Skip to main content

Méndez Romeu destaca o papel fundamental do movemento obreiro na loita pola recuperación das liberdades

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, definiu coma “fundamental” o papel que xogou o movemento obreiro galego na “loita pola recuperación das liberdades”. Méndez Romeu fixo estas declaracións no marco do Acto pola recuperación da memoria histórica organizado por Comisións Obreiras a través da Fundación 10 de Marzo, da que sinalou que as investigacións que está a realizar teñen “un interese xeral para Galicia”.

O titular de Presidencia lembrou o compromiso do Goberno para colaborar, por medio de subsidios e convenios, coas iniciativas de asociacións civís como as organizadoras desta convocatoria. “Son moitos os proxectos que nestas últimas semanas están sendo presentados por distintos colectivos, e con cada un deles agardamos poder chegar a acordos, sobre todo de financiamento, que permitan que, efectivamente, o 2006 sexa o ano de recuperación da memoria”, explicou, engadindo que non se trata só de lembrar a “algúns persoeiros”, senón a “colectivos sindicais, movemento obreiro e outros que normalmente non ocupan moitas follas nos libros de historia, pero que foron realmente os protagonistas tanto da reflexión como da recuperación das liberdades”.

A unha pregunta sobre a colaboración da Xunta para a apertura de fosas comúns, o conselleiro sinalou que este proceso depende dos xuíces, que son quen poden determinar que se abra un lugar onde se sospeita que poden estar soterrados restos humanos. Afirmou que, no momento actual, é “imposible facer dun xeito sistemático e exhaustivo un proceso desas características”, polo que avogou polo apoio a actos “de reparación moral a persoas que poden ser identificadas individual ou colectivamente, e sobre todo que axuden ás novas xeracións no proceso de comprensión de como foi posible aquelo e como puido durar tanto tempo”.

Só “un gran problema por resolver”

Doutra banda, ante unha cuestión formulada por un xornalista acerca da posibilidade de que se estea volvendo “ás dúas Españas”, Méndez Romeu opinou que “algúns dirixentes políticos que están fóra do goberno no momento actual” están “tensionando á sociedade civil”. Afirmou que en España “só temos un gran problema por resolver, no que todos comezamos a ver que estamos máis preto da súa solución”, polo que “entorpecer ese proceso, prantexar condicións imposibles ou tentar de evitar que se acade por fin un escenario de ausencia de violencia no ámbito político como o que estamos sufrindo hai corenta anos é un mal xeito de contribuír á convivencia”.

O conselleiro lamentou que “isto se faga por razóns de cálculo electoral inmediato”, e confiou que agarda que o proceso remate para falar serenamente “non só do que debemos facer, senón das diferencias arredor de procesos que son complexos e onde hai que atender moitos frontes”, sen deixar de lado o respecto ás víctimas, pero mirando “ao futuro” e buscando “escenarios de superación e de solución dos conflictos dentro do marco constitucional”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia