Skip to main content

O presidente da Xunta convocará de forma inmediata a todas as administracións implicadas na loita contra a violencia de xénero para pór en marcha un protocolo de coordinación das súas actuacións

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a convocar de xeito inmediato a todas as administracións implicadas en Galicia na loita contra a violencia de xénero para pór en marcha un protocolo de coordinación que permita “mellorar e profundizar” o traballo conxunto realizado. Tras lamentar o “dramático” novo caso de violencia que sacudiu a cidade de Vigo, o máximo mandatario galego instou a todos os cidadáns a “camiñar xuntos na loita” para erradicar esta “lacra” e incidiu en que este ano o Goberno que preside levará ao Parlamento a Lei Integral de Galicia contra a Violencia de Xénero.

En declaracións aos xornalistas, o presidente anunciou a súa intención de poñer en marcha de “maneira inmediata” o protocolo que coordine a actuación de todas as administracións implicadas na loita contra a violencia de xénero coa intención de “mellorar e profundizar” esta “coordinación imprescindible”. Unha iniciativa, lembrou, na que estarán implicadas a Delegación do Goberno en Galicia, a Fiscalía, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, as asociacións de mulleres e os colexios de avogados e de psicólogos, así como catro departamentos do Goberno galego –a Vicepresidencia e as consellerías de Presidencia, Sanidade e Educación-. “Necesitamos impulsar unha profunda mellora mediante o correspondente protocolo tamén na acción inmediata de forzas e corpos de seguridade para a protección das vítimas de violencia e para a súa mellor coordinación cos órganos xurisdicionais”, remarcou.

A esta medida, o presidente sumou as iniciativas do Goberno galego para pór fin a este drama. Así, destacou que este mesmo ano o Executivo levará ao Parlamento a Lei Integral de Galicia contra a Violencia de Xénero, que será unha lei que “se sume e complemente a lei estatal” e que será “capaz” de artellar “todas as medidas” necesarias para erradicar e combater coa dureza necesaria co crime e a violencia.

Asemade, sinalou tamén a campaña posta en marcha nestes momentos pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para suscitar “a implicación” dos medios de comunicación “na batalla pola igualdade e contra a violencia de xénero.

O xefe do Executivo galego sinalou que a loita contra a violencia machista é “un combate de país, un combate da cidadanía e de todos os días”. Por iso, incidiu na necesidade de mellorar a “sensibilidade social” e lograr “unha maior implicación” e unha maior “corresponsabilidade” da cidadanía para erradicar plenamente o maltrato e a violencia. “Hoxe máis que nunca quero convocar a toda Galicia, a todos os cidadáns, a camiñar xuntos nunha loita que non ten máis fin que a erradicación plena da violencia”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia