Skip to main content

Traballo pon en marcha un decálogo de medidas urxentes de emprego para a xuventude das que se poderán beneficiar os case 45.000 parados menores de 30 anos

O titular de Traballo, Ricardo Varela, presentou en rolda de prensa o informe sobre Medidas urxentes para o emprego da mocidade no 2006. Trátase dun decálogo de actuacións, que se porán en marcha de inmediato, dirixidas aos case 45.000 galegos menores de 30 anos en paro, dos cales o 60% son mulleres, de aí que este grupo de medidas preste especial atención a fomentar e apoiar o emprego feminino. A dotación orzamentaria ascende a case 124 millóns de euros, dos cales preto dunha terceira parte se adicará a incentivos á contratación.

Na súa intervención Varela fixo unha foto fixa da actual situación laboral da xuventude galega. Así, segundo se desprende do informe, o mercado de traballo ao que se enfrontan as mozas e mozos galegos caracterízase por unha taxa de emprego do 49,3%, é dicir, seis puntos por debaixo da media estatal; por unha forte presenza do paro xuvenil, que alcanza o 21,4% no caso dos mozos, e o 28% nas mozas; por graves carencias de formación profesional, xa que tres de cada catro desempregados menores de 30 anos non teñen ningunha titulación de tipo profesional, é dicir, máis de 30.000 mozos galegos carecen de titulación, deles arredor de 6.000 proceden do fracaso escolar e o resto non teñen nin formación profesional nin universitaria; por unha grave desigualdade por razóns de xénero, cuestión que se visualiza claramente pois mentres que as mulleres supoñen o 37% do total de ocupados, son as que acumulan o 58% do paro.Todo isto vese agudizado por unha situación de precariedade insostible, pois tan só o 3% dos contratos asinados polos menores de 30 anos son indefinidos, e por unha importante carencia de cobertura de prestacións por desemprego xa que só un de cada tres desempregados percibe prestacións.

Segundo explicou o titular de Traballo, fronte a este panorama laboral, que impide a emancipación familiar dos mozos e mozas galegos, a Consellería ven de elaborar un decálogo de medidas urxentes destinadas a mellorar a empregabilidade da xuventude, a fomentar a súa incorporación ao mercado de traballo a través dunha contratación estable e de calidade, e a paliar as disfuncións existentes entre o sistema educativo e as necesidades do mercado de traballo. Estas medidas, consensuadas basicamente cos axentes sociais e económicos, terán vixencia namentres non se elabore, no marco do Diálogo Social, o Plan de Emprego Xuvenil.

A través destas dez medidas apostase tanto por incrementar as posibilidades de ocupación da xuventude, a través de medidas destinadas concretamente aos desempregados, como por incentivar ás empresas para a súa incorporación a un traballo estable.

Na procura da correlación entre a oferta laboral e a formación dos desempregados

Un dos grandes problemas do mercado de traballo xuvenil é que a oferta laboral non se corresponde coa formación profesional dos desempregados. Para tentar corrixir esta tendencia Traballo destinará máis de 85 millóns de euros a mellorar e ampliar a formación dos parados, facilitar a súa experiencia profesional ou orientalos cara outras profesións diferentes á súa titulación. Así os programas dirixidas especificamente aos parados son:
- Orientación-Valoración do nivel de competencia: Trátase dun programa de cooperación dirixido a demandantes sen titulación profesional, a través da realización de traballos en entidades locais e outras administracións, nos que estará supervisado por un responsable que valorará o seu nivel de competencia profesional, de cara a que esa valoración sirva como garantía de formación no seu perfil de demandante de emprego.
- Orientación-Formación-Adquisición de Experiencia-Creación/Incorporación en empresas de economía social nos novos xacementos de emprego: Para aqueles demandantes que non teñen estudios de tipo profesional existe outro programa orientado concretamente ao desenvolvemento dos xacementos de emprego, de tal xeito que a xuventude os vexa como unha posibilidade real de saída profesional. Trala fase de orientación, este programa inclúe outra de formación e unha última etapa adicada á experiencia profesional e/ou á posta en marcha dunha iniciativa emprendedora.
- Orientación-Formación en Alternancia: O obxectivo deste programa é ofrecer a aqueles desempregados sen estudios básicos unha formación ocupacional que facilite a súa inserción no mercado de traballo.
- Orientación-Adquisición de Experiencia: Un dos principais problemas de moitos desempregados galegos é que a súa titulación non se corresponde coas demandas do mercado. Neste senso Traballo ofertará a estes parados de titulacións de difícil empregabilidade, escolas obradoiro, casas de oficio e obradoiros de emprego que lles permitan un cambio de ocupación.
- Orientación-Formación-Contratación: Este programa está destinado exclusivamente ás mulleres en ocupación nas que se atopen subrepresentadas. Así Traballo promoverá convenios de colaboración con empresas para a incorporación de desempregadas que non teñan estudios de tipo profesional. Para esta inserción laboral a Consellería correrá a cargo da formación ocupacional destas mulleres con compromiso de contratación.

Os incentivos á contratación basicamente estable e de calidade

Ademais de mellorar a empregabilidade dos mozos en paro, a outra pedra angular deste decálogo susténtase na súa inserción no mercado de traballo, para o cal Traballo destinará preto de 39 millóns de euros. Así incentivarase a contratación dos parados menores de 30 anos pero en empresas que aposten polo emprego estable. Así, como requisito común destas medidas as empresas beneficiarias terán que presentar unha taxa de estabilidade de como mínimo o 70%.

Na dotación económica destas axudas primarase a contratación feminina, de cara a establecer unha discriminación positiva real das mulleres, chegando nalgúns caso a cuadriplicar economicamente a contía outorgada por cada contratación masculina.

Os incentivos destinados a fomentar a inserción laboral dos mozos se concederán por:
- Contratación en prácticas de titulados en profesións con niveis de paro de longa duración máis elevados.
- Contratación indefinida inicial con abono do período de proba. Neste caso a Consellería correrá cos custos que lle supoña o traballador á empresa durante o período de proba estipulado no contrato. A maiores Traballo subvencionará a fondo perdido a súa contratación indefinida inicial.
- Substitución de traballadores xubilados a través da contratación indefinida inicial.
- Transformación de contratos temporais, xa sexa de obra, formativos, de interinidade ou de remuda, en indefinidos.
- Creación de novos postos de traballo nas PEMES de menos de 30 traballadores. Trátase de incentivar a contratación daquel tipo de traballador que por motivos económicos habitualmente unha PEME non soe contratar, como administrativo-financieiro, desenvolvemento en i+D+I,etc., inicialmente a través de incentivos á súa contratación temporal e posteriormente a súa transformación en indefinido.

Segundo as previsións da Consellería de Traballo, este decálogo de medidas terá case 48.000 beneficiarios. Así, estímase que 20.500 mozos e mozas galegas participen en programas de mellora da empregabilidade de media ou longa duración, case 16.000 participarán en diferentes accións de orientación profesional, 8.600 traballadores e traballadoras beneficiaranse de incentivos para incorporarse a un posto de traballo preferentemente estable ou en empresas cunha taxa de estabilidade superior a media galega ou para a transformación do seu contrato temporal en indefinido e 3.000 mozos e mozas se beneficiarán das axudas aos emprendedores.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia