Skip to main content

O presidente da Xunta destaca que hai un novo xeito de facer política en Galicia baseado na cooperación e no diálogo

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, valorou na rolda de prensa posterior á xuntanza semanal do Goberno galego un informe de xestión que analizou o Consello na súa reunión deste xoves. Trátase do balance dos seis primeiros meses de Goberno e das principais accións levadas a cabo neste período de tempo. En opinión de Touriño, neste tempo inaugurouse unha forma diferente de facer política. O presidente galego transmitiu a idea de que o Goberno traballa desde unha posición de estabilidade de devolución de confianza aos cidadáns, “a partir da súa capacidade de cumprir os compromisos electorais”. Neste sentido, Touriño valorou o novo xeito de facer política baseado na cooperación e o diálogo.

O titular do Executivo galego resaltou como dúas das medidas máis relevantes das realizadas neste primeiro semestre de Goberno a consecución do pacto local e a apertura do diálogo social. O pacto local foi definido por Touriño como “unha fiestra de osíxeno na renovación democrática do país” xa que permite minimizar a relación de dependencia financeira e clientelar de moitos concellos co poder autonómico. “Esta é unha aposta pola democracia e pola cidadanía, unha aposta de país”, apostilou Touriño.

Por outra banda, o nacemento do diálogo social en Galicia e a inminente posta en marcha das mesas de traballo sectoriais entre patronal e sindicatos posibilitarán, segundo resaltou Touriño, conformar os cimentos para a consecución dun emprego estable e de calidade. O diálogo social permanente incidirá na competividade e na creación de emprego, tal e como sinalou o mandatario autonómico.

Sometemento a control parlamentario

O presidente do Goberno autonómico indicou, ademais, que o Executivo que preside sométese puntualmente ao control parlamentario, dando conta das súas accións no hemiciclo. A aposta pola transparencia nas accións do Goberno galego foi outra constante nestes seis meses. Segundo resaltou Touriño, mesmo os convenios de colaboración entre a Administración e os medios de comunicación terán carácter público e estarán rexidos por unha serie de criterios fixados.

Cidadáns no centro da acción política

O presidente da Xunta indicou, ademais, o compromiso do Goberno que preside por sitúar os cidadáns no centro de toda a súa acción política. As medidas de apoio ás familias, ou o protocolo que se establecerá para a coordinación interadministativa na loita contra a violencia de xénero evidencian esta preocupación.

Paralelamente, e en resposta aos xornalistas, o titular do Executivo autonómico sinalou que as enquisas políticas reflicten a boa conexión entre a acción do goberno da Xunta e a cidadanía e que os cidadáns valoran o cambio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia