Skip to main content

A Mesa pídelle á Secretaria Xeral de Política Lingüística planificación e transparencia

O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, xunto coa Secretaria Xeral desta entidade, María Xosé Jamardo, mantiveron unha entrevista con Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza. É o segundo encontro que se produce entre a organización cidadá en defensa da lingua e a nova responsábel da materia no Goberno galego.

Os dirixentes da Mesa transmitíronlle a Marisol López a súa “preocupación” porque a Secretaría Xeral non estea a “atacar os problemas de base que ten o galego, como a vulneración de dereitos no ámbito da xustiza ou do ensino”. Reclamáronlle tamén “un proxecto global de actuación para o 2006”, o cal, segundo  indicou Marisol López, está aínda sen facer, mais que pretende presentar nas próximas semanas. O colectivo recorda que “unha política lingüística, para ser eficiente e eficaz, precisa de ser planificada; non pode facerse a base de ocorrencias”. Nese sentido, A Mesa presentou unha táboa das que considera “dez medidas urxentes”, dentro das estabelecidas polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Carlos Callón e María Xosé Jamardo tamén convidaron formalmente a Marisol López a “coñecer o local nacional da Mesa pola Normalización Lingüística en Santiago”, para que poida ver de primeira man o xeito de traballo que ten unha organización cidadá en defensa da lingua.

Na entrevista tratáronse, entre outros, os seguintes temas:

- Ensino: A Secretaria Xeral non coñece a situación do galego no ensino, mais comprométese a promulgar un novo Decreto que garanta un mínimo dun 50% da docencia na nosa lingua. A Secretaria Xeral reiterou o compromiso, xa sinalado previamente pola Conselleira de Educación, de que para o curso próximo un mínimo dun 50% da docencia será na nosa lingua. Para iso, A Mesa indica que non só é necesario que se promulgue un novo decreto, senón que tamén se realicen actividades previas, tanto sensibilizadoras como formativas, para o profesorado que no curso próximo vai estar afectado por esa norma legal.

Unha anécdota “sorprendente” da entrevista produciuse cando a Secretaria Xeral lle preguntou aos dirixentes da Mesa se coñecían casos concretos de incumprimentos. Nese momento, os responsábeis da Mesa sinalaron as varias carpetas voluminosas que tiña nos estantes do seu gabinete, que na súa rotulación sinalaban que aí se gardaba a información relacionada coas denuncias xudiciais presentadas pola Mesa por vulneración do Decreto 247/95 , que marca as materias mínimas a impartir en galego no ensino non universitario. Segundo o Presidente da Mesa, “é tal a situación, que a Secretaria Xeral non coñece aínda nin a información que ten no seu propio gabinete. Informes tan cruciais como os relacionados co galego no ensino, están como adorno nos estantes.”

- A Coruña: topónimo e cooficialidade

A Secretaria Xeral mostrouse reacia á posibilidade de que desde o seu departamento se abra un novo frente xudicial para defender a legalidade lingüística no Concello da Coruña. Porén, si indicou que tiña en proxecto desenvolver unha campaña social, informativa e permeabilizadora, sobre a denominación xenuína e única oficial da cidade: A Coruña.

A Mesa parabeniza esta decisión, e agarda que “non se dea marcha atrás por intereses partidarios”. Ademais, esta organización recorda que o problema nesta cidade non é só o referido á súa denominación, senón que nesta administración municipal o galego está “proscrito”, negándolle na práctica diaria o seu carácter constitucional de “lingua propia e cooficial”.

- Convenio coa Confederación de Empresarios: A Mesa pide “transparencia”

O departamento de Política Lingüística viña convocando anualmente axudas para a galeguización de empresas. Hai varias semanas a Secretaria Xeral anunciou que ía asinar un convenio, por un valor superior aos 720.000 euros, coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG); a cantidade de diñeiro é próxima á do montante de convocatorias de subvencións de anos anteriores. Porén, a Secretaria Xeral transmitiulle á Mesa que aínda non tiña decidido se este ano se ían convocar ou non as subvencións, á parte do convenio coa CEG.

A Mesa pola Normalización Lingüística pide que a Secretaría Xeral actúe “con transparencia nesta materia”. Pregúntanse ademais se non será unha “ocorrencia que carece da necesaria reflexión previa”, pois a decisión de asinar o convenio tomouse non só antes de ter unha planificación para o 2006, senón mesmo antes de que a CEG lle presentase á Xunta o seu proxecto de traballo.

A Mesa tampouco entende cales son as razóns para externalizar servizos que podería desenvolver a propia Secretaría Xeral, máxime a través dunha entidade que non está galeguizada (até hai pouco a CEG nin tiña operativa a súa web en galego; actualmente, a súa páxina de entrada continúa cos textos só en castelán e a versión en galego está chea de graves incorrecións, como “formación ocupacional y continua”, “control de xestión y presupostario”,  “asistencia a la presidencia”, etc) .

Ademais, esta decisión supón a “hibernación” de todo o traballo realizado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega para o sector empresarial.

- Centro de Investigación Ramón Piñeiro

A Secretaria Xeral de Política Lingüística anuncioulles tamén que, contrariamente ao que viña defendendo até o momento, o Centro de Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro vai deixar de depender do seu departamento. A Mesa considérao “unha moi boa noticia para a lingua”, pois case dous millóns de euros dos orzamentos que deberían servir para normalizar o galego destinábanse a actividades culturais e de investigación que non repercutían na incorporación da nosa lingua a novos ámbitos. A Mesa pola Normalización Lingüística defendeu que se adoptase unha decisión como esta desde o mesmo momento en que se creou o Centro.
A Mesa pola Normalización Lingüística