Skip to main content

Os estudiantes de Xornalismo teñen a palabra nas Xornadas Comunicación Identitaria que se celebran en Santiago

O prazo de inscrición para asistir ás Xornadas sobre “Comunicación Identitaria” que se celebran na Facultade de Ciencias da Comunicación en Compostela do 6 ó 10 de Marzo, e que teñen carácter gratuíto, está xa aberto ata o día 1 de Marzo. Para inscribirse, as persoas interesadas –ademais de ós estudantes, as Xornadas están dirixidas ó público en xeral- deberán dirixirse ó Club Internacional de Prensa, Avda. da Coruña 6-baixo de Santiago, teléfono 981 54 59 50 / 54 59 49, ou ó correo electrónico club.inter.prensa@xunta.es.

Nestas Xornadas estarán presentes, ó longo dos cinco días de duración, tódolos soportes informativos existentes no mundo da Comunicación, a través dos principais medios de Galicia. A prensa escrita diaria, estará representada polos directores de La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, El Progreso e La Región. Esta Mesa celebrarase o día 6 ás 18:30, trala Conferencia Inaugural que ás 6 da tarde ofrecerá o Secretario Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, que será presentado polo Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Miguel Túñez.

O día 7, está dedicado a analizar o papel das Axencias de Comunicación, contando coa presenza d@s directores de Efe, Europa Press e AGN. A terceira Mesa, o día 8, analizarase o Presente e Futuro da Prensa Dixital, e contarase coa participación do Director Xeral de Vieiros, Lois Rodríguez, o Editor de Xornal.com, José Luís Gómez, e Galicia Diario Dixital estará representada pola súa directora Susana Evangelista. Xa o día 9, será Directamente, a Radio a que se someterá a exame e análise por parte dos estudantes de Xornalismo e o resto dos asistentes ás Xornadas. Nela participarán os directores da Cadena Ser Galicia, Javier Otero; da Cope, Javier Castro Dopico; RNE coa directora Celia Díaz, a Radio Galega con Virxilio Costas, e Radio Voz con Manuel Mantilla.

O derradeiro día, e previo ó acto de clausura, destinarase a repasar o labor das distintas televisións en Galicia, e para elo, contamos coa presenza dos directores de TVG, Xesús Iglesias; TVE en Galicia, Domingo González; Localia Galicia con Javier Otero; Antena 3 con Ignacio Capeáns, e Marga Velo en representación de Telecinco-Atlas Galicia.

Nestas Xornadas, serán fundamentalmente os estudantes de Ciencias da Comunicación quen leven o protagonismo: eles serán quen moderen as mesas e dinamicen os debates e coloquios. Dado que a asistencia a estas Xornadas outórgalles un crédito de libre configuración, realizarán tamén obradoiros e traballos xornalísticos, reportaxes e demais, relacionados co contido de cada unha das Mesas de Debate, arroxando unhas conclusións que, posteriormente, xunto co desenvolvemento das Xornadas, serán editadas para a súa distribución.

As Xornadas están organizadas polo Club Internacional de Prensa (Secretaría Xeral de Comunicación), e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación, a través dun acordo asinado ó efecto; unha colaboración que permanecerá no tempo, unha vez se asine o Protocolo de Colaboración que permitirá a ámbalas entidades levar a cabo un amplo programa de Ciclos, Xornadas e outras actividades, dirixidas a dinamizar e fomentar o debate social, así como a implicar ós estudantes de Ciencias da Comunicación en todo canto ten que ver coa información en tódalas súas vertentes, que non son senón tódolos aspectos da vida social, económica e cultural do noso país. Neste sentido, está prevista tamén a celebración de Xornadas sobre Integración Social, Áreas Metropolitanas e modelos de cidade, Cooperación Exterior, e outras moitas ó longo deste ano.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia