Skip to main content

O presidente da Xunta comprométese a seguir colaborando en proxectos de cooperación exterior como os promovidos por Manos Unidas

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a colaborar activamente en proxectos de cooperación exterior como os que está a promover a ONG Manos Unidas. O titular do Executivo galego realizou este compromiso logo de se reunir, no seu despacho da Área de Goberno do Parlamento de Galicia, coa delegada en Galicia desta ONG, Ángela Jaureguízar. Precisamente, onte, a directora xeral de Cooperación Exterior, Fabiola Sotelo, fixo públicas as liñas de actuación do Plan Director da Cooperación Galega 2006-2009, que establece os sectores básicos nos que se centrará a axuda ao desenvolvemento procedente do Goberno da Xunta.

Durante a xuntanza entre Touriño e Jaureguízar, a delegada de Manos Unidas tivo ocasión de explicarlle ao presidente as campañas desenvolvidas por esta ONG e o material explicativo que distribúe do seu labor, así como a promoción que realizan das accións solidarias e de compromiso coa cooperación, principalmente no eido educativo.

Proxecto actual

En concreto, a delegada de Manos Unidas en Galicia detallou ao presidente da Xunta un dos proxectos nos que traballa na actualidade esta organización non gobernamental. Trátase dun proxecto para construír tanques de acuicultura nas illas Filipinas.

Dada a experiencia galega no eido da acuicultura, son varios os proxectos que se promoven para a súa práctica no exterior por parte do Goberno galego, en particular desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

O mandatario autonómico comprometeuse a “manter viva” a colaboración da Xunta coa delegación galega de Manos Unidas en proxectos de cooperación exterior.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia