Skip to main content

O xornalista navarro Manuel Martorell fala sobre a diversidade e o pluralismo en Oriente Medio

O Xornalista navarro Manuel Martorell pronuncia o 15 de Febreiro en Santiago, na sé do Club Internacional de Prensa (Avda. Coruña 6 baixo), a conferencia titulada “Diversidade e o Pluralismo en Oriente Medio”. O acto está organizado polo IGADI e o Club Internacional de Prensa. Na Conferencia está tamén presente Irfan
Güler, avogado kurdo residente en Santiago, que ten levado a cabo distintos proxectos de cooperación entre o concello compostelán e distintas cidades kurdas. Actualmente, está traballando no proxecto de rehabilitación do casco histórico do concello kurdo da cidade de Diyarbakir Sur. A fins de marzo, celebrarase en Santiago unha Semana Cultural Kurda. Cando vivía en Kurdistán, Irfan Güler levou a cabo –como avogado- a defensa dos dereitos do pobo kurdo, participando en diferentes comisións do Colexio de Avogados de Estambul e é membro da Asociación de Dereitos Humanos desta mesma cidade, Diyarbakir. Foi Secretario Xeral da Fundación para a Investigación sobre a Sociedade e a Lei, en Estambul, que está apoiada pola ONU e cuxos fins don a rehabilitación física das persoas torturadas en Turquía, e a defensa dos seus dereitos no Tribunal Europeo de Estrasburgo. Hoxe está realizando o doctorado na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago.

Manuel Martorell

A disertación de Martorell céntrase en boa medida na situación kurda. Os kurdos compoñen o pobo sen estado maior do mundo, con máis de 30 millóns de persoas divididos polas fronteiras de Irán, Irak, Turquía e Siria. Nestes catro países, debido ás políticas de represión e nalgunhs épocas, de limpeza étnica ou xenocidio, o pobo kurdo rematou dotándose de fortes organizacións político-militares en defensa dos seus dereitos nacioanis, xeralmente negados de xeito intransixente polos respectivos gobernos destes catro países.

A inviabilidade de modificar as fronteiras establecidas trala desarticulación do Imperio Otomano ó rematar a I Guerra Mundial, fai practicamente imposible a consecución destas reivindicacións, o que deu á cuestión kurda un carácter irredentista. Esta é a razón que converteu o problema kurdo nun asunto de primeira orde para estes poderosos Estados, fundamentalmente, pola profunda proxección desestabilizadora que a consecución destes dereitos terían en toda a zona. O feito de que o Kurdistán, o país dos kurdos, inclúa zonas de gran valor económico, sobre todo na produción petrolífera, agrícola e tamén no subministro de auga nesta desertizada rexión, non fai máis que dar maior relevancia ó
problema.

A importancia do problema kurdo tamén pasou a un primeiro plano da actualidade internacional debido, fundamentalmente, á guerra de Irak, onde as organizacións kurdas están xogando un papel clave na transición e configuración do novo escenario político, e as negociacións entabladas para a integración de Turquía na Unión Europea, que require entroutras esixencias, a concecion de maiores marxes de liberdade para esta minoría. Igualmente, as organizacións kurdas en Irán son as principais impulsoras da oposición, tanto fronte ó réxime integrista da República Islámica, como ante o actual goberno do Bachar al Asad en Siria.

Dada a actual crise desta rexión de tanta importancia económica e xeoestratéxica para o resto do mundo, conside´rase que o protagonismo do pobo kurdo e das súas organizacións políticas non deixarán de aumentar nos vindeiros acontecementos ou cambios que se desenvolvan nesta conflictiva rexión.

Traxectoria profesional de Manuel Martorell

Manuel Martorell traballou como xornalista na Axencia Efe, en Diario 16 e La Voz de Almería, con distintas responsabilidades de dirección en varios destes medios. Foi tamén membro fundador de El Mundo, co cargo de xefe da sección de Política nacional, e logo, corresponsal deste xornal en América Latina, e xefe da sección de política internacional. En numerosas ocasións foi enviado especial a Turquía, Irán, Irak, Siria, Líbano e Chipre. Dende o 2001 ó 2004, colaborou e foi analista en temas de Oriente Medio en El Mundo, El Confidencia, na revista La Aventura de la Historia, no Real Instituto Elcano de Estudos Internacionais e Estratéxicos –entidade patrocinada polos Ministerios de Asuntos Exteriores e Defensa, o IGADI e o Centro de Investigación para a Paz.

Tamén fixo varios traballos de dirección, guión e realización de reportaxes videográficas sobre a situación do pobo kurdo trala Guerra do Golfo do 1991, para distintas cadeas de televisión tanto estatais como autonómicas.

En canto ós seus libros publicados, cabe salientar: Los kurdos: historia de una resistencia, Jesús Monzón: el líder comunista olvidado por la Historia, Andanzas de un carlista del siglo XX, El exilio republicano navarro en 1939, Kurdistán: el complot del silencio, La comarca de Pamplona. Territorio, economía, sociedad e historia, Irak: reflexiones sobre una guerra, Genocidio y crímenes contra la Humanidad, Kurdistán: viaje al país prohibido, e Mujeres que la Historia no nombró.

Dende 1991 á actualidade, ten participado tamén en numerosos Congresos e impartido conferencias sobre a situación do pobo kurdo, o mundo árabe, os medios de comunicación: a información sobre os conflictos armados e a cooperación internacional, os conflictos europeos, etc...
Club Internacional de Prensa - Xunta de Galicia