Skip to main content

O presidente da Xunta aposta porque a revisión do modelo de financiación valores aspectos como o envellecemento da poboación e a dispersión territorial no reparto de fondos ás comunidades

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, apostou no Parlamento porque a revisión do modelo de financiación valore aspectos como o envellecemento da poboación e a dispersión territorial no reparto de fondos ás comunidades. A descentralización tributaria e o incremento da autonomía financieira das comunidades autónomas son dúas das demandas de maior interese para o Goberno galego, segundo indicou esta mañá o seu titular, Emilio Pérez Touriño.

En resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario Socialista, Pérez Touriño, indicou que Galicia revisará a ponderación de factores de coste como a sanidade, os servizos sociais e a educación, facendo especial fincapé no envellecemento da poboación e a dispersión territorial. “A partires de aquí falaremos de cesións tributarias e do fondo de suficiencia”, explicou Pérez Touriño.

No eido da tributación, anunciou o máximo mandatario da Xunta, platexarase non só a cesión da recadación, senón máis elementos de autonomía fiscal, como o IVE minorista, a conversión de impostos especiais de fabricación en impostos sobre vendas minoristas son “opcións que manexamos”, subliñou,

O “elemento de peche do sistema” será o Fondo de Suficiencia, explicou, xa que vai permitir combinar conceptos como descentralización tributaria con suficiencia; corresponsabilidade con cohesión social; e autonomía con equidade. En consecuencia, asegurou o presidente da Xunta, “non aceptaremos” ningún plantexamento que non garanta estes axustes nos fondos das diferentes comunidades, en prol de que todos teñan a mesma suficiencia financeira.

O xefe do Executivo autonómico quixo clarificar que a Galicia “non lle vale” equiparar porcentaxes de investimento estatal a porcentaxes de PIB rexional. Neste sentido subliñou que os investimentos do Estado deben depender de factores tan variados como a orografía, a poboación e a súa dispersión no espazo, déficits existentes, carácter de rede de moitas infraestruturas ou o coste medio das expropiacións.

“No programa común do Goberno hai un compromsio de que se invista por parte do Estado polo menos o 8% do conxunto das inversións previstas no Plan Estratéxico de Infraestruturas de Transporte”, remarcou Touriño.

O presidente da Xunta asegurou que a financiación se definirá, por un lado, dentro da reforma do Estatuto, a través dunha “elaboración bilateral, específica e propia da nosa comunidade” e, por outro, dentro do marco multilateral do Consello de Política Fiscal e Financeira. “Temos que ser capaces de pornos de acordo para conciliar autonomía, equidade e igualdade da cidadanía”, indicou Touriño quen reiterou o seu compromiso de dialogar dentro do Parlamento para conseguir o mellor para Galicia.

O presidente da Xunta comprométese a que Galicia mellora o seu financiamento co novo marco financeiro autonómico

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse ante o Parlamento galego a que Galicia vai mellorar o seu financiamento como resultado do proceso de reforma do sistema vixente iniciado onte na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira. Asemade, o máximo mandatario galego salientou que Galicia xa conseguiu nos Orzamentos Xerais do Estado deste ano “máis do que pide Cataluña”, dado que esta comunidade demanda que o investimento do Estado se relacione co produto interior bruto das autonomías e o noso país recibiu en 2006 inversións por valor de 2,5 puntos por enriba do seu PIB, “porque hai un presidente de Goberno que traballou e hai un Goberno que traballa nesta dirección”.

Así o asegurou o presidente da Xunta en resposta á pregunta parlamentaria do voceiro do PP, Alberto Núñez Feijóo, a quen felicitou pola súa estrea como portavoz do seu partido, pero a quen lle pediu rigor na formulación de preguntas pois na de hoxe partía “de premisas profundamente erradas”. Emilio Pérez Touriño rexeitou as críticas vertidas por Feijóo contra o acordo sobre o Estatuto de Cataluña, pois sostivo que conta co apoio do PSOE, CiU e ICV, “que conforman unha ampla maioría tanto no Parlamento de Cataluña como no Congreso dos Deputados”, ademais de ser “perfectamente encauzable dentro do marco constitucional” e de ter garantido no seu proceso de reforma “o perfecto funcionamento das institucións democráticas”.

“Di vostede que este acordo é como mínimo estraño. O único estraño é a actitude do PP, inmerso en vaticinios catastrofistas, que ten collido aos seus dirixentes absolutamente a contrapé. E vostede agora, na súa incontinencia, apúntase a unha cruzada anticatalana”, censurou o presidente da Xunta, quen lamentou que o PP e o señor Feijóo “anden por fóra das institucións”. “Non é un camiño que precisamente lle recomende”.

O máximo mandatario galego ironizou ante a Cámara ao mostrar a súa comprensión respecto ao rexeite do PP do acordo sobre o Estatuto catalán. ”Comprendo a actitude do partido que representa, levan meses dicindo que o Estatuto sería inconstitucional e que non habería Estatut, e haberá Estatut e será constitucional. Levan meses dicindo que o Estatut era un paso previo para irse de España, cando a realidade amosa que se converte nun instrumento prezado para que Cataluña aporte máis e mellor e estea dentro de España”, remarcou o presidente.

Respecto ao financiamento, o xefe do Executivo galego considerou “falso” e “pura demagoxia” a afirmación de Feijóo de que Cataluña pechou de xeito bilateral co Goberno de España un novo modelo de financiamento autonómico. “O financiamento abordarase de forma multilateral, estase a abordar e vostede o sabe entre todas as comunidades autónomas”, recriminou Touriño, para lembrarlle que precisamente onte se iniciou a revisión do sistema no Consello de Política Fiscal e Financeira.

O máximo mandatario galego abundou nas contradicións do portavoz do PP ao recordar unha afirmación do anterior conselleiro de Economía, quen sostivo no Parlamento que o “afondamento na senda da autonomía financeira e da corresponsabilidade é unha esixencia ineludible que vén imposta pola propia natureza da conformación territorial do Estado”, un principio que Emilio Pérez Touriño asumiu “plenamente”.

Así, recriminoulle a Feijóo e ao seu grupo a súa tendencia a “camiñar cara a atrás, como se fora un cangrexo” e emprazounos a “avanzar na autonomía financeira e na autonomía tributaria” así como a non presentar “bailes de cifras” que “non se teñen en pé”. “Afirmou vostede primeiro que Galicia ía perder 150 millóns de euros. Despois, o seu segundo, o señor Barreiro, subiu a cifra a 500 millóns. E como nunha especie de subhasta, ultimamente andan a dicir que son 700 os que imos perder”, comentou o presidente, quen ironizou sobre a súa seguridade de que en breve o PP sosterá que Galicia vai perder “1000 millóns de euros”. Emilio Pérez Touriño lamentou que Feijóo “apadriñe a cerimonia de confusión” con afirmacións deste tipo e lembroulle que só se poderán facer análises cando se negocie por completo o sistema de financiamento, incluído o fondo de suficiencia ou o fondo de compensación interterritorial.

Ademais, lembroulle que fronte ás súas afirmacións Galicia conta actualmente cuns investimentos do Estado 2,5 puntos por riba do seu PIB, o que supón ter máis do que pide Cataluña, que reclama que se liguen os investimentos do Estado ao produto interior bruto.

O máximo mandatario galego lamentou tamén que Núñez Feijóo abandonase a súa primeira toma de posición, na que dixo que non ía permitir que Galicia fose menos que Cataluña. “Pensei que a súa podía ser unha voz civilizada da dereita galega. Pero non, decepcióname vostede e decepcióname profundamente este plantexamento que podería ser útil a Galicia e a este país”, comentou Pérez Touriño, quen atribuíu ese cambio de actitude ao “tirón de orellas” que lle deron os dirixentes do seu partido e que actualmente está a provocar que Feijóo se atope “nun camiño imposible de facer de equilibrista entre Piqué e Rajoy”. “Señor Feijóo, non ten vostede tardado demasiado tempo en facer bo nesta Cámara ao señor Fraga. Acabamos de ver a substitución dun líder tantas veces equivocado pero coherente, por un líder amplamente inconsistente na súa posición”, lamentou o presidente.

Con todo, Emilio Pérez Touriño emprazou a rectificar o camiño e a defender os intereses de Galicia e ofreceuse a acordar o modelo de financiamento de Galicia tanto no marco da reforma estatutaria como no do Consello de Política Fiscal. “Galicia vai mellorar o seu financiamento como resultado do proceso de reforma que está en curso. Ímolo mellorar e esta afirmación teremos oportunidade de debatela e estou seguro de que vostede terá que asentir cando así sexa”, concluíu.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia