Skip to main content

Fabiola Sotelo asegura que aprobouse o Gran Pacto pola Cooperación Galega

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, asegurou que “aprobouse o gran pacto pola cooperación galega” co visto bo “por unanimidade” das comisións de coordinación e asesoramento ao borrador do I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009.

O texto someteuse a consultas e aprobouse polos tres organismos establecidos pola Lei Galega de Cooperación -na que están representadas os organismos da sociedade civil e as tres forzas políticas galegas-: a Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE), a Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE) e o Fondo Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE), que se reuniron en San Caetano.

Segundo destacou Sotelo, na redacción final do texto do Plan Director “recolléronse a práctica totalidade das alegacións”, a maior parte delas presentadas polas ONGD´s, no marco do “espírito” que “prima na Dirección Xeral de Cooperación Exterior “de apertura de cara a todos os axentes” implicados en Galicia na acción a prol do desenvolvemento. Neste sentido, cualificou estas xuntanzas como “moi importantes” e destacou que “supuxeron a implicación de todos os sectores”.

As liñas principais recollidas no I Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009 artéllanse segundo dous criterios: o sectorial e o territorial. A especialización sectorial, tendo sempre como obxectivo fundamental a loita contra a pobreza e as súas causas. Sete son os sectores identificados como prioritarios:

a. A Cobertura das necesidades sociais básicas
b. Infraestrutura e promoción do tecido económico
c. Participación social
d. Desenvolvemento institucional e bo goberno
e. Investimento no ser humano
f. Protección e mellora do medio ambiente e traballo a prol do desenvolvemento sostible
g. Sensibilización e a educación para o desenvolvemento.

No relativo á priorización segundo áreas xeográficas, e coa finalidade de concentrar as actuacións dos diferentes axentes da cooperación, tratando deste modo de favorecer o impacto positivo no desenvolvemento das poboacións coas que se traballa. Os países considerados prioritarios para a Cooperación galega son:

América do Sur: Perú, Bolivia, Ecuador.
Centroamérica: Guatemala, Nicaragua, Honduras e O Salvador.
Caribe: Cuba, República Dominicana e Haití.
África: Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal.

Así mesmo, e segundo subliñou a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, “prestarase unha atención especial á continuidade das relacións de solidariedade e débeda histórica que dende moitos sectores da sociedade galega se manteñen coa poboación dos campamentos saharauis”.

Plan anual 2006

Na orde do día destas xuntanzas tamén se analizou o Plan Anual 2006. O texto analizado establece tres liñas básicas de actuación para este ano: a sensibilización social, o fortalecemento do tecido asociativo e o pulo ao comercio xusto e responsable.

Todas as comisións déronlle o seu visto e prace “por unanimidade”. Fabiola Sotelo informou que este ano o departamento que dirixe conta cun orzamento de 6.600 millóns de euros para actuacións en proxectos, sensibilización, campañas e fortalecemento das ONGD´s ao longo deste ano.

As comisións

As comisións reunidas en San Caetano teñen, designadas pola Lei de Cooperación para o Desenvolvemento, caracter de “órganos de coordinación e asesoramento”. A Comisión Interdepartamental de Cooperación ao Desenvolvemento (CINCODE) está integrada por representantes de todas as consellerías da Xunta de Galicia.

A Comisión Interterritorial de Cooperación para o Desenvolvemento (CINTERCODE), presidida polo conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, conta coa participación de representantes dos departamentos de Administración Local, Facenda, Pesca e Medio Ambiente da Xunta de Galicia, así como con membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSOL) e da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Pola súa banda, o Fondo Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (CONGACODE), presidido pola directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, contou con representación da Vicepresidencia da Igualdade e Benestar Social, das consellerías de Presidencia, Economía e Facenda, Educación e Ordenación Universitaria, Sanidade, Pesca e da secretaría xeral de Emigración, ademais de vogais representantes do FOGACOSOL, Confederación de Empresarios de Galicia, Fundacións de Caixas de Aforros, organizacións sindicais, Comunidades galegas no exterior, Coordinadora galega de ONG´s para o desenvolvemento, universidades galegas e expertos na materia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia