Skip to main content

Emilio Pérez Touriño apelou aos grupos parlamentarios a apostar pola determinación e a abandonar a tibieza para por en marcha a reforma estatutaria

O presidente do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, apelou á “determinación e a abandoar a tibieza” para por en marcha a reforma estatutaria. O xefe do Executivo galego indicou que non lle preocupa tanto o procedemento concreto, xa que hai un regulamento que tipifica os mecanismos necesarios para a reforma, senón “a advertencia dun síntoma de aparente tibieza na vontade” de iniciar o proceso. Neste sentido, dixo que é necesario “non converter” este camiño “nunha carreira de obstáculos nin nunha tarefa imposible”.

“Sobran tibiezas, necesitamos determinación e vontade firme para sacar esto adiante para responder a esta gran tarefa de país”, subliñou Touriño, quen engadiu que “é necesario que estemos todos”.

O xefe do Executivo apelou aos grupos parlamentarios para “non converter nunha carreira de obstáculos” unha tarefa xa de por si “complicada e difícil”. Razón pola que fixo un chamamento a buscar un criterio de eficacia que posibilite o mellor mecanismo para iniciar o traballo. Asimesmo indicou que “non podemos pretender converter o Consello Consultivo nunha especie de gabinete de consulta”.

Engadiu que “tampouco penso que estemos nun momento especialmente complicado”. Pero, é necesario que “nos poñamos á tarefa e empurrar todos na mesma dirección, non en direccións contrarias”, insistiu.

O máximo mandatario da Xunta dixo “non querer entrar ao trapo” nas acusacións de “oscurantismo” feitas polo líder do PPdeG respecto aos mecanismos propostos polo PSdeG e BNG para comezar a reforma do Estatuto. Pero si quixo deixar claro que nos procesos de reformas estatutarias “hai momentos para o traballo e outros para a comparecencia pública”. Neste sentido, sinalou que “hai que buscar instrumentos” que fagan compatible ámbalas dúas liñas. “Non se trata de confrontar un mecanismo con outro”, aseverou e, “hai que saber distinguir se se quere chegar ao final”, argumentou.

Financiamento

Emilio Pérez Touriño lembrou que dacordo coa LOFCA (Lei Orgánica de Financiación das Comunidades Autónomas) o escenario onde “se acorda, se estuda e se debate” o sistema de financiamento autonómico é o Consello de Política Fiscal, o que non impide que calquera departamento do Goberno autonómico poida realizar algunha aportación. Neste sentido, insistiu en que será o Consello de Política Fiscal “onde daremos a batalla” para conseguir a mellor inversión para Galicia e para acadar o Fondo de Suficiencia como “peche” que garanta o mellor financiamento e “traballaremos” para que se revise a Lei do Fondo de Compensación Territorial.

Nesta liña indicou que o obxectivo de conquerir un investimento dun 8% nos plans de inversión do Estado é un compromiso de Goberno e ese é o criterio que se vai seguir para obter o mellor sistema de financiamento autonómico.

Peaxes

O presidente da Xunta respostou á crítica do presidente do PPdeG sobre as peaxes dicindo que “O señor Feijóo xa fixo todo o que tiña que facer nesta materia”. “Xa privatizou e condeou aos galegos durante medio século a pagar peaxe”. E, ademais “entregou a mans privadas a mellor infraestrutura do país”, polo que “toda a súa aportación está feita”, polo que Pérez Touriño pediu “que me deixe realizar o meu traballo comprometido, que non teña dúbida que vou a cumprir a palabra dada e que será pronto”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia