Skip to main content

O presidente da Xunta comprométese a acelerar en dous anos e medio a construción do novo hospital de Vigo

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a “acelerar ao máximo” a construción do novo hospital na área sanitaria de Vigo. “Necesitamos concibir un novo hospital que asuma e resolva os problemas e as insuficiencias que hoxe ten o hospital de Vigo, derivadas da existencia dun centro caducado”, explicou.

O máximo mandatario galego anunciou o compromiso de acelerar a construción deste novo hospital que se materializou tras un proceso de traballo interno no que participaron as Consellerías de Sanidade e de Política Territorial. Emilio Pérez Touriño explicou que o Goberno tomou dúas decisións “que permitirán adiantar en 28 meses a construción do novo hospital de referencia” de xeito que o ano que ven “poñeremos en marcha a construción do centro”. A activación destas medidas suporá reducir de 46 meses a 18 o tempo necesario para iniciar a actuación, que se verá acurtada en dous anos e medio. Pérez Touriño explicou que se trata dunha reducción “drástica e radical dos prazos de inicio dun centro imprescindible, necesario e urxente que a zona sur de Galicia poderá ter canto antes”.

Este adianto será posible pola decisión da Xunta de aprobar unha declaración de incidencia supramunicipal, “o que suporá a declaración de interese público e a urxente ocupación de 250 mil metros cadrados no distrito de Valladares”.

A segunda das medidas é que a Xunta asumirá todos os custes, tanto os derivados do proxecto de construción dun novo hospital coma os do propio proceso de expropiación e as conexións viarias correspondentes. “Asumimos plenamente a responsabilidade do proceso, dos custes practicamente totais da materialización do novo hospital de Vigo”, indicou Touriño.

O obxectivo, segundo explicou o presidente, consiste en “dotar a área sur dese novo hospital canto antes e non ter que esperar un tempo que consideramos excesivo, e que non permitiría cumprir con esa prioridade”.

Pola súa banda, a conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, redundou na importancia da creación do novo hospital xa que, segundo dixo, “temos ante nós a obsolescencia dun edifico que arquitectonicamente ten un límite, do que non se poden facer novas modificacións estruturais”. “Temos dificultades para crear novos servizos para unha área sanitaria e neso senso adquirimos o compromiso da construción do novo hospital”.

Esta decisión política tomada hoxe permite que a Consellería de Sanidade contrate de forma inmediata a asistencia técnica para realizar os traballos de topografía no terreo seleccionado para obter a información parcelaria e para a depuración física e xurídica dos bens e dereitos incluídos no ámbito.

A declaración de incidencia supramunicipal será aprobada no Consello da Xunta inmediatamente despois da aprobación do plan funcional que se producirá en xuño.

Pola súa banda, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, explicou que de seguir co previsto, suxeitos ao plan xeral de ordenación urbana da cidade de Vigo, no mellor dos casos se a tramitación fose rápida levaría 46 meses como mínimo o proceso administrativo para comezar as obras. “Falamos dun prazo de tramitación do proxecto que imposibilitaría cumprir co obxectivo de ter o hospital dentro de seis anos”, concretou.

Esta traba, segundo explicou María Xosé Caride, será solventada pola Xunta a través da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que permitirá acelerar o proxecto de construción do novo hospital de Vigo.

Colaboración do Concello

A conselleira de Política Territorial incidiu na importancia da colaboración do Concello de Vigo, “imprescindible para un proceso destas características”. “Está na vontade de todos axilizar o máximo a construción do hospital e por iso solicitaremos ao Concello de Vigo que colabore con nós nas melloras dos viais, de saneamento de auga ou no transporte ao centro”, indicou.

A conselleira explicou que xa existiu unha conversa co Concello de Vigo na que a alcaldesa manifestou a súa boa disposición ante a posibilidade de que se acelere ao máximo o proxecto construtivo do hospital. “A intención é unha colaboración estreita entre as dúas administracións para que o complexo sexa unha realidade o antes posible”, indicou a conselleira.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia