Skip to main content

O Goberno respondeu ao 90% de preguntas parlamentarias convertidas en escritas pola fin do periodo de sesións

O Goberno respondeu ao 90% de preguntas parlamentarias convertidas en escritas pola fin do primeiro período de sesións da VII lexislatura, que tivo lugar entre os meses de setembro e decembro de 2005. En total, tramitáronse 209 das 232 preguntas convertidas, o que supón o 93,4% das que foron enviadas polos distintos grupos para ser contestadas en Pleno e o 89,2% das remitidas para resposta en Comisión.

Este elevado índice de tramitación (máis alto que calquera dos acadados nos distintos períodos da anterior lexislatura) amosa o cumprimento do compromiso do Goberno de fortalecer e axilizar as relacións co Parlamento de Galicia. No primeiro período da VII lexislatura, a porcentaxe de resposta de preguntas convertidas en escritas foi 40 puntos porcentuais superior ás respondidas no primeiro período da anterior lexislatura, que se situou no 51,5%.

Resultados por comisións

Das preguntas enviadas, 46 eran para a súa contestación no pleno do Parlamento, e delas foron tramitadas 43 (o 93,4%), quedando pendentes só 3. Por comisións, respondéronse todas as da 1ª (Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior), 5ª (Sanidade, Política Social e Emprego) e 6ª (Industria, Enerxía, Comercio e Turismo).

Así mesmo, da 2ª (Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos) tramitáronse 65 dun total de 68; da 4ª (Educación e Cultura) foron contestadas 33 de 34; da 7ª (Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes) respondéronse 21 dun total de 22; e da 8ª (Pesca e Marisqueo) foron tramitadas 11 de 26. No período non houbo ningunha pregunta para a 3ª Comisión (Economía, Facenda e Presupostos). En total, das 186 preguntas enviadas para ser respondidas en algunha das distintas comisións contestáronse 166 (o 89,2%).

Durante a anterior lexislatura (a VI), 2.086 preguntas enviadas polos distintos grupos parlamentarios foron convertidas a escritas ao finalizar os distintos períodos de sesións, e delas tramitáronse 1.573, o que supón unha porcentaxe do 75,4%. No primeiro período da sexta lexislatura, no ano 2001, contestouse o 51,5% destas preguntas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia