Skip to main content

Innovación e Industria promove a incorporación estable de investigadores a centros galegos de I+D

A Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia vén de facer públicas a través do Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases que rexerán a convocatoria de axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da liña de incorporación estable do Programa de Incentivación da Incorporación e Intensificación da actividade investigadora (Programa I3) para Galiza.

Os principais obxectivos da liña de incorporación estable son tres: fomentar a incorporación estable dos investigadores cunha traxectoria investigadora destacada nas universidades, no CSIC e noutros centros de I+D públicos; favorecer a captación ou recuperación de investigadores españois ou estranxeiros de recoñecida experiencia para a súa incorporación ao sistema galego de ciencia e tecnoloxía e incentivar a incorporación ao sistema galego de I+D de investigadores mozos cun alto potencial investigador en grupos emerxentes ou consolidados.

Con esta convocatoria, a Consellería de Innovación e Industria dá un primeiro paso na posta en marcha dun Programa de Recursos Humanos que, no ano 2006 e coa aprobación do Plan Galego de I+D+I 2006-2010, incidirá en todas as etapas da carreira investigadora, promovendo un deseño completo da mesma, tanto no sistema público como no sistema privado de investigación. Esta acción complementaráse durante este ano coa posta en marcha dun programa específico de incorporación de investigadores similar, pero de aplicación no sector privado. Ambas accións están encamiñadas a evitar a fuga de cerebros e á consolidación dos investigadores galegos adscritos a programas como o Ramón y Cajal, o Parga Pondal e equivalentes.

REQUISITOS E BENEFICIARIOS DAS AXUDAS

Poderán beneficiarse destas axudas para a incorporación estable de investigadores cunha traxectoria destacada os centros de I+D sen ánimo de lucro e con sé en Galiza, isto é: as universidades galegas, os centros do CSIC, os organismos públicos de investigación, os centros de I+D vencellados á administración xeral do Estado, á da comunidade autónoma ou ás entidades locais galegas, as entidades privadas sen ánimo de lucro con capacidade e actividade demostrada en I+D e os centros tecnolóxicos públicos e privados.

Os postos de traballo que serán subvencionados a través desta acción deberán ser ocupados por investigadores ou profesores-investigadores que reúnan os seguintes requisitos: ser doutor cunha antigüidade mínima de seis anos, ter unha experiencia postdoutoral de dous anos en universidades ou centros de I+D distintos daquel no que se estean prestando os seus servizos e cumprir os requisitos de calidade da produción e actividade científico-tecnolóxica que implican unha traxectoria investigadora destacada aos efectos do programa establecido polo Ministerio de Educación y Ciencia.

O número e contía das axudas, así como os requisitos específicos dos candidatos serán establecidos anualmente a través dunha convocatoria pública de axudas. A convocatoria relativa a 2005 será publicada proximamente a través do Diario Oficial de Galicia.

ACORDO CO MINISTERIO DE EDUCACIÓN Y CIENCIA

O Programa I3 foi posto en marcha polo Ministerio de Educación y Ciencia no ano 2005 (Orde ECI/1520/2005 de 26 de maio), no marco do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2004-2007, e, en outubro de 2005, o Ministerio de Educación y Ciencia e a Xunta de Galicia asinaron un protocolo de colaboración para a súa implantación en Galiza.

Como resultado deste protocolo de colaboración, asignóuselle á Consellería de Innovación e Industria a tarefa de encargarse da convocatoria da liña de incorporación estable e á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a liña de intensificación.

A liña de incorporación estable, á que se refire esta orde, materializarase proximamente a través da convocatoria de postos de traballo de carácter permanente en centros de I+D de Galiza para 2005. Esta acción enmárcase no Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I que ten, entre outros obxectivos, o de incrementar os recursos humanos dedicados a actividades de I+D+I tanto en número como en especialización nas áreas de maior interese para Galiza, así como incrementar o número de doutores e tecnológos incorporados ao sistema público de I+D.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia