Skip to main content

Faise pública a nova composición do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia

O Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia é un órgano creado ao amparo da Lei 12/1993 do 6 de agosto que tén como funcións principais as de propor obxectivos para a súa incorporación ao Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, propor á Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga) a incorporación ao plan daqueles programas que considere importantes e a de emitir un informe sobre o anteproxecto do plan.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se establece a composición do Consello, fixando en 19 o número de membros que o integran. O presidente deste órgano asesor será proposto polo Conselleiro de Innovación e Industria entre investigadores de recoñecido prestixio, mentras que o cargo de secretario exercerao un subdirector xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Completan a formación do Consello os vocais, que se distribúen do seguinte xeito: os tres reitores das universidades de Galicia ou persoa en quen deleguen; tres representantes da Administración autonómica –o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, o secretario xeral da Consellería de Innovación e Industria e o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia- e seis representantes das organizacións empresariais e sindicais –tres serán propostos polas organizacións sindicais que teñan a consideración de máis representativas dentro do ámbito territorial da comunidade autónoma, e os outros tres serán representantes das organizacións empresariais de maior implantación en Galicia-.

Completan o cadro de vocais catro representantes de recoñecido prestixio no ámbito da I+D+I propostos pola Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia, dos que procederán do ámbito empresarial e dous do académico. O mandato dos vocais do Consello Asesor será de catro anos, renovables por unha soa vez. No suposto de cesamento dalgún deles antes de finalizar dito período, o seu substituto será nomeado para o tempo que reste para a finalización do mandato.

O decreto polo que se establece a composición do Consello Asesor de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia entra en vigor mañá venres, 10 de febreiro. A partir deste día ábrese un prazo máximo de tres meses para a constitución do órgano asesor.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia