Skip to main content

A directora xeral de Cooperación Exterior reivindica un papel activo de Galicia nos procesos de loita contra a pobreza

A Directora Xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, inaugurou na Coruña a II edición do Curso de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento e Xestión de ONG´s, organizado polo Instituto Universitario de Estudos Europeos da Universidade da Coruña.

Na súa intervención, Fabiola Sotelo reivindicou un papel activo de Galicia nos procesos de loita contra a pobreza e as súas causas. “Galicia debe integrarse definitivamente nunha comunidade internacional cada vez máis interrelacionada” e avanzar no traballo para procurar “unha globalización na que a dignidade e o respecto polos dereitos humanos sexa a norma”, asegurou a directora xeral. “Dende a Xunta de Galicia, como principal actor da cooperación galega, -dixo- este compromiso na loita contra o empobrecemento exprésase de dous xeitos”, xa recollidos no acordo de Goberno: acadar o 0,4% dos orzamentos no horizonte da lexislatura e dignificar e incluír a cooperación internacional na acción política do goberno galego”.

Borrador do Plan Director, “pacto pola cooperación”

Sotelo lembrou que onte mesmo se aprobou “por unanimidade” a proposta de Plan Director que guiará as actuacións do seu departamento entre 2006 e 2009. As tres comisións de coordinación e asesoramento establecidas na Lei de Cooperación déronlle o seu visto bo e agora será elevado ao Consello da Xunta para que o remita ao Parlamento de Galicia, órgano responsable da súa aprobación definitiva.

Para a directora xeral de Cooperación Exterior, este consenso supón reivindicar o Plan Director como un “pacto por unha cooperación de calidade e baseada no dereito ao desenvolvemento”. Neste sentido, defendeu un “compromiso” de Galicia “cos procesos de loita contra a pobreza e as súas causas” e instou aos “galegos e galegas a facer seus os Obxectivos do Milenio e alzar a voz para esixir o seu cumprimento”. Segundo informou, “hai máis de 1.100 millóns de persoas que sobreviven con menos dun euro diario, 10 millóns de nenos e nenas que morren antes dos 5 anos e 800 millóns que non teñen acceso a unha alimentación básica”.

Políticas activas e integrais

Para erradicar estas condicións, avogou por “realizar e fomentar unha política activa e integral de sensibilización e comunicación á sociedade galega” e, sobre todo, fomentar “a educación para o desenvolvemento”. Fabiola Sotelo incidiu na necesidade de “fortalecer” os actores da cooperación en Galicia, especialmente a “mellora técnica e operativa de todo o sector, empezando pola cooperación directa realizada dende a Xunta de Galicia”.

Para todos estes obxectivos marcados nas liñas de actuación do Goberno galego para esta lexislatura, Fabiola Sotelo afirmou que “en todas elas manterase como requisito básico e imprescindible a procura da máxima colaboración entre todos os actores da cooperación” na Comunidade Autónoma.

En referencia á capacitación, Sotelo congratulouse pola organización destes cursos de especialización no eido académico e sinalou especialmente á “capacidade de formación e investigación” da Universidade. Tamén destacou o peso específico da “cooperación universitaria” e da “transferencia de coñecementos e de tecnoloxía” a outros países para favorecer o seu desenvolvemento.

“Precisamos de todos vos, dixo, do voso esforzo e da vosa esixencia”, dixo en referencia aos presentes. “Entre todos, faremos posible a superación deste reto apaixonante da loita contra as causas da pobreza”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia