Skip to main content

O secretario xeral de Relacións Exteriores anuncia a constitución dunha comisión de resposta ante a sentenza condenatoria do Tribunal de Xustiza da Unión Europea por contaminación na ría de Vigo

O secretario xeral de Relacións Exteriores, Santiago Gómez-Reino, anunciou a constitución dunha comisión de traballo interdepartamental da Xunta de Galicia para facer fronte á sentenza do Tribunal de Xustiza da Comisión Europea (C-26/04 de 15 de decembro de 2004) que condena ao Reino de España por non ter adoptado un programa de redución da contaminación na ría de Vigo.

Segundo informou Gómez-Reino, trátase dun incumprimento da Directiva 79/923/CEE relativa á calidade esixida ás augas para a cría de moluscos e supón “unha sentenza desgraciadamente histórica” porque “é a primeira vez que o Estado Español é condenado por un tema que ocorre en Galicia”. Neste sentido, destacou que “isto implica que a Xunta ten que tomar medidas oportunas para remediar esta situación” e asegurou que o actual Goberno galego xa se puxo “mans á obra” e que hai uns días puxo en marcha unha comisión integrada por todos os departamentos da Administración autonómica implicados neste tema.

Nesta comisión de resposta interdepartamental están integradas, ademais da propia secretaría xeral de Relacións Exteriores, a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e as consellerías de Presidencia, Economía e Facenda, Política Territorial, Sanidade, Pesca, Medio Ambiente e Vivenda, para dar unha resposta “integral” e “efectiva” ao problema e cumprir co establecido pola sentenza.

Ao respecto, declarou que na xuntanza verificou “unha magnífica colaboración” e que xa estamos “postos en marcha” e indicou que en breve “viaxará a Bruxelas unha delegación oficial da Xunta” para analizar coas autoridades da Comisión Europea os pormenores das iniciativas que se porán en marcha dende a Administración autonómica neste eido.

Gómez-Reino advertiu que de non actuar deste xeito, a Comisión Europea levaría este asunto “outra vez á Corte de Xustiza para constatar que non se está a facer nada ao respecto”, o que conlevaría unha “nova sentenza con multas coercitivas” de importante montante económico. Manifestou que estas multas poderían acadar valores de arredor de 20 millóns de euros cada seis meses, deducibles dos fondos comunitarios que recibe o Estado Español.

O secretario xeral de Relacións Exteriores destacou a vontade da Xunta de cumprimento estrico da lexislación comunitaria porque “é un factor de modernización da economía”. Neste contexto, adiantou que é previsible que outras sentenzas deste estilo teñan lugar a partir de agora “porque os cidadáns galegos non se conforman” e esixen as condicións de vida que xa están lexisladas. “Temos que manter, neste eido, -dixo Gómez-Reino- unha política proactiva e non de contraataque”.

Liñas estratéxicas da secretaría para estes anos

Na súa comparecencia, nun almorzo de redacción, Santiago Gómez-Reino avanzou as liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura. Segundo explicou, existen tres pilares fundamentais na súa xestión: a participación na Unión Europea, a relación con Portugal, e sobre todo coa rexión Norte, e as relacións históricas e de cercanía con Latinoamérica.

Así mesmo, destacou que o Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño ten unha “visión” e unha “filosofía” diferentes “da Xunta anterior” e que se está a traballar na elaboración dun documento “estratéxico” sobre as relacións exteriores de Galicia. Dixo que dende hai 15 días se están a elaborar “documentos preliminares”.

Gómez-Reino asegurou que Galicia traballará para manter a súa presenza en Europa, afondando na participación nos órganos comunitarios como o Comité das Rexións e potenciando o papel da Fundación Galicia Europa.

Relacións de segunda xeración con Portugal

Así mesmo, anunciou que a Xunta de Galicia mantén como “prioridade” a súa relación con Portugal e, sobre todo, co Norte do país, a través da Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Gómez-Reino subliñou a importancia de “manter, potenciar e incrementar as relacións” coa zona norte do país luso, posto que conformamos un “hínterland” de seis millóns de habitantes.

Avanzou o secretario xeral unha modificación nestas relacións, establecendo unha “colaboración de segunda xeración” con Portugal. Dixo que “non se pode continuar traballando de xeito separado” e propuxo “outro xeito de traballar”. Gómez-Reino adiantou que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciará o día 24, día que se realizará a transferencia da presidencia da Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal. “Hai que seguir avanzando nas relacións con Portugal, facelas máis lóxicas, máis coherentes”, concluíu.

No relativo ás relacións con Latinoamérica, adiantou que xa se está a preparar a viaxe do xefe do Executivo galego a Arxentina e Uruguai entre os días 11 e 16 de marzo.

Extensa experiencia en Europa

Santiago Gómez-Reino asumiu como secretario xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia a principios deste ano. Este ourensán ten unha dilatada experiencia en institucións comunitarias. É máster en Dereito Europeo polo Colexio de Europa (Bruxas).

En 1969 incorporouse como técnico á Administración Civil do Estado no Ministerio de Industria. En 1971 entrou no departamento comercial dunha empresa financeira (LICO) e en 1972 foi nomeado director de estudos da asociación de empresas SERNAUTO. Entre 1974 e 1975 estivo en APROCE (Consulting baseado en Bruxelas sobre as actividades e políticas da Comunidade Europea).

En 1976 entra, por oposición, no Consello de Europa en Estrasburgo, función que desenvolve ata o ano 1982 cando pasa a ser director de gabinete de Manuel Marín, primeiro como Secretario de Estado de Asuntos Europeos e despois como Comisario da Comisión Europea.

En 1990 ocupa o cargo de xefe da delegación da Comisión Europea en Zimbawue ata o ano 1992, ano en que foi nomeado director da Oficina Humanitaria da Comisión Europea en Bruxelas.

Desde 1997 a 1999 desenvolve a súa labor de director xeral adxunto da Dirección Xeral da Comisión Europea responsable das relacións de América Latina, Asia do Sur, Mediterráneo e Medio e Próximo Oriente. Posteriormente foi director adxunto da Dirección Xeral de Relacións Exteriores da Comisión Europea e conselleiro especial na Dirección xeral de Persoal e Administración da Comisión Europea.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia