Skip to main content

Innovación concede 22 millóns de euros ás tres universidades galegas para a adquisición de infraestrutura científico-tecnolóxica

“As necesidades reais de infraestruturas dentro do Sistema Universitario de Galicia, son imprescindibles para o desenvolvemento de todo o potencial científico e tecnolóxico das nosas Universidades” –destacou o Conselleiro de Innovación e Industria-. ”Por isto, a Consellería de Innovación e Industria mediante este convenio fai unha aposta decidida para dotar as Universidades Galegas das ferramentas que as fagan ser máis competitivas no camiño da excelencia científica e as doten da capacidade de constituír unha verdadeira plataforma de servizos tecnolóxicos que cubran as demandas do sector empresarial, de xeito que actúen como un auténtico motor da I+D+I das pemes galegas”.

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, explicou deste xeito a necesidade de asinar este acordo de financiamento coas tres universidades galegas, nunha rolda de prensa na que interviron tamén o director xeral de I+D+I, Salustiano Mato de la Iglesia, e os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Senén Barro Ameneiro, o da Universidade de Vigo, Domingo Docampo Amoedo, e o da Universidade da Coruña, José María Barja Pérez. Todos eles presentaron en Santiago de Compostela o acordo de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e as tres universidades galegas para o financiamento de diversas accións de investigación e desenvolvemento de infraestruturas científico-tecnolóxicas.

O acordo, que será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, establece o financiamento por parte da Consellería de Innovación e Industria dunha serie de actuacións en materia de infraestruturas científico-tecnolóxicas nas tres universidades galegas, por un importe de 22.045.078,68 euros. Esta aportación correspóndese exactamente co importe íntegro dos préstamos concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia ás tres universidades galegas, a través da resolución de 14 de decembro de 2005 pola que adxudicaron as axudas en forma de anticipos reembolsables para a realización de proxectos de infraestrutura científico-tecnolóxica.

As tres universidades galegas comprométense a adquirir as infraestruturas, obxecto deste convenio, no periodo 2005-2007 e a devolver o préstamo concedido polo Ministerio de Educación y Ciencia. A Consellería de Innovación e Industria financiará pois, entre outras accións, a construción dos Centros de Investigacións Químicas e do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Santiago de Compostela, a diversas actuacións na Cidade Tecnolóxica da Universidade de Vigo e equipos activos e ferramentas de xestión de rede na Universidade da Coruña.

INFRAESTRUTURA CIENTÍFICA NA USC

En virtude deste convenio, a Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá até 2007 unha serie de actuacións que, de seguido, se detallan. Construiráse o Centro de Investigacións Biomédicas, no novo Campus da Saúde, partindo da traxectoria e relevancia actual da investigación biomédica na USC e contando coas sinerxías xeradas pola proximidade ao complexo hospitalario. O novo Parque Científico acollerá tamén o Centro de Investigacións Químicas onde desenvolverán a súa actividade os grupos de investigación máis competitivos nas áreas de Química Orgánica e Inorgánica, así como da Química-Física e Química-Analítica

Así mesmo, dada importacia enconómica e social da acuicultura para Galiza, dotaráse o Instituto de Acuicultura da USC dunha plataforma de equipamentos científicos que permitan a aplicación de técnicas biotecnolóxicas ao desenvolvemento do cultivo de peixes e moluscos, á seguridade alimentaria e ao mantemento dos recursos mariños. Pola súa banda, equiparáse a Escola Técnica Superior de Enxeñería dunha plataforma de tecnoloxía ambiental, que permitirá ensaiar, validar e darlle difusión a invencións e novos desenvolvementos en sistemas de tratamento ambiental.

A adquisición dun equipo de cromatografía líquida/espectrometría de masas permitirá a potenciación dun conxunto de liñas de investigación no área neurobiolóxica, como a investigación dos mecanismos moleculares responsables de procesos neurodexenerativos (Parkison), o desenvolvemento de terapias para esta enfermidade baseadas en transplantes neuronais e o estudo dos mecanismos moleculares de toxicidade de sustancias neuroactivas. O laboratorio de irradiación, pola súa banda, constituiráse en servizo á investigación sanitaria e industrial en campos tan diversos como a esterilización de compoñentes, a eliminación de residuos ou o calibrado de sistemas terapéuticos.

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo ampliará e modernizará a dotación técnica dos seus laboratorios de investigación, reforzando a súa capacidade de servizo nun campus cunha marcada vocación sectorial. Ampliaráse tamén a cobertura e seguridade da rede de comunicacións da Universidade, permitindo así unha maior estabilidade do entorno de traballo do conxunto da comunidade universitaria fortemente dependente dunhas adecuadas infraestruturas no ámbito das Tecnoloxías da Información e Comunicacións .

INFRAESTRUTURA CIENTÍFICA NA UVIGO

A ampliación do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI) posibilitará dispor dunhas instalacións que superen as limitacións técnicas do actual edificio, o potenciamento dos Servizos de Excelencia: Determinación Estructural e Proteómica, Nanotecnoloxías e Análises de Superficies, Microscopía Electrónica e Desenvolvemento Sostible e Calidade Alimentaria, crear os novos Servizos de Litoteca e Medidas e Control de Radiactividade, unha maior aproximación aos usuarios, incrementar o nivel de autoservizo e un contacto institutional coas empresas, ofrecendo uns servizos de colaboración que trascendan á obtención de resultados de análises.

A construción do Módulo Tecnolóxico Industrial pretende cubrir as necesidades básicas dos investigadores do ámbito tecnolóxico, que desenvolvan proxectos de I+D con empresas e industrias. Así mesmo, ambiciona ser un escaparate das novas tecnoloxías e un foco de atracción de novos clientes que permita a dinamización da consecución de fitos tecnolóxicos, creación de centros mixtos Universidade-empresa e aproximación das empresas con centros de I+D ao campus.

A construción do Animalario de Cría e Experimentación con fins biosanitarios (UVI-SERGAS) ten por obxectivo satisfacer a demanda existente por parte dos investigadores da Universidade de Vigo e Hospitais da rede pública do sur de Galiza e empresas de diversos sectores económicos que requiren de animais de laboratorio de calidade, definidos e controlados sanitaria e xeneticamente.

A actualización, ampliación e mellora da rede de comunicacións da UVI redundará nunha ampliación das súas aplicacións, ademais de garantir a seguridade e a disponibilidade da rede, así como adaptarse ás novas tecnoloxías que conformarán a nova rede de investigación nacional (REDIRIS 2). O equipamento para o laboratorio de medidas de radiación electromagnética pretende renovar un equipo de medida fundamental, o analizador vectorial de redes, mellorar a capacidade de media en cámara anecoica, mediante a construción dunha de maiores dimensións, a dotación dunha una cámara de medidas de compatibilidade electromagnética radiada coa que completar a capacidade de medida de compatibilidade electromagnética conducida, e, por último, a dotación dun vehículo adecuado para a realización de medidas de campo.

A infraestructura de Nanotecnoloxía e Novos Materiais permitirá a preparación, o procesado e o estudo de materiais, sobre todo os de dimensións moleculares. O equipamento científico básico para a posta en funcionamento da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla é outra das accións que inclúe este convenio. O equipamento principal inclúe, nas zonas húmidas, tanques de cultivo, contador de partículas, compresor para botellas, autoclaves, sondas, sistemas de filtración e de regulación térmica, e na zona seca, microscopía e análises de imaxe, balanzas, estufas, conxeladores, centrífugas, espectrofotómetros, destiladores e lote de preparación de placas.

Por último, tendo en conta que as empresas agroalimentarias de Galiza son maioritariamente PEMES con escasa capacidade técnica que lles impide afrontar en solitario todas as etapas do desenvolvemento de novos produtos, a posta en marcha do Laboratorio de Desenvolvemento de Novos Produtos permitirá ofrecer ao sector produtivo axuda en: formulación de novos produtos alimentarios, obtención de novos ingredientes e materias primas, aproveitamento e valorización de subprodutos e residuos.

INFRAESTRUTURA CIENTÍFICA NA UDC

Os proxectos sobre infraestruturas científico-tecnolóxicas que vai a desenvolver a Universidade da Coruña dedicaránse a actuacións que permitan incorporar novas capacidades multimedia para o seu uso na docencia e na investigación. As máis destacadas son: Equipos activos e ferramentas de xestión de rede, para actualizar a
tecnoloxía Xigabit das troncais de acceso aos distintos centros da Universidade e dos conmutadores de acceso das estacións de traballo; Fibra óptica monomodo para backbone intercampus, que permitirá ampliar a capacidade de comunicación nos campus con novas liñas de fibra óptica monomodo e a mellora da infraestrutura de cableado de voz e datos dalgúns centros.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia