Skip to main content

Touriño anuncia a inminente creación de seis mesas sectoriais de traballo entre patronal e centrais sindicais

“Neste momento vén de producirse un acordo pechado coas centrais sindicais e coa patronal para por en marcha neste mes de febreiro as seis meses sectoriais nas que se divide e organiza o traballo do diálogo social”. Con estas palabras o presidente da Xunta anunciou a inminente creación de mesas de traballo entre os axentes económicos e sociais, promovidas polo Goberno autonómico, co obxectivo de traballar conxuntamente polo “diálogo social” e a “competitividade da nosa economía”.

Emilio Pérez Touriño realizou este anuncio nunha rolda de prensa en Monte Pío, logo de que o Consello da Xunta estudase un informe da Consellería de Traballo sobre a creación destas seis meses de traballo, resultado final dun proceso iniciado o pasado mes de novembro cando se formulou unha declaración institucional ao respecto.

Así, e a través deste acordo, dase un paso en firme ao proceso de diálogo social, unha das principais inquedanzas do presidente da Xunta desde a súa chegada ao Goberno, o pasado mes de agosto.

Grupo de traballo

Por outra banda, o titular do Goberno galego valorou outro dos informes analizados na reunión do Consello. Trátase do presentado por Medio Ambiente sobre o impacto dos xeradores de enerxía eólica nos espazos naturais galegos.

En relación a este asunto, o presidente da Xunta dixo que se porá en marcha un grupo de traballo mixto conformado por técnicos da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, por unha banda, e da Consellería de Innovación e Industria, pola outra, para tratar a compatibilización entre a produción de enerxía eólica e o respecto ao medio.

Segundo Touriño, a produción eólica é irrenunciable para o país dada a aposta da Comunidade Autónoma pola xeración e uso das enerxías renovables. Porén, debe compatibilizarse esta produción enerxética co respecto aos espazos naturais protexidos de Galicia.

Dada esta necesidade, o Goberno galego conformará este grupo de traballo anunciado por Touriño para conformar os criterios que permitan conxugar o plan eólico co respecto ambiental, especialmente coas áreas protexidas, que representan un 12 por cento do espazo físico galego.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia