Skip to main content

Pesca propicia un convenio de colaboración entre o Igape e as entidades financeiras para favores aos produtores de mexillón

O sector bateeiro galego conta cun novo mecanismo para facer fronte á situación que está vivindo nos últimos meses como consecuencia da marea vermella. Tal e como
xa anunciara o departamento que dirixe Carmen Gallego, o consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica aprobou un convenio de colaboración, promovido pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, entre o Igape, as entidades financeiras e aqueles produtores de mexillón que queiran adherirse ao mesmo. O obxectivo final deste acordo é evitar que se produza unha acumulación do produto nas bateas, agora que xa está a remitir a toxina, favorecendo a súa venda nun curto prazo de tempo. A Consellería de Pesca é consciente das dificultades
financeiras extraordinarias que esta situación conleva para os produtores,
xa que se ven na obriga de outorgar aprazamentos nos pagamentos ás
depuradoras e ás industrias de transformación. Por este motivo, e cumprindo
cos compromisos adquiridos co sector por parte de Carmen Gallego, o Goberno
galego pon en marcha este instrumento que facilitará o financiamento das
canles de distribución do mexillón cara aos mercados.

Obxectivo: favorecer o cobro inmediato

O acordo promovido polo departamento que dirixe Gallego Calvar ten como
obxectivo que o produtor poida cobrar inmediatamente despois da operación
de venda, a través dunha entidade financeira presentando a letra de cambio
das empresas compradoras do mexillón. Deste xeito, o convenio define os
termos de colaboración entre o Igape e as entidades financeiras adheridas,
para a creación e posta en marcha dun mecanismo que lles permita aos
mexilloeiros, directamente ou a través das súas asociacións, o
financiamento da venda da súa produción, mediante o pago inmediato da mesma
dende o 1 de xaneiro de 2006 ao 31 de marzo deste ano.

O acordo é neutral respecto aos mercados e tenta restablecer o equilibrio
existente no sector mexilloeiro antes da marea vermella, procurando
compensar os maiores custos producidos por unha sobrecarga de produto no
mercado.

Poderán acceder a este instrumento de finaciamento aquelas pequenas ou
medianas empresas, conforme á definición que das mesmas establece a
Comisión Europea, produtoras de mexillón con domicilio fiscal en Galicia,
directamente ou a través das asociacións de produtores. Asimesmo, poderán
subscribir o acordo todas aquelas entidades financeiras establecidas na
comunidade autónoma galega que o soliciten dentro dos dez días naturais
seguintes á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

As liñas de desconto bancario deberán adiantar o 100% do importe das
letras de cambio aceptadas e dos pagarés á orde asinados por razón da venda
de mexillón facturado entre os meses de xaneiro e finais de marzo de
2006. Os documentos de pagamento presentados deberán ter un vencemento non
superior aos cinco meses dende a data da factura para as vendas a
depuradoras, cocedoiros e industrias conxeladoras ou conserveiras.

Unha vez aceptada a operación financeira , a entidade bancaria
adiantará o total da factura que conte cun documento de pagamento aprazado
aceptado nas condicións establecidas no convenio, “sen repercutir ao
beneficiario ningún custo ou dedución da operación, excluindo os aranceis
vinculados á operación de desconto”. Ademais, o Igape compensará ás
entidades bancarias os custos de xestión que se deriven destas operacións.

Solicitudes e colaboración do sector

As empresas produtoras de mexillón interesadas poden dirixir a súa
solicitude a calquera das entidades financeiras adheridas ao convenio. As
entidades analizarán as solicitudes e asumirán o risco das operacións
aprobadas. No caso da denegación dalgunha delas, deberán notificar ao Igape
os motivos para que o Instituto proceda a trasmitirllo ao solicitante e
así poida elexir unha nova entidade financeira.

Pola súa banda, as organización representativas dos intereses dos
produtores poderán colaborar establecendo os procedementos internos que
resulten necesarios para asegurar a máxima axilidade na tramitación das
operacións. O Igape habilitará os mecanismos necesarios que aseguren a
axeitada coordinación entre os participantes do convenio e resolverá
todas as incidencias que poidan xurdir da interpretación das súas
claúsulas.

Esta actuación enmárcase no amplio programa de accións postas en marcha
pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para axudar ao sector
mexilloeiro a paliar a crise que sufriron con motivo da marea vermella.
Neste marco tamén se inclúen as axudas comunitarias, xa publicadas no
Diario Oficial de Galicia; a creación de varios grupos de traballo; e
diversas liñas de investigación que o Goberno Galego está a desenvolver,
como a destoxificación do producto, a identificación xenética do mexillón
galego ou o estudo destinado a poder modificar a actual forma de
análises.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia