenso permanentemente entre os tres grupos parlamentarios”, subliñou Pérez Touriño. “Ese é o vieiro de seguridade, de estabilidade e de confianza para o país: saber que imos facer a reforma co acordo necesario”.

Posición sobre financiamento compartida

Así mesmo, o presidente do Goberno galego salientou que na reunión tamén asumiu o compromiso de que Galicia leve ao Consello de Política Fiscal e Financeira do vindeiro día sete, que vai abordar a revisión do sistema de financiamento autonómico, unha postura “concertada” entre as tres forzas parlamentarias galegas. “Eu aspiro a que Galicia, e quero comprometerme a traballar nesa dirección, teña unha posición, nos elementos básicos e nucleares, compartida e común. E gustaríame levar a Madrid a posición unida, a posición concertada no substancial, no básico, nos grandes principios nucleares da revisión do sistema, desde un acordo das forzas políticas de Galicia como posición de goberno”, sinalou o xefe do Executivo autonómico.

Pacto polo territorio e as infraestruturas

Emilio Pérez Touriño sinalou ademais que, durante a xuntanza, lle trasladou a Alberto Núñez Feijóo, a necesidade de traballar pola consecución dun Pacto polo territorio e as infraestruturas, buscando “maneiras en sede parlamentaria para que os grandes temas que teñen que ver coa ordenación territorial, coa vertebración territorial, coas grandes infraestruturas do país as poidamos concertar e seguir conxuntamente”, indicou. Para elo propuxo a creación dun grupo de traballo no parlamento galego que aborde esta materia. “Abrín e solicitei o concurso do PP para traballar concertadamente nesa dirección, desde a iniciativa, como é obvio, que lle corresponde á Xunta, ao Goberno do país”, subliñou Touriño.

Felicitación

O máximo mandatario autonómico indicou que durante a reunión co presidente do PPdeG tamén recibiu a felicitación pola consecución do Pacto Local, un pacto que, sinalou, “abre un primeiro camiño a un primeiro pacto de país”.

“O Goberno da Xunta de Galicia inicia a andadura cun primeiro gran acordo entre todas as forzas políticas que é o Pacto Local, o pacto cos concellos e coas tres forzas políticas. É o primeiro gran acordo de país nesta primeira época do Goberno do cambio. Creo que é importante e espero que os seguintes sexan o pacto para reformar o estatuto e o pacto polo territorio”, concluíu.

Por último, Emilio Pérez Touriño sinalou que o encontro desta mañá co presidente do Partido Popular de Galicia foi “unha primeira visita institucional e unha primeira toma de contacto” que espera que se converta nun “diálogo estable e fluído” entre o Goberno e a oposición. O presidente da Xunta cualificou esta primeira xuntanza con Alberto Núñez Feijóo como “positiva e cordial”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia