Skip to main content

O presidente da Xunta avoga pola cooperación internacional como elemento clave na loita contra o crime organizado

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, indicou hoxe que a cooperación internacional se converteu nun elemento clave na loita contra o crime organizado, que está definido segundo o mandatario galego pola súa actuación transnacional e polo seu carácter global. Pérez Touriño explicou que a delincuencia organizada se transformou “nun dos problemas que transcende as fronteiras dos estados manifestándose como un dos asuntos máis graves aos que teñen que facerlle fronte os gobernos de todo o mundo”.

O presidente da Xunta fixo estas declaracións en Pontevedra onde asistiu ao acto de presentación do III Grupo GRECO, Grupo de Resposta Especial ao Crime Organizado, cuxa presentación correu a cargo do ministro de Interior, José Antonio Alonso. Na súa intervención, o máximo mandatario galego sostivo que o Tratado de Schengen III “supón un salto cualitativo e histórico” na consolidación do Espazo Europeo de Liberdade, Seguridade e Xustiza, pois implicou que Alemaña, Austria, Bélxica, Holanda, Luxemburgo, Francia e España intensificasen a cooperación transfronteiriza na loita contra o terrorismo e a delincuencia organizada.

Pérez Touriño sinalou que na nosa comunidade “tivemos no narcotráfico e nas súas ramificacións a manifestación máis dolorosa dunha delincuencia organizada que atopou nos avances tecnolóxicos un importante aliado”.

Loita diaria

A reacción da sociedade galega foi segundo Pérez Touriño “a que impediu que estes grupos mafiosos chegasen a desnaturalizar as institucións democráticas e a consolidarse como grupos de poder económico en Galicia”. Touriño destacou o papel das forzas de seguridade en colaboración cos órganos xudiciais na loita contra o narcotráfico á par que quixo facer mención da importancia do traballo levado a cabo por asociacións como Érguete ou persoas como Carmen Avendaño, que “tratan de superar esta loita día a día”.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que “de nada valerían grandes orzamentos se a batalla contra a droga non chega ata o último recanto da vida social galega”. “Esta é unha batalla na que ten que implicarse toda a sociedade o cal significa a colaboración de organizacións non gobernamentais, asociacións de pais, de veciños, de traballadores e empresarios, clubs deportivos e medios de comunicación”, agregou.

Necesidade de información

Por outra banda, o titular do Goberno galego lembrou a importante tarefa que ten a educación na prevención por iso explicou que corresponde aos educadores “que os mozos teñan un coñecemento adecuado dos efectos do consumo de estupefacientes así como de facilitarlles unha información sobre drogas que os incline a unha vida saudable e libre”.

Touriño salientou tamén a responsabilidade que existe de trasladarlle ás familias a importancia da prevención, se “responsables políticos, lideres sociais, expertos e educadores non somos capaces de transmitir ás familias que no seu seo é onde pode xurdir o problema e que será a familia a primeira que o padeza, todos os nosos plans quedarán en vía morta”.

Por último, o titular do Goberno galego ofreceu toda a colaboración do Goberno que preside e da unidade adscrita ao Corpo Nacional de Policía para que a iniciativa do Ministerio de Industria alcance “rápida e profundamente” os seus froitos, que redundarán en máis seguridade para Galicia e polo tanto máis seguridade para España”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia