Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que o Goberno galego proxecta unha estratexia de desenvolvemento sustentable de Galicia

O titular do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, indicou que a Xunta está a elaborar unha Estratexia de Desenvolvemento Sustentable de Galicia, que recoñece “o principio de participación e acceso á información” como medio para que os obxectivos e estratexias definidas nas accións políticas que integran o factor medioambiental, acaden o maior consenso posible. Deste xeito, promoverase a participación social na elaboración deste documento.

Emilio Pérez Touriño avogou porque Galicia avance de forma coordinada co norte de Portugal en materia ambiental. O presidente galego realizou esta valoración durante a celebración, en Compostela, da Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, na que as 18 cidades que conforman este Eixo ratificaron a denominada Carta Aalborg.

Durante a súa intervención, o titular autonómico referiuse aos eixos arredor dos cales debe xirar a construción do espazo da Eurorrexión Galicia-Norte do Portugal. Así, en opinión de Touriño, non só o crecemento das infraestruturas é básico para o desenvolvemento común, senón que a colaboración en materia ambiental, e en concreto o compromiso co desenvolvemento sustentable, é “a única alternativa viable para acadar un crecemento económico a longo prazo”.

Durante o acto de sinatura da Carta Aalborg, documento que garante o desenvolvemento sustentable no ámbito das cidades, e que contou coa presencia da ministra de Medio Ambiente, Cristina Narbona, e do secretario de Desenvolvemento Rexional de Portugal, Rui Nuno Baleiras, o mandatario autonómico expuxo ademais as principais liñas en política ambiental do Goberno galego.

Relevancia da Eurorrexión

O titular do Executivo galego referiuse, así mesmo, á relevancia da Eurorrexión como ferramenta estratéxica para garantir a competitividade en ambas as dúas beiras do Miño. “O obxectivo que debe guiarnos é o de xerar masa crítica e sinerxias que permitan avanzar na construción dun espazo común de oportunidades, desenvolvemento e benestar”, indicou o presidente da Xunta.

Segundo lembrou Touriño, o vindeiro mes de febreiro transferirase a Galicia á Presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. O presidente da Xunta asegurou que asumirá este mandato co firme compromiso de fortalecer todo o entramado de colaboración e interrelación da Eurorrexión.

Paralelamente, o mandatario galego avogou por garantir o futuro da Eurorrexión articulando unha rede de transporte que permita impulsar o desenvolvemento e a cohesión. Neste sentido, reafirmou o compromiso do Goberno que preside por traballar conxuntamente cos executivos de España e Portugal na procura da conexión de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e o país veciño.

A este respecto, afirmou que recentemente, durante a súa última viaxe a Porto, desde a Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal solicitouse a constitución dun grupo de traballo que aborde a conexión por alta velocidade ferroviaria e asumiuse a iniciativa política de “tirar adiante deste proxecto fundamental”.

Doble compromiso

Emilio Pérez Touriño centrou gran parte da súa intervención en poñer de manifesto o compromiso da Xunta coa sustentabilidade ambiental. Despois de anunciar que a Xunta prepara unha Estratexia Galega de Desenvolvemento Sustentable, o mandatario autonómico referiuse á participación do Goberno autonómico no financiamento do proxecto que leva a cabo o Eixo Atlántico para a implantación das Axendas 21 Locais e para a realización de análises de auditoría urbana, que teñen como obxecto “tratar de medir e comparar a calidade de vida nas distintas cidades do sistema urbano da Eurorrexión”.

Segundo indicou o presidente da Xunta, un dos puntos principais do Programa 21 resalta o papel que corresponde ás administracións locais para trasladar ao propio ámbito de competencias a cuestión da sustentabilidade, compromiso que deberá plasmarse na elaboración das Axendas 21 Locais.

Paralelamente, o proxecto de auditoría urbana –tal e como indicou Touriño- “debe proporcionarnos indicadores obxectivos sobre a situación social, económica e ambiental das ciades”, co doble propósito de caracterizar a situación de partida e avaliar os efectos da acción política neses ámbitos de actuación.

Calidade de vida e benestar

Esta política ambiental debe “impulsar” e “implantar” unha estratexia común e efectiva para lograr mellorar “a calidade de vida” e o “benestar” dos cidadáns. En opinión de Touriño, sería óptimo que as diferentes cidades que conforman o Eixo fixaran as súas prioridades en materia ambiental nun Plan de Acción.

Así mesmo, o eixo de actuación ambiental da Xunta vaise completar coa posta en marcha dunha Rede de Concellos Sustentables de Galicia.

Sinatura da Carta Aalborg

En opinión de Touriño, a sinatura da declaración de intencións contida na Carta Aalborg por parte das 18 cidades que conforman o Eixo Atlántico axuda a xerar un comportamento responsable en materia ambiental dentro destas urbes, así como a preservar os seus recursos naturais.

Este documento supón un compromiso destas cidades para tratar de revertir o proceso de degradación do contorno natural a través da redución das emisións contaminantes ao medio natural; a promoción do uso da enerxía solar e da eólica como alternativas limpas fronte ás enerxías non renovables; o fomento da reciclaxe e da xestión responsable dos residuos; e a xeración das condicións necesarias para frear a especulación urabanística e a destrución da paisaxe.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia