Skip to main content

O presidente da Xunta recibe o ditame xurídico-técnico sobre a reforma do Estatuto de Autonomía elaborado polo Consello Consultivo de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, recibiu o ditame xurídico-técnico que encargara o pasado mes de outubro ao Consello Consultivo sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. O Presidente do Consello Consultivo, José Antonio García Caridad, entregoulle esta mañá un texto ao Presidente que establece o marco xurídico-técnico no que podería basearse a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Touriño destacou que o informe supón “unha valiosa contribución e orientación xurídica no inicio dos traballos da ponencia” e sinalou que supón aproveitar a capacidade e a solvencia do máximo órgano consultivo de Galicia.

O presidente da Xunta lembrou que o informe facultativo elaborado polo Consello Consultivo, non limitará o traballo parlamentario dos grupos, nin determinará a capacidade e a liberdade de aportación e de creatividade dos traballos da ponencia.

Seis áreas da reforma

O informe que se fará chegar ao Parlamento pretende servir de “guía e reflexión” respecto do “marco” no que se levará a cabo a reforma. O texto aborda seis cuestións relevantes para a reforma, os ámbitos de competencias non exclusivas do Estado que se poderían incorporar ao texto reformado, os mecanismos xurídicos que se poderían establecer para garantir o pleno exercicio das competencias asumidas pola comunidade, a posibilidade de establecer a obrigatoriedade do coñecemento da lingua galega ou a capacidade de que Galicia recolla no seu estatuto a posibilidade de participar en organismos superestatais.

O informe analiza ademais a posibilidade de incorporar novos dereitos, os chamados de segunda xeración, ao texto estatutario reformado, estudiando o acomodo xurídico que tería a incorporación dunha carta de dereitos e deberes e cales poderían ser os mecanismos de garantía deses dereitos.

Por último o informe aborda a posibilidade de que se incorporen novas institucións autonómicas ao articulado do texto reformado, xa que dende 1981 xurdiron novas institucións que poden merecer ter relevancia estatutaria.

Touriño lembrou que o Goberno galego “non pretende condicionar o proceso”, senón que o seu obxectivo é dar “as máximas facilidades e información” ao Parlamento para que “actúe con plena liberdade”, dentro do marco establecido pola Carta Magna.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia