Skip to main content

Pesca apoia a modernización da industria de fariñas e aceites de peixes

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, e o director xeral de Estruturas, Manuel Cabirta, reuníronse en San Caetano con representantes da Asociación Nacional de Fabricantes de Harinas y Aceites de Pescados
(ANFAPHES). O grupo, que está integrado na Asociación Nacional de
Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos (ANFACO), solicitoulle á
conselleira o seu apoio para potenciar a competitividade desta industria en
Galicia.

Durante esta xuntanza, ANFAPHES deu conta da situación actual do sector
aportando datos que revelan que a nosa comunidade lidera a produción
nacional de fariña e aceite de peixe, concentrando case o 80% da mesma e
acollendo o 50% das compañías que existen na totalidade do territorio
nacional. Ademais, estas empresas, que se atopan dentro do cluster da
industria conserveira e transformadora de produtos do mar, prestan un
importante servizo de carácter ecolóxico.

Por outra banda, ANFAPHES solicitou o apoio da Consellería de Pesca para
impulsar un proxecto de investigación destinado a mellorar o coñecemento
sobre a presencia de metales pesados en fariñas e aceites de peixes.
Gallego Calvar comprometeuse a trasladar esta iniciativa á Consellería e
Innovación e Industria, para que sexa incluida no Plan Galego de
Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Asimesmo, Anfaco
explicoulle a necesidade de que se manteñan as axudas comunitarias para
este tipo de empresas no 2006 e pediulle a súa inclusión no Fondo Europeo
da Pesca (FEP), que entrará en vigor a partires do 2007. A conselleira
tranquilizou ao sector, garantíndolle que dada a importancia deste tipo de
industria poderán contar con futuras subvencións europeas .

Finalmente, ANFAPHES expuso ante a titular do departamento de Pesca e o
director xeral de Estruturas as principais problemáticas do sector. Unha
das cuestión tratadas na reunión foi a actual prohibición da UE da
utilización de fariñas de peixe na alimentación de rumiantes. Carmen
Gallego comprometeuse a mediar ante os organismos comunitarios
competetentes para que se axilice o levantamento desta prohibición.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia