Skip to main content

Intervención do presidente da Xunta de Galicia no almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum

"Excmas. e Ilmas. autoridades, señoras e señores, bos días e moitas grazas a todos pola súa amabilidade ao compartir este acto comigo.

Moitas grazas tamén a Manuel Chaves polas súas agarimosas e esaxeradas palabras, que valoro enormemente porque sei que están ditadas por ese fluxo intenso de amizade que me une a el desde hai xa unha morea de anos.

O meu bo amigo Manolo Chaves, que liderando o camiño da modernización andaluza, puxo o sur no mapa e ao que nunca se lle ponderará na súa xusta medida o labor realizado como Presidente do Partido Socialista.

Para min é unha honra ocupar esta tribuna que me brinda o Foro Nueva Economía, unha organización que se converteu xa, nunha referencia inescusable para o debate público en España.

Entidades como o Foro Nueva Economía, e este Foro Europa que hoxe nos reúne, fixeron do diálogo e do pluralismo a súa única bandeira e do debate democrático a súa principal razón de ser.

Goberno do cambio
Hai a penas uns días cumpríanse seis meses de andadura do novo goberno que presido. Seis meses intensos nos que demos importantes pasos, desde a serenidade e o rigor, para cambiar a forma de facer política en Galicia.

Fixemos do diálogo e da resolución dos problemas dos cidadáns os eixes da nosa acción política. Fronte a temores e incertezas e ás previsións máis catastrofistas da dereita, o cambio político - tras dezaseis anos de maioría absoluta do PP- trouxo a Galicia estabilidade e confianza.

Diálogo no Parlamento, diálogo cos axentes sociais e económicos cos que firmamos un acordo institucional para o emprego e a competitividade, e diálogo cos concellos con quen sacamos adiante unha reivindicación histórica do municipalismo galego, o Pacto Local.

Un pacto que abre o camiño á devolución de poder á cidadanía e á superación de clientelismo e dependencia do poder autonómico.

Puxemos as bases para fortalecer a Galicia como realidade política e institucional, dar unha nova dimensión á nosa presenza en España e en Europa, mellorar a calidade da nosa democracia e orientarnos cara un desenvolvemento económico rápido e intenso, equilibrado e sustentable.

Queremos revisar o motor do crecemento económico de Galicia pero tamén cambiar a estratexia, porque somos conscientes de que na estrada do progreso que afrontamos cara o futuro hai novos e moi fortes competidores.

A nosa aposta consiste en reorientar o actual modelo de crecemento económico cara a un modelo de economía competitiva e aberta aos mercados e sectores de futuro, coa decidida intención de acelerar o proceso de converxencia con España e Europa.

Educación, I+D, infraestruturas e apoio á modernización do tecido produtivo son os catro factores claves da modernización da economía galega que, sen dúbida, actuarán de palancas dun modelo orientado á creación de emprego estable e de calidade.

A España plural. A Vía Galega

Veño, por suposto, a falarlles de Galicia, e orgulloso de facelo. Pero tamén veño a falarlles de España e do que desde Galicia pretendemos achegar ao debate, aos debates, que hoxe concentran a atención da cidadanía.

É este un bo momento para facelo, pois levamos xa bastante tempo inmersos no que se deu en chamar o debate territorial, un debate que, pola súa propia natureza e polos seus propios contidos, reclama quizais máis que ningún outro a participación e as achegas das Comunidades Autónomas.

Ás veces, desde determinadas posicións políticas, inténtase transmitir á cidadanía a idea de que o debate sobre o modelo territorial español é unha especie de invento caprichoso do goberno socialista, ou unha imposición das Comunidades Autónomas con maior presenza de forzas nacionalistas.

Creo que esta é unha idea profundamente equivocada.

O que fixo a este respecto o goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero é abrir un apaixoante proceso reformista de modernización e posta ao día do Estado das Autonomías.

Certamente, a posición que os socialistas ocupamos neste debate non é sempre cómoda. Porque non sempre é cómoda a defensa desde a moderación e o diálogo das reformas modernizadoras.

Pero esa é a posición que preferiremos sempre ante aquelas outras, máis inmobilistas e máis radicais, que provocan confrontacións innecesarias entre os cidadáns e entre as Comunidades Autónomas.

A discusión en si mesma é importante. Pero igualmente importante é que transcorra sen excesos, sen descualificacións e sen ameazas. A confrontación só é conveniente para os que carecen de argumentos e para os que cren, equivocadamente, que poden extraer ganancias do río revolto.

De forma que, desde una Galicia que fixo un cambio político de grande envergadura e que o fixo con tranquilidade e con normalidade, es recomendable que todos redobremos esforzos por adoptar actitudes de sosego e de serenidade, que en política son o preludio da sensatez e do acerto nas decisións.

Hoxe existe un Goberno en España que entende e acepta a lóxica do Estado autonómico; que cre que a diversidade de España non é un problema, senón unha riqueza; e que non ten medo a asumir que vivimos nun Estado no que o poder político está repartido, aínda que a soberanía teña un único titular, que é o conxunto do pobo español.

Vía Galega

En Galicia, estamos a punto de empezar no Parlamento de Galicia os traballos encamiñados a reformar o noso Estatuto de Autonomía. O progreso experimentado por Galicia nos últimos anos ten moito que ver co seu autogoberno. A existencia e o desenvolvemento da autonomía foi un factor decisivo no rexurdir de Galicia, que cada día é máis evidente e máis poderoso.

O que agora nós propomos é seguir avanzando nese camiño, mellorando o noso autogoberno, profundizándoo e adaptándoo ás novas realidades dun mundo cambiante, un mundo que xa non é o de hai 25 anos.

En lóxica con todas esas novas situacións, imos traballar nunha reforma que terá como principais obxectivos mellorar a calidade do noso autogoberno e reforzar os dereitos de cidadanía, así como o papel do Parlamento e dos instrumentos de control da acción do Goberno.

Unha reforma que recoñeza a dimensión exterior de Galicia para poder participar, no marco das institucións españolas, nos asuntos europeos que nos afectan directamente; que reforce a nosa identidade lingüística e cultural e que sente as bases dunha ampla autonomía financeira.

Poremos en práctica unha vía de reforma estatutaria, a galega, onde a identidade non poña límites á solidariedade. Unha reforma que, en todo caso, se axustará a dous criterios básicos de partida: o respecto á Constitución e o consenso entre todas as forzas políticas.

Porque, para min, tan importante como o contido da reforma do Estatuto é a maneira de levala a cabo. Será tan importante o fondo como a forma desa reforma estatutaria.

E a este respecto só concibo unha forma válida de acometer a tarefa: o consenso entre as tres forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia: Partido Socialista de Galicia, Bloque Nacionalista Galego e Partido Popular. A do acordo é a vía e non por imperativo legal, senón por esixencia política. Case me atrevería a dicir que por sentido común.

Estou convencido de que a reforma do Estatuto de Galicia constitúe un desafío e ao mesmo tempo unha oportunidade histórica. Un dobre reto de país, que afecta á fibra das dúas grandes aspiracións que albergo para Galicia: lograr un consenso histórico, ata agora inédito entre todas as forzas políticas, o que nos daría unha enerxía e unha fortaleza incalculables como país, e alcanzar a meta da converxencia real con España e con Europa nesta década, tendo en conta que se trata dunha comunidade autónoma que aínda está a 20 puntos de distancia.

Financiamento autonómico

É evidente que, entre todos, debemos dar resposta aos problemas de funcionamento do Estado Autonómico. Ademais do debate competencial e a ausencia de mecanismos de participación das autonomías no cogoberno do Estado, quizais o problema máis urxente ao que debemos facer fronte é o modelo de financiamento.

Señoras e señores, para abordar con sensatez o capítulo do financiamento autonómica, é preciso partir da evidencia de que o modelo de financiamento das Comunidades Autónomas do réxime común ten que ser revisado.

Como demostrou a realidade e se corroborou no contexto da Conferencia de Presidentes, non é posible fixar un modelo inmutable, coa pretensión de non volvelo discutir xamais.

Porque as necesidades cambian no tempo e hai que adaptarse a elas. Vímolo xa no caso da financiamento sanitaria e os problemas de insuficiencia dinámica que xerou nos últimos anos.

Galicia ten dous obxectivos irrenunciables nesta nova etapa política, na que a cidadanía apoia con claridade e unha grande expectación o desenvolvemento do noso futuro inmediato.

Eses dous obxectivos en materia de financiamento son, dunha parte, dispor de recursos que nos permitan financiar os servizos públicos para os cidadáns e cidadás, e, por outra parte, avanzar ata acadar a converxencia real cos territorios máis desenvolvidos de España e de Europa.

A reforma é unha gran oportunidade para Galicia. Vannos permitir mellorar o noso financiamento, avanzando no cumprimento dos obxectivos básicos que debe contemplar calquera sistema: autonomía financeira, corresponsabilidade fiscal, suficiencia de recursos e solidariedade interterritorial.

Por iso entendo, por inescusable, que o punto de partida da negociación sobre a reforma do financiamento autonómico debe ser a estimación das necesidades de gasto de cada Comunidade Autónoma.

Non debemos esquecer que o avance na cesión de tributos, positivo e demandado tamén desde Galicia, debe ser complementado adecuadamente polo Fondo de Suficiencia, para garantir que esas necesidades de gasto son cubertas sen ter que incrementar o esforzo fiscal. En ningún territorio. Nin nos que teñen máis capacidade fiscal, nin nos que teñen menos.

Pór os medios (como os recursos e as bases impoñibles) por diante dos fins (como as necesidades das persoas e a cohesión social) e situarse nunhas coordenadas que, nin nós nin outras Comunidades Autónomas con rendas per capita inferiores á media estatal, estaremos dispostos a asumir.

Os preceptos constitucionais de equidade e cohesión social tamén deben rexer aquí. Por elo, insisto en que non é o máis razoable empezar a discusión sobre financiamento autonómico polos instrumentos financeiros, polas porcentaxes de cesión tributaria e polo deseño e cuantificación do Fondo de Suficiencia.

Polo contrario, debemos comezar falando de cales son as necesidades de gasto, de cales son os factores de custe y de cales son, en consecuencia, os recursos adicionais que deberán terse en conta durante a negociación.

Sobre este asunto, gustaríame apuntar tres reflexións:

En primeiro lugar, considero que o cumprimento dos obxectivos fixados na “Axenda de Lisboa” en materia de educación e I+D; o fortalecemento dos servizos sociais da man da Lei de Dependencia e as carencias actuais da sanidade pública, fan que a capacidade financeira das Comunidades Autónomas sexa clave para o desenvolvemento económico e social de España nos vindeiros anos.

E convén saber con claridade que, co actual nivel de recursos transferidos e coas posibilidades tributarias que hoxe teñen as Comunidades Autónomas de réxime común, ningunha delas –nin sequera as que dispoñen de maior capacidade fiscal- estarían en disposición de responder apropiadamente a estes desafíos.

En segundo lugar, todas as Comunidades Autónomas de réxime común necesitamos máis recursos. Pero algunhas máis que outras. A poboación, por exemplo, é un factor que determina de maneira fundamental as necesidades de gasto de cada Comunidade. Pero é obvio que non é o único.

Entendo que debe procederse á revisión destes criterios, desde o convencemento de que se deberían recoñecer unhas maiores necesidades de gasto no caso da nosa Comunidade, porque o envellecemento poboacional incrementa notablemente o gasto sanitario e os servizos sociais e porque, ademais, a dispersión poboacional, extrema no caso galego, constitúe igualmente un importante factor de custe adicional que debe ser tido en conta.

Creo que debemos ter presente o ocorrido nestes últimos anos e extraer algunhas leccións. As necesidades de gasto cambian co tempo e hai que adaptarse a elas.

¿Quén prevía no ano 2000 que o crecemento da poboación en España sería tan vigoroso nesta década? ¿Ou que íamos desenvolver, por fin, a cuarta pata do Estado do benestar da man da Lei de Dependencia? ¿Ou que o incremento na esperanza de vida ía presionar tan fortemente sobre as estruturas financeiras da sanidade pública?

Foi un erro da reforma do ano 2001 supoñer que era posible pechar dunha vez e para sempre a negociación sobre financiamento autonómico.

Emendemos, por tanto, ese erro e volvamos a modelos revisables periodicamente, para poder responder a novas necesidades e corrixir os desequilibrios en tempo e forma.

Doutra parte, sabemos que incluso con revisións periódicas hai que garantir que responde apropiadamente a cambios inesperados ao longo do tempo.

Teño que dicirlles novamente que o modelo vixente, aprobado en 2001, plantexou esta cuestión de forma pouco atinada.

Ao meu xuízo, debemos redefinir estas asignacións, suavizando os requisitos para facelas máis operativas.

Respecto aos ingresos, estou de acordo coa idea de avanzar na descentralización tributaria. Concretamente, no campo da tributación sobre consumo paréceme que debería cederse non só a recadación, senón máis elementos de autonomía fiscal.

O IVE minorista é unha opción; outra, o recurso a impostos sobre ventas minoristas no caso dos impostos especiais (como se fixo xa co de hidrocarburos). Haberá que analizar pros e contras, escoitar o que ten que dicir a Comisión Europea neste campo de tributación harmonizado, e a partir de aí decidir entre todos o camiño a seguir.

En todo caso, o Fondo de Suficiencia é o elemento de peche do sistema que nos vai permitir combinar descentralización tributaria con suficiencia, corresponsabilidade con cohesión social e autonomía con equidade.

Debemos garantir os axustes necesarios nos fondos de suficiencia das diferentes Comunidades. Por iso, propoño unha revisión substancial do fondo de suficiencia, para que todos poidamos contar, en situacións de igualdade de esforzo fiscal, coa mesma suficiencia financeira relativa, de tal xeito que poida garantir plenamente a igualdade dos territorios na prestación de servizos aos cidadáns. A igual esforzo, idénticos servizos.

Quixera referirme, finalmente, aos investimentos estatais.

Non comparto a idea de xeneralizar unha regra de reparto de investimentos en función do PIB. Porque nin é razoable nin é xusta.

Non é razoable, porque os custes de construción varían de maneira notable dunha Comunidade a outra en función da orografía, a dispersión poboacional ou o custe das expropiacións.

Non é razoable porque algunhas Comunidades con moitos quilómetros de litoral precisamos de infraestruturas portuarias (e das súas respectivas conexións), e non é razoable, ademais, porque existen diverxencias no nivel actual de equipamento infraestrutural, que por outra parte, son cuantificables, máis alá de sentimentos e percepcións dunhas e doutras comunidades.

A execución dun plan global, integrado, coherente e intelixente como o do Ministerio de Fomento non pode estar condicionado a un indicador parcial, unidimensional e, polo tanto, imperfecto. Semella máis razoable que se teñan en conta outras dimensións.

Pero é que, ademais, ese plantexamento non sería xusto. De aplicar esta regra, Galicia sufriría, como o resto de autonomías con menores niveis de PIB per capita, un recorte de fondos moi importante.

Insisto en que nós defendemos un desenvolvemento equilibrado do Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transportes e que todas as Comunidades converxan nas súas dotacións de infraestruturas.

Ese é o noso principio. Entendo que é un principio razoable e xusto que, no caso galego, debería substanciarse nunhas cifras de investimento estatal para os vindeiros anos na senda das actuais.

Galicia, co actual goberno, absorbe da inversión territorializada dos últimos orzamentos do Estado un 7,5% malia achegar un 5,1% ao PIB e representar o 6,7 da poboación española.

En concreto, estimo que, para contar cun equipamento de infraestruturas semellante á media española, debemos situarnos arredor do 8% do investimetno estatal rexionalizable durante os vindeiros sete anos.

Nun último apunte, gustaríame facer unhas breves consideracións sobre política rexional.

Nos primeiros anos dos noventa, a política rexional española adaptouse á europea.

Homoxeneizáronse criterios de actuación –por exemplo, restrinxiuse a percepción do Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) ás rexións que eran Obxectivo 1 para a política comunitaria- e, en grande medida, outorgóuselle á política rexional española un papel secundario respecto da europea.

Un bo exemplo diso é a práctica conxelación da dotación global do Fondo de Compensación Interterritorial desde mediados dos anos noventa.

Por iso, desde Galicia propoñemos unha revisión dese Fondo de Compensación Interterritorial, que permita compensar a caída de fondos estruturais europeos e que faga posible unha política rexional que impulse o desenvolvemento dos territorios menos avanzados.

Como acabo de dicirlles, a política rexional española leva moitos anos desempeñando un papel moi secundario en relación coa europea. E creo que chegou o momento de que empecen a cambiarse os papeis.

Galicia en España

Os problemas de Galicia non se esgotan na definición dunha identidade, que está xa moi asentada e que é vivida con naturalidade e tamén con pluralidade.

Ser galego, para quen lles fala e para unha gran maioría dos cidadáns de Galicia, foi e é unha forma particular e específica de ser solidariamente español.

Isto lévame a compartir con todos vostedes una reflexión sobre o importante papel que pode xogar Galicia na configuración desa España plural cara á que nos movemos.

Danse en Galicia tres circunstancias que nos singularizan de forma moi especial: en primeiro lugar, a nosa identidade nacional non xera divisións políticas ou sociais importantes.

Non hai ningún sector da nosa sociedade que non se sinta cómodo e, en maior ou menor grao, identificado cos principais trazos, lingua e cultura propia, que conforman esa identidade.

A nosa identidade nacional é un elemento de unidade e non de división, e, por iso, podemos afirmala con serenidade e sen dramatismos.

En segundo lugar, somos, por historia, por cultura e por entidade xurídico-política, unha nacionalidade histórica, unha das nacións que integran a nación española. Desde esa dimensión compartimos os desexos doutras nacionalidades como Cataluña e Euskadi.

Pero á vez somos, pola nosa realidade socioeconómica, unha das comunidades máis interesadas en que funcionen a pleno rendemento os mecanismos de cohesión e solidariedade do estado autonómico. E desde este outro punto de vista, temos moitos problemas en común con territorios como Asturias, Estremadura ou Andalucía.

Esta dobre conformación apórtanos unha visión de conxunto e permítenos unhas posibilidades de interlocución e de proposta que ata o de agora non puxemos en valor tanto como deberíamos.

A miña vontade é que neste aspecto desempeñemos un papel moito máis activo.

En terceiro lugar, e en estreita relación co anterior, está a peculiar natureza do galeguismo político.

O galeguismo nunca foi independentista. Como dicía Castelao: Os galegos sempre pensamos resolver os problemas privativos de Galicia dentro do Estado español.

É certo, os galegos nunca desexamos debilitar os nosos lazos con España.

Máis ben, o que demandamos sempre, ás veces desesperadamente, é que España nos fixera máis caso. E probablemente por iso, o galeguismo é política e socialmente transversal.

Está presente en todos os partidos do noso Parlamento, en todos os eidos ideolóxicos, en todos os sectores sociais e culturais. É un fenómeno amplo, plural, estendido e aceptado.

Estas tres peculiaridades que lles acabo de resumir sitúannos nunha posición moi favorable para xogar un papel máis relevante en España.

E teño que dicirlles que pensamos desempeñar ese papel a fondo. Entre outras razóns, porque ao facelo estaremos tamén contribuíndo ao interese de Galicia.

No actual debate territorial, Galicia pode ser o mellor exemplo de que a España plural non é unha utopía nin unha fonte de perigos, senón unha realidade esperanzadora. Galicia pode ser un referente e unha ponte de unión para esa España plural.

Así pois, estamos decididos a que a nosa voz se escoite en todos os foros bilaterais e multilaterais. E non só falaremos do noso, senón do de todos. Non só dos nosos problemas, senón tamén dos problemas de España.

Porque é verdade que temos moito que recibir, pero tamén temos moito que aportar e temos vontade de facelo.

Nada máis. Moitas grazas."



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia