Skip to main content

O paro rexistrado en Galicia no primeiro mes do ano foi o máis baixo dun mes de xaneiro dos últimos catro anos. O número de cotizantes á Seguridade Social incrementouse en 31.404 persoas en Galicia desde xaneiro de 2005

Galicia é a comunidade autónoma na que se rexistrou un menor incremento no número de parados durante o primeiro mes do ano, cun aumento en termos porcentuais do 1,5%. A pesar deste incremento, a cifra de desempregados descendeu en Galicia dende xaneiro de 2005 nun 4,2% o que significa que a nosa comunidade rexistra un descenso catro puntos superior á media do Estado.

O mes de xaneiro é un mes onde o paro rexistrado increméntase debido, fundamentalmente, ao remate da contratación temporal realizada polo Nadal e á situación da construcción que aínda non reiniciou a súa actividade. Este mes de xaneiro, pese a que houbo un incremento de 2.725 parados en relación co mes de decembro, supón o menor incremento dos últimos cinco anos.

O número total de parados rexistrados nas oficinas de emprego galegas en xaneiro de 2006 elévase a 181.401 persoas, das que o 61,5% son mulleres. Isto supón un incremento do paro rexistrado de 2.725 persoas (un +1,5%) con respecto ao mes anterior. En relación co mesmo mes do ano pasado, xaneiro de 2005, descende o paro rexistrado en 8.043 demandantes (un -4,2%). O paro rexistrado no mes de xaneiro de 2006, supón o dato de paro mais baixo no mes de xaneiro dos últimos catro anos.

En relación á súa composición, por idade e xénero, hai 69.817 homes e 111.584 mulleres. Os homes representan o 38,5% e as mulleres o 61,5% do total de demandantes. Agás no colectivo de homes menores de 25 anos que baixa en relación co mes anterior nun -1%, nos demais grupos de idade e xénero increméntase o paro. A porcentaxe de incremento das mulleres (un 1,9%) é superior á dos homes (o 1%).

En relación co ano anterior, xaneiro de 2005, a diminución é global nas diferentes idades e xéneros, sendo especialmente importante a do grupo de mulleres menores de 25 anos, no que descende nun 8,9% e no dos homes de 25 ou máis no que baixa o 7,1%.

Por sectores produtivos, o paro rexistrado experimenta un incremento en relación co mes de decembro no sector servizos (3,7%) polo remate de contratacións temporais do Nadal que absorbe a redución de parados na industria (2,9%) e da construción (1,2%).
En relación co ano anterior, xaneiro de 2005, descenden todos, destacando a construción (-11,2%) e a industria (5%). O sector servizos tamén experimentan unha redución do 3,3% e o colectivo Sen emprego anterior baixa o 2,1%.

Paro Rexistrado por Provincias

O comportamento do paro rexistrado nas catro provincias galegas é similar. Increméntase en relación a decembro e diminúe en cómputo anual. O incremento en relación co mes de decembro oscila entre o 4,3% de Lugo ou o 3,1% de Ourense, e o 1,2% de Pontevedra ou o 0,6% da Coruña.

A diminución sobre xaneiro de 2005 é especialmente importante na Coruña onde se reduce en -4.711 parados (o 6,1%), en Lugo onde diminúe en -741 (o -3,8%) e en Pontevedra cun descenso de -2.523 demandantes (o -3,6%). En Ourense a baixada é de -68 desempregados o que supón o 0,3%.

En relación á distribución territorial do paro rexistrado por provincias, A Coruña e Pontevedra xuntas supoñen algo máis das tres cuartas partes, (un 78 %) mentres que Lugo e Ourense supoñen un 10 e un 12% respectivamente

Contratos

En Galicia rexistráronse no primeiro mes do ano un total de 69.530 contratos, o que supón un incremento en termos absolutos de 12.283 contratos con respecto a decembro de 2005, é dicir, un 21,46% máis.

Destes 69.530 novos contratos, 7.670, é dicir o 11%, corresponderon a contratos indefinidos, e o 89% foron temporais, é dicir, 61.860.

Con respecto ao mes de decembro o número de contratos indefinidos asinados en Galicia incrementouse nun 63,54% (2.980), é dicir, 16 puntos máis que a media do Estado, que rexistrou un incremento do 47,25% (51.259). No caso dos contratos temporais experimentaron un menor ascenso, que en termos porcentuais representa un 17,70% (9.303).

O número de cotizantes á Seguridade Social incrementouse en 31.404 persoas en Galicia dende xaneiro de 2005

O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia aumentou en 31.404 persoas dende xaneiro de 2005, o que representa unha suba interanual en termos porcentuais do 3,23%. Así, a cifra en termos absolutos de afiliados de todos os réximes ascende dos 971.774 de xaneiro do pasado ano a 1.003.178 rexistrados en xaneiro de 2006.

O aumento interanual de cotizantes reflíctese tanto no réxime xeral como no de autónomos. De tal xeito a cifra de cotizantes inscritos no réxime xeral da Seguridade Social increméntase en 29.146 persoas con respecto ao mes de xaneiro de 2005, o que representa un aumento do 4,24%. Por outra banda, o réxime de autónomos rexistra unha suba do 2,62%, o que en termos absolutos supón un total de 4.693 afiliados máis que hai doce meses. O único réxime que sufre un descenso na taxa interanual é o correspondente ao agro, no que o número de cotizantes reduciuse nun total de 3.858 persoas, é dicir un 6,37% menos que en xaneiro do pasado ano.

Na evolución internaual por provincias o número de afiliados sube neste período nas catro provincias galegas, sendo Pontevedra, cun 3,68% a que rexistra un maior incremento no número de novos afiliados, en total 12.680 cotizantes máis que hai 12 meses. Tras Pontevedra sitúase A Coruña con 13.170 novos inscritos, é dicir, 3,28% máis que en xaneiro de 2005. Lugo, cun incremento porcentual interanual do 2,57% (3.155) e Ourense cun ascenso de cotizantes do 2,33% (2.399) pechan a lista.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia