Skip to main content

Fernando Blanco transmitiulle aos representantes da Mesa do Carbón a necesidade de defender o criterio de reparto de fondos previsto no borrador do Plan do Carbón

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, reuniuse cos integrantes da Mesa Sectorial do Carbón para revisar o plan social e o reparto dos fondos do Plan da Minería do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras proposto polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para 2006-2012. Fernando Blanco cualificou a xuntanza de “fructífera e moi positiva” porque, segundo explicou, “coincidimos na necesidade de defender o criterio de reparto previsto no borrador do Plan” de xaneiro de 2006 e “que Galiza tamén defenda os seus intereses colectivamente”.

Con estas verbas, o Conselleiro facía referencia ás previsións que recolle o actual borrador do Plan presentado polo Ministerio de Industria, que estima uns investimentos en Galiza de 167,79 millóns de euros. Deste montante total, un 63,3% (106,2 millóns de euros) destinaríase a desenvolvemento de infraestructuras e o resto, o 36,7% (61,59 millóns) iría asignado a apoio a proxectos de investimento empresarial. Fernando Blanco explicou que este é o borrador no que se está a traballar, e matizou que “nos nosos cálculos de aplicación sistemática da fórmula prevista no borrador realmente saian 191,94 millóns de euros”. O Conselleiro subliñou a necesidade de que estas cifras “sexan un referente á hora da discusión do novo Plan, tendo en conta que Galiza dispuxo, desde 1998 a 2005, de 140 millóns de euros menos en infraestructuras”, dixo.

CREACIÓN DA MESA DA INDUSTRIA AUXILIAR

Na Mesa Sectorial do Carbón participaron, amais da Consellería de Innovación e Industria, os concellos das cuncas carboníferas galegas, As Pontes e Cerceda, as empresas concesionarias nestas cuncas, Endesa e Limeisa, e as centrais sindicais UXT, CCOO e CIG. O Conselleiro revelou que, na reunión, decidiron crear a Mesa da Industria Auxiliar, “para dar resposta a unha problemática laboral que se está a dar no sector e que nos preocupa, de xeito que busquemos o mellor futuro e a mellor integración para estes traballadores”. Neste senso, Fernando Blanco subliñou “a actitude positiva de todos os que estiveron presentes na reunión a prol da defensa dos intereses de Galiza, que estou seguro que así se vai facer na discusión deste plan”.

No anterior Plan da Minería do Carbón, correspondente ao período 1998-2005, Galiza deixou de percibir 140 millóns de euros, xa que a participación da comunidade nestes fondos foi dun 2,19% cando a perda de emprego que se produciu chegou ao 8,49%. O Conselleiro de Innovación e Industria lembrou este dato para asegurar que as cantidades previstas no borrador do novo Plan do Carbón “son as que nos parece que debe percibir Galiza”, e subliñou a necesidade de ter en conta este dato “para afrontar unha nova negociación onde Galiza non debe saír perxudicada”. Isto permitirá aos sectores implicados “afrontar proxectos de futuro para Galiza, como son os de infraestructuras, proxectos empresariais e os propios de formación dos sindicatos”.

O novo Plan da Minería do Carbón e Desenvolvemento Alternativo das Comarcas Mineiras proposto polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para o 2006-2012 será co-financiado pola Xunta de Galicia. Unha aportación de fondos á que tamén fixo referencia Fernando Blanco para subliñar que un dos obxectivos da Consellería de Innovación e Industria é conseguir que o esforzo de co-financiamento da comunidade autónoma “sexa menor”, un obxectivo motivado pola perda económica sufrida por Galiza no anterior Plan co conseguinte detrimento económico. “En todo caso estamos dispostos a acometer estes investimentos e a cofinanciados. Se hai vontade por parte da Administración, das empresas, dos sindicatos, dos concellos e do conxunto de Galiza esta negociación dará como resultado o mellor para Galiza”, asegurou.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia