Skip to main content

Innovación fai pública a nova composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (CICETGA)

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, pasa a ocupar a presidencia da CICETGA, mentres que o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato, é o novo vicepresidente do organismo. Como secretario actuará un subdirector xeral da Dirección Xeral de I+D+I e haberá un vogal, con rango de secretario xeral ou director xeral, por cada un dos departamentos que integran a Xunta de Galicia.

FUNCIÓNS DA CICETGA

A Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia encargarase de elevar á Xunta de Galicia o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, de execución cuatrienal, que dotará de coordinación e coherencia todas as actuacións desenvolvidas neste ámbito.

Así mesmo, a Comisión desenvolverá outras funcións como a asignación dos fondos públicos destinados aos diferentes programas que integran o plan e atribuirlles unha duración; avaliará o cumprimento do Plan e a súa execución orzamentaria; elevará á Xunta de Galicia as propostas que estime necesarias para asegurar o desenvolvemento e cumprimento do Plan galego; revisará anualmente o Plan e elaborará unha memoria; emitirá informe, para a súa aprobación pola Xunta de Galicia, dos programas de investigación que se concerten co Plan Nacional de Investigación; coordinará as actividades e programas de investigación que as distintas consellerías e organismos competentes realicen en cumprimento do Plan; orientará as políticas de formación de investigadores en todos os seus niveis e recadará información científica e tecnolóxica necesaria para o cumprimento do Plan.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia