Skip to main content

Remata con éxito o concurso do Programa Internet nas Bibliotecas, da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, con 4.503 participantes

O Secretario Xeral de Comunicación entregou en Santiago os cinco primeiros premios do concurso consistentes en cinco portátiles con Wifi. O resto dos premios entregaranse os días 14, 16, 21 e 23 de febreiro nas delegacións da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra respectivamente.

O primeiro premio do xogo Xerencia de Biblioteca recaeu nun coruñés Segundo Eiras Sánchez, que obtivo a maior puntuación de toda Galicia. No xogo Camiño de Bibliotecas resultaron gañadores Miguel Ángel Carpacho de A Coruña, Pablo Espinosa de Quiroga, David Rodríguez de Ourense, e María Asunción Santos de Cangas, que obtiveron as máximas puntuacións das provincias de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra respectivamente.

A provincia que contou cun maior número de participantes no concurso Entra e Navega foi a da Coruña, con 1.739. Seguiulle Pontevedra, con 1.166, Lugo con 880 e Ourense con 718 participantes.

O concurso baseábase en dous xogos interactivos, Xerencia de biblioteca e Camiño de bibliotecas e, en total, participaron 120 bibliotecas galegas: 46 da provincia da Coruña, 26 de Lugo, 22 de Ourense e 26 de Pontevedra.

A Dirección Xeral de comunicación Audiovisual pretendía con este concurso difundir o uso de Internet como unha nova ferramenta de comunicación e dar a coñecer a rede pública de puntos de acceso a internet que existe na actualidade na nosa comunidade.

No xogo Xerencia de Biblioteca o participante debía contestar a unha serie de preguntas sobre Galicia empregando Internet; por cada cuestión acertada, o participante ía sumando puntos que se convertían en libros, os exemplares dunha biblioteca imaxinaria.

O xogo Camiño de Bibliotecas supoñía un percorrido físico por cinco bibliotecas das 120 participantes no concurso.

Os premios, máis de trescentos en total, consisten en ordenadores portátiles, cámaras dixitais, PDAs, memorias USB e reprodutores de MP3.
Gabinete de Comunicación Nortideas (www.nortideas.com)