Skip to main content

O presidente da Xunta aposta por potenciar o funcionamento e a eficiencia do Centro Ramón Piñeiro

Durante a súa primeira visita ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o titular do Goberno galego refiriuse á necesidade de modificar o status legal e administrativo desta institución co obxecto de introducir melloras para garantir un funcionamento máis eficiente do Centro. No decurso do acto de entrega do III Premio Ramón Piñeiro de Ensaio Breve, Touriño expresou publicamente o seu compromiso de estudar e analizar o funcionamento do centro, e buscar mecanismos para solucionar posibles problemas que lle aqueixen.

Emilio Pérez Touriño, quen presidiu a xuntanza da Comisión Reitora do Centro, tivo ocasión de falar cos seus integrantes e compartir con eles as informacións precisas que lle expuxeron sobre o labor desenvolvido en 2005, así como os proxectos previstos para o presente ano. En concreto, Touriño tivo verbas de eloxio para o finado humanista Agustín Sixto Seco, que dedicou ao Ramón Piñeiro “moito daquel entusiasmo e optimismo que sempre caracterizou as súas innumerables actuacións ao servizo de Galicia e da súa cultura”.

Parabéns ao premiado

O titular do Executivo autonómico felicitou ao gañador do certame, Manuel Forcadela. Cunha obra ensaística que reconstrúe e revaloriza o papel desempeñado por Ramón Piñeiro na reincorporación de Cunqueiro ás letras galegas, Forcadela suma un novo galardón aos moitos que xa posúe como poeta e ensaísta.

De Ramón Piñeiro, que da nome ao Centro, Touriño quixo resaltar o seu galeguismo “transversal e pluralista”, capaz de superar as barreiras das ideoloxías e dos intereses grupais, sen excluír a ningúen. En opinión do mandatario autonómico, a súa obra “segue a ser hoxe un legado fértil para a vida política, social e cultural de Galicia”.

Logo da entrega do premio, o Ramón Piñeiro foi o escenario de presentación de dúas publicacións, promovidas pola institución, e que teñen a Manuel Lugrís, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, como eixo central. Trátase de Obra narrativa en galego e Tierra Gallega (Montevideo 1917-1918).
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia