Skip to main content

ADEGA participa en Dublín na Conferencia: Investindo en Desenvolvemento Sustentábel

A Plataforma Europea de ONGs Sociais, a Confederación Europea de Sindicatos (CES) e a Oficina Europea do Ambiente (OEA) -federación ecoloxista europea da que forma para a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)- mantiveron hoxe en Dublín un encontro co primeiro ministro irlandés Bertie Ahern, presidente da UE durante o actual semestre. Estas tres organizacións, que representan a decenas de millóns de persoas, celebran hoxe unha conferencia na capital irlandesa que se enmarca na súa campaña conxunta Investindo en Desenvolvemento Sustentábel. O presidente de ADEGA, Xan Duro Fernández, acudiu a esta conferencia en representación dos grupos españois da OEA.
Os gobernos teñen un papel fundamental na dotación de servizos públicos e na promoción de actividades económicas que cumpran os criterios de desenvolvemento sustentábel. As devanditas organizacións demandaron a Bertie Ahern que o próximo Cumio de Primavera da UE impulse un grande programa de investimento público en bens e servizos que implique beneficios en termos sociais, de emprego e ambientais. Neste senso, demandan maior investimento público en vivenda e en transporte sustentábeis.
Na presentación do manifesto da campaña Investindo en desenvolvemento sustentábel, Dirk Jarré, vicepresidente da Plataforma Social, sinalou que non se trata de gastar máis diñeiro senón de gastalo doutro xeito. Johns Monks, secretario xeral da CES, apuntou que cómpren grandes investimentos en capital humano, tecnoloxías limpas e mellora do espazo urbano. Ralph Hallo, presidente da OEA, apuntou que é necesario desvincular o crecemento económico da perda de recursos naturais.
Só reforzando a cohesión social e mellorando a calidade de vida ao tempo que conservamos a biodiversidade e usamos racionalmente os recursos naturais poderemos achegarnos a ese paradigma denominado desenvolvemento sustentábel, hoxe en boca de todos pero tristemente ausente das medidas políticas e económicas das distintas Administracións, sinala Xan Duro, presidente de ADEGA.
No manifesto da campaña Investindo en desenvolvemento sustentábel destacan tres cuestións chave:
-O Pacto de Estabilidade e Crecemento debe ser intelixentemente reformado para estimular o investimento público a longo prazo para avanzar cara ao desenvolvemento sustentábel.
-As adquisicións das Administracións públicas representan o 16% de todas as compras no conxunto da UE. Se tivesen en conta criterios ambientais estimularían moito o avanzo cara a sustentabilidade.
-A reforma ambiental da fiscalidade: consiste no transvase de cargas tributarias dende as rendas do traballo ás actividades ambientalmente nocivas e na reforma das políticas de axudas para primar adecuadamente as enerxías de baixo impacto ambiental, o transporte colectivo, etc.
Manifesto polo Desenvolvemento Sustentábel: Investir nun Futuro Sustentábel
A UE e os estados membros comprometéronse en numerosas ocasións a traballar polo desenvolvemento sustentábel e pola construción de sociedades caracterizadas pola sustentabilidade. Agora é o momento de asegurarse de que o diñeiro público e privado se destina realmente aos bens e servizos sustentábeis. Por iso, a Oficina Europea de Medio Ambiente (EEB), a Confederación Europea de Sindicatos (CES) e a Plataforma de Organizacións Non-Gobernamentais Europea (Plataforma Social) comezaron esta campaña, co obxectivo de aumentar e mellorar o investimento sustentábel. Neste manifesto establécese unha visión de como conseguilo con actuacións a nivel local, estatal e europeo, co apoio das organizacións e individuos abaixo asinantes.
O contexto
En 2001, os xefes de estado e de goberno europeos comprometéronse en Gotemburgo a levaren a cabo unha estratexia de desenvolvemento sustentábel, para resolver as necesidades das xeracións actuais sen pór en risco as das futuras (obxectivo fundamental que se prevé nos tratados), admitindo que isto esixe que as políticas económicas, sociais e ambientais se complementen unhas a outras. E advertiron ademais que se se fracasa ao inverter as tendencias que fan perigar a calidade de vida futura, aumentarán considerabelmente os custos á sociedade, ou esas tendencias faranse irreversíbeis.
O Consello Europeo tamén aceitou combinar esta estratexia de desenvolvemento sustentábel co Proceso de Lisboa adoptado en 2000, que pretende que Europa teña en 2010 a economía máis dinámica e competitiva do mundo, baseada no coñecemento, cun desenvolvemento sustentábel, que ofreza máis empregos e de máis calidade, e posúa maior coesión social.
O investimento sustentábel nos bens e servizos básicos é fundamental para se achegar a estas metas. Aínda así, isto non se consegue só a través do mercado, senón que tamén as autoridades teñen unha grande responsabilidade para garantir que o investimento se dirixa de maneira sustentábel cara os bens e servizos públicos, coma o transporte e as vivendas sociais. Do mesmo xeito, deben eliminar as barreiras que limiten ese investimento. A UE e os estados membros teñen que cumprir os seus compromisos de Lisboa e Gotemburgo garantindo o investimento, antes de elaboraren novas iniciativas de crecemento. Ademais, deben crear os incentivos e condicións necesarias para fomentaren o investimento privado nos bens e servizos sustentábeis. O efecto multiplicador do investimento gobernamental é un dos elementos básicos, xa que pode animar tamén a que se multipliquen os fondos privados destinados ao investimento sustentábel.
A nosa chamada
Nós, organizacións e individuos asinantes, pedimos á UE e aos países membros que mostren o seu compromiso sincero para un futuro sustentábel, estabelecendo no Cumio de Primavera de 2004 un programa de investimento público en bens e servizos públicos de calidade, coa combinación de resultados positivos a nivel social, ambiental e laboral. Concretamente, propomos a elaboración de novas iniciativas sustanciais de investimento sustentábel, centradas na vivenda e o transporte. Pretendemos que esas iniciativas pasen a formar parte dos acordos do Cumio de Primavera de 2004 e dos anos vindeiros.
Promoción do desenvolvemento sustentábel
Pedimos que se estabelezan as seguintes medidas:
1. A UE debe crear un clima de fomento do investimento sustentábel por parte dos países membros, garantindo que as Orientacións Xerais para as Políticas Económicas, así coma outros programas e lexislación, promovan ese investimento.
2. A UE debe garantir que o seu orzamento se inviste co obxectivo de promover a sustentabilidade. Teñen que levarse a cabo Avaliacións de Impacto á Sustentabilidade, a cargo da UE, e que actuarán sobre a política agrícola común, os fondos estruturais e os programas de investigación. As devanditas avaliacións realizaranse de xeito transparente, permitindo que poidan participar as organizacións cidadás.
3. O Pacto de estabilidade e crecemento ten que concordar cos obxectivos de crecemento sustentábel do Cumio de Lisboa-Gotemburgo. O Pacto debe reformarse de xeito intelixente para fomentar o investimento público a longo prazo que estabelecerá os cambios precisos de cara ao desenvolvemento sustentábel, e que deberá ser excluido da definición de déficit do sector público.
4. Os compromisos aos que chegaron os países membros no Proceso de Lisboa deberán incluír a elaboración de plans de investimento sustentábel anuais, e levar a cabo avaliacións ex-post do investimento nacional e a creación de programas de axuda financeira. Esperamos da Comisión Europea que redacte un informe anual de síntese no que se recollan os plans nacionais e as avaliacións e que se tratará no Cumio de Primavera.
Os plans de investimento sustentábel dos países membros deberán incluir:
5. Medidas para garantir que as autoridades teñan moito en conta os factores sociais e ambientais nas decisións públicas.
6. A redirección dos investimentos en Investigación e Desenvolvemento cara as solucións técnicas e socioeconómicas precisas para acadar o desenvolvemento sustentábel.
7. Programas e iniciativas específicas dirixidas á promoción do investimento na vivenda sustentábel, o transporte e outros bens e servizos a nivel estatal, rexional e local, integrando obxectivos sociais e ambientais concretos.
8. Un cambio de impostos laborais por impostos nos recursos para fomentar o desenvolvemento sustentábel.
9. Medidas que garantan a existencia dos medios suficientes para o estabelecemento e o reforzo efectivos da lexislación social e ambiental.
Co obxectivo de fomentar o desenvolvemento sustentábel e mostrar o xeito de conseguilo, nós centrarémonos en dous ámbitos específicos (vivenda e transporte sustentábeis), con algunhas recomendacións para as políticas de cada un deles.
Investimento sustentábel na vivenda e no transporte
A vivenda e o transporte son fundamentais para asegurar a calidade de vida e a coesión social, o desenvolvemento económico e laboral e a calidade do medio ambiente. O investimento nestes ámbitos é necesario para achegarse a estas metas, pero na actualidade grande parte do investimento fai precisamente o contrario. Aínda que un compromiso real dos gobernos para cambiar a forma de investir nestas áreas podería constituir unha grande diferencia. As nosas organizacións participan por toda Europa en iniciativas e proxectos que contribúen a tales obxectivos e que poden demostrar como chegar aínda máis lonxe (ver publicación separada para os exemplos). Pedimos aos Gobernos e á EU que se comprometan a cumplir certo número de obxectivos en cada un dos ámbitos mencionados, o que constituirá un paso adiante cara o desenvolvemento sustentábel.
Que é a vivenda sustentábel?
Unha vivenda sustentábel real é a que participa de obxectivos sociais, ambientais e laborais e promove sociedades coesionadas. O investimento sustentábel na vivenda garante que todo o mundo poida ter acceso a unha vivenda en boas condicións, que cumpra os requisitos de seguridade e salubridade. Garante que os desenvolvementos no ámbito da vivenda e a planificación urbana sexan socialmente cohesivos e inclusivos, que xeren emprego de calidade, eviten a mobilidade forzosa e permitan que se poida estar perto do lugar de traballo. Garante ademais que a vivenda estea en consonancia co medio ambiente. Polo tanto, os obxectivos compleméntanse mutuamente.
Demanda de investimento sustentábel na vivenda.
Cohesión social e emprego:
-Apoio da mistura urbana e social nas cidades (incluindo tamén a mistura xeracional) a nivel local, estatal e europeo, destinando parte do orzamento a este fin.
-Prioridade da renovación da vivenda nos centros das cidades fronte á creación de núcleos nas aforas.
-Mediante a planificación urbana, tentar achegar as vivendas, os lugares de traballo, os servizos (zonas comerciais, por exemplo) e as instalacións de transporte.
-Garantir que todas as cidades con máis de 3.500 habitantes poidan ofrecer no 2010 polo menos un vinte por cento de vivendas á poboación con ingresos baixos a prezos razoábeis (tanto en vivendas sociais como en programas de subvención de vivendas ocupadas polos propietarios).
-Aumento considerábel do acceso dos inmigrantes á vivenda en todo o mercado, incluindo o sector das vivendas ocupadas polos propietarios, e controlar que se cumpra esta política.
Medidas ambientais:
-Garantir, mediante subvencións e incentivos fiscais, que en 2010 o prezo da vivenda ecolóxica sexa igual ao da construción convencional, priorizando a renovación, e modificando os custos e subvencións para que os prezos poidan ser comparábeis aos da nova construción.
-Mellorar nun 50 por cento a eficiencia enerxética das vivendas europeas nos vindeiros vinte anos, sobre todo nas sociais ou subvencionadas, sen que aumenten os custos para os propietarios nen os habitantes. Cóntase tamén con dispor de programas específicos (información, préstamo e axuda técnica) co obxectivo de reducir o consumo de enerxía e recursos dos grupos con rendas inferiores á media.
-Garantir o bo uso dos materiais de construción e o emprego responsábel dos recursos naturais nas vivendas, axúdandose de proxectos piloto sobre a vivenda sustentábel. Teñen que ir acompañados por campañas de concienciación dirixidas ao sector da construción, aos propietarios e á poboación en xeral, sobre o emprego dos recursos e a construcción sustentábel.
Inclusión social:
-Reducir nun 50 por cento antes de 2010 a escaseza de combustíbel e as vivendas precarias, prestando especial atención aos futuros estados membros. Os programas da UE e determinados préstamos das institucións financeiras internacionais (como o Banco Europeo de Investimentos) terán que apoiar as políticas que se leven a cabo e o intercambio de coñecementos neste campo. Terá que se considerar tambén a inclusión nos fondos estruturais de proxectos piloto dos novos estados membros referidos á vivenda sustentábel.
-Aumentar significativamente os esforzos para evitar que haxa persoas sen teito e instaurar políticas para favorecer a súa inclusión social.
-Estabelecer obxectivos claros para aumentar a oferta de vivendas a determinados grupos desfavorecidos, tendo en conta os problemas ambientais, sociais e culturais, e desenvolver as solucións coa participación dos propios grupos aos que se dirixen. Os posíbeis impactos á saúde teñen que se ter tamén en consideración ao realizar as actividades de construción e renovación, de xeito que se reduzan os efectos negativos derivados da baixa calidade das vivendas e materiais de construción e do mal planeamento urbano.
Xeral
-Os gobernos deberán realizar un plano de sustentabilidade económica, ambiental e social nas prácticas de vivenda actuais e avaliar os progresos de xeito regular.
Que é o transporte sustentábel?
O transporte non sustentábel ten custos externos moi elevados (saúde, contaminación atmosférica e acústica, tráfico, desaproveitamento da terra), a maioría dos cais están producidos polo transporte rodado. O transporte non sustentábel é o peor causante do cambio climático e ten altos custos sociais ao reducir o acceso aos bens e servizos aos que a poboación ten dereito, sobre todo os discapacitados, a terceira idade e as comunidades rurais. Grande parte do investimento no transporte da actualidade está a minar o progreso cara aos obxectivos da UE no tocante á redución das emisións e a acadar a inclusión social.
O transporte sustentábel é rápido, accesíbel, combinado, limpo e, o máis importante, o transporte debería ser innecesario para acceder aos bens e servizos.
O investimento sustentábel no transporte significa moitas cousas. Implica investimentos en infraestrutura que sexan sustentábeis. Pero tamén unha procura activa de mellores formas de investir no transporte, para garantir o desenvolvemento de modelos que favorezan a inclusión social e a responsabilidade ambiental (por exemplo, investindo en servizos e sistemas de transporte público). Implica centrarse nun uso máis intelixente da infraestrutura xa existente, no canto de desenvolver infraestruturas novas, como estradas ou aeroportos rexionais (que adoitan ofrecer poucos empregos novos e teñen un custo moi alto). Implica a avaliación exhaustiva das necesidades de nova infraestrutura (con criterios sociais, ambientais e económicos) antes de comezar a construír. Implica que se garanta o acceso de todos ao transporte, incluíndo aos que viven en comunidades rurais, aos discapacitados e á xente vella. Tamén implica ter en conta todos estes feitos nas decisións de planificación urbana, o que se vai traducir nun uso mais intelixente dos cartos públicos.
As nosas demandas para un desenvolvemento sustentábel no transporte:
-No 2010, polo menos un 50 por cento do investimento estatal e da EU no ámbito do transporte debe realizarse en alternativas ao coche privado, accesíbeis, baratas, máis seguras e coherentes desde o punto de vista ambiental, económico e social. Isto requerirá unha reorientación inmediata e progresiva dos investimentos cara a este obxectivo.
-No 2010, un vinte por cento do investimento estatal e da EU debe promover formas de transporte de mercadorías máis seguras e respectuosas co medio, e previr o uso deste tipo de transporte por outras alternativas de loxística. Isto inclúe un reforzo da lexislación referida ás horas de traballo dos condutores de transporte rodado.
-Os dirixentes europeos deberán instar inmediatamente á Comisión para que redacte unha avaliación de sustentabilidade para os proxectos de infraestrutura. Os cartos da UE non poden destinarse a proxectos de transporte até que non se faga unha avaliación exhaustiva e independente, na que se recollan os potenciais impactos sociais, económicos e ambientais do proxecto proposto.
-Deberanse descartar ou modificar os investimentos que sexan contrarios ao obxectivo de seguridade no transporte europeo, á calidade do ar e aos compromisos de Quioto, así como tamén os que poidan aumentar a contaminación acústica.
-Deberanse cambiar as regras de subvención da UE inmediatamente para permitir que se invista en proxectos a menor escala, coma unha mellor planificación do espazo para o transporte sustentábel, mellora do acceso con outros medios que o coche privado, mellora do transporte público e a creación de infraestruturas que favorezan a peóns e ciclistas no centro das cidades.
-No 2010, todos os investimentos no transporte de pasaxeiros cos cartos da UE e os estados membros terán que se centrar en lle dar aos cidadáns mellores accesos, non en que a mobilidade corra pola súa conta. Isto implica un favorecemento do transporte público de calidade e do transporte non motorizado fronte ao coche privado e unha garantía de que o transporte público sexa totalmente accesíbel, sobre todo nos casos de discapacitados, persoas da terceira idade, comunidades rurais e áreas con alta densidade de poboación con poucos ingresos. Alén diso, os investimentos deberán fomentar a prevención do transporte, ofrecendo acceso aos servizos en distancias máis curtas ou electronicamente.
* Federación ecoloxista europea da que forma parte a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
Adega