Skip to main content

Emigración participa na formación de axentes de mediación intercultural sobre a necesidade de mellorar a integración da inmigración que chega a Galicia

O Proxecto Convive+, iniciativa con financiamento europeo a prol da integración da inmigración encabezada pola Secretaría Xeral de Emigración, desenvolve durante estes días un curso de axentes de mediación intercultural, unha ferramenta clave para facilitar as relacións e promover o coñecemento recíproco e a comprensión entre os cidadáns galegos os cidadáns estranxeiros que chegan a Galicia.

Un equipo de traballo da Universidade da Coruña, que tamén participa no proxecto, dirixido pola profesora de Socioloxía Laura Oso, é o responsable da organización do curso, no que tomarán partido diversos expertos no eido da mediación intercultural, encargados de abordar a súa práctica e profesionalización. Entre eles destaca a presenza de especialistas do Servizo de Mediación Social Intercultural de Madrid, da profesora Nuria Llevot da Universidade de Lleida e de técnicos das administracións locais galegas que levan a cabo iniciativas pioneiras de atención social a inmigrantes e de traballo no campo da interculturalidade.

A mediación cultural representa unha ponte entre os que están e os que chegan, e os mediadores contribúen a eliminar os obstáculos que impiden ou molestan a comunicación cos inmigrantes, especialmente con aqueles cuxa chegada é recente, previndo calquera tipo de situación conflitiva e consolidando o necesario e ineludible recoñecemento dos seus dereitos.

Financiamento europeo

Inscrito nun proxecto de financiamento europeo, no curso participan vintecinco persoas das provincias da Coruña e Pontevedra, prolongarase ata o mes maio, proporcionando unha formación de duascentas horas que abrangue tanto a capacitación técnica como o desenvolvemento de proxectos e de iniciativas para o recoñecemento social e a profesionalización da mediación intercultural.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia