Skip to main content

Emilio Pérez Touriño comprométese a traballar intensamente para sacar adiante as enormes potencialidade de progreso e futuro de Ourense e a súa provincia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou o seu compromiso con Ourense e a súa provincia, no transcurso dunha visita institucional que realizou esta mañá á cidade das Burgas. Touriño asegurou que desde o Executivo galego se vai traballar intensamente “para sacar adiante as enormes potencialidades de progreso e futuro de Ourense”.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego remarcou que tanto a educación, como a I+D+i, as infraestruturas e o apoio á modernización do tecido produtivo son os catro factores “chave” da modernización da economía galega que “actuarán de palancas dun modelo orientado á creación de emprego estable e de calidade”. E precisamente estas tamén serán “as palancas do desenvolvemento de Ourense”, asegurou.

Neste sentido, e referíndose ao capítulo de infraestruturas, o titular do Goberno galego lembrou que os Orzamentos da Xunta para o ano 2006 xa recollen investimentos por máis de 148 millóns de euros para a mellora da rede viaria da provincia de Ourense, conscientes de que as infraestruturas contribúen de xeito decisivo a articular axeitadamente o territorio e a frear, corrixir e reorientar o proceso de desvertebración e desequilibrio territorial que sofre Galicia.

Emilio Pérez Touriño indicou, ademais, que o novo Plan de Infraestruturas de Transporte de Galicia que está a elaborar a Xunta vai recoller explicitamente entre os seus obxectivos o de garantir que todas as poboacións teñan acceso a unha vía de alta capacidade en menos de 30 minutos. Así mesmo, desde o Goberno autonómico vaise impulsar a creación dunha Área Urbana, ao carón da cidade de Ourense cos concellos limítrofes, para desenvolver unha planificación territorial máis axeitada ás necesidades e ás demandas dos cidadáns. “Estamos culminando o traballo do plan de transporte da área metropolitana de Ourense para garantir máis mobilidade e máis eficacia”, engadiu.

Ourense, nó de comunicacións

O presidente da Xunta tamén se referiu á importancia que o tren de alta velocidade terá para a vertebración territorial de Galicia e tamén aos beneficios que lle reportará á cidade das Burgas: “Ourense converterase na principal porta continental de Galicia coa chegada do tren de alta velocidade”, converténdose “en nó de comunicacións da Galicia interior” e en “eixo do seu desenvolvemento territorial”, asegurou.

Por iso, e para acadar ese obxectivo, o presidente da Xunta comprometeuse a mellorar a conexión desta estación coas vías de alta capacidade que chegan á cidade de Ourense e a complementar a circunvalación da cidade, “facendo especial fincapé –dixo- na adecuación do tramo norte entre Cudeiro e a autovía A-52”.

Así mesmo, anunciou que a chegada do AVE se vai complementar coa concreción doutras infraestruturas como a Cidade do Transporte de San Cibrao das Viñas, a conclusión da autopista Santiago-Ourense e da autovía Lugo-Ourense que, asegurou, “constitúen neste momento unha das prioridades do Goberno da Xunta de Galicia”, dado que supoñen “un grande eixo vertebrador do interior de Galicia” que, remarcou, estará “libre de peaxe”.

Parque Tecnolóxico

Emilio Pérez Touriño comprometeuse a traballar na potenciación de clusters empresariais “como ferramentas fundamentais para o desenvolvemento económico da Galicia interior e, especificamente, da provincia de Ourense”. Concretamente, o máximo mandatario autonómico asegurou que vai apostar “sen reservas porque o Parque Tecnolóxico de Galicia deixe de concibirse como un enclave illado no entramado económico territorial e estimule a transferencia e difusión de innovación no tecido produtivo, favoreza o xurdimento e o desenvolvemento de infraestruturas de tecnoloxía moderna e satisfaga as necesidades e demandas tecnolóxicas das empresas locais”.

Finalmente, agradeceu a acollida “cálida e cordial” e o “compromiso mutuo de traballo estable” para avanzar e que Ourense “vexa materializados os seus retos e aspiracións”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia