Skip to main content

Traballo asinará un protocolo co Ministerio de Traballo no que se contempla a reducción de ata o 50% da cotización á Seguridade Social aos cotitulares de explotacións agrarias

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, interveu no pleno do Parlamento para informar sobre o contido do acordo asinado co Ministerio de Traballo para facilitar a incorporación de cotitulares de explotacións agrarias ao sistema de seguridade social. Unha medida que suporá unha reducción de ata o 50% da cotización á seguridade social dos cotitulares de explotacións agrarias, e que beneficiará especialmente ás mulleres que ata o de agora estaban excluídas.

O titular de Traballo avanzou que o 8 de marzo se asinará un Protocolo de Colaboración ca Secretaría de Estado da Seguridade Social para a posta en marcha destas axudas, que a través da Tesourería Xeral da Seguridade Social cunha periodicidade trimestral, facilitaralle á Consellería de Traballo unha relación certificada de beneficiarios acollidos á reducción de cotas, na que constarán os datos necesarios para a identificación dos beneficiarios acollidos a reducción estatal e ademais xa figurará o cálculo da porcentaxe de subvención que a Consellería outorgará.

Na súa intervención, Varela sinalou que este protocolo de colaboración “péchase cunha convocatoria pública, que está a piques de publicarse, a través dunha orde para que as interesadas soliciten a citada subvención, que será aboada pola Xunta con periodicidade mensual na conta que indiquen as solicitantes e que suporá un reducción nun 50% da cota por continxencias comúns a cobertura obrigatoria, que corresponda ingresar en función da base de cotización do 18’75%”.

Segundo o titular de Traballo, o actual proceso de reforma da seguridade social agraria “vai supoñer unha elevación das cotizacións que, se ben pode estar compensada cun maior nivel de prestacións e co importe das futuras pensións para a maioría dos agricultores, dificulta a alta dos cotitulares de explotacións agrarias, especialmente no cos das mulleres en Galicia”

Nese senso, Varela asegurou que considera preciso implantar na Comunidade, “unha liña de axudas destinadas a favorecer a cotización á seguridade social dos cotitulares de explotacións agrarias, cun baixo nivel de rendas, que complemente a reducción establecida na lei de presupostos do Estado, ata acadar unha reducción íntegra do 50%”.

Por outro lado, establecese unha reducción a favor dos cotitulares de explotacións agrarias, do 30% da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, durante tres anos sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e no caso de que o cónxuxe, cotitular da explotación estea en alta no Réxime Xeral Agrario.

Dende a Xunta de Galicia, considérase que a adopción de medidas, como as reduccións na cotización, para incentivar a afiliación á seguridade social son un elemento fundamental á vez que supón unha potenciación dos mecanismo que favorecen a igualdade material entre mulleres e homes.

Dado que nos últimos quince anos, o nivel de renda das explotacións galegas tivo unha evolución por debaixo do conxunto de España e por outro lado, tense detectado que no caso das explotacións agrarias familiares, aínda que muller e home traballen por igual, só aparece afiliado e en alta no sistema o home, sendo na maioría dos casos a muller a que sacrifica os dereitos que a seguridade social lles outorga (baixas médicas, prestacións de invalidez, prestacións de xubilación e supervivencia).

O conselleiro de Traballo afirmou, no pleno do Parlamento, que con esta medida “pretendemos fomentar a igualdade real entre homes e mulleres que traballan no agro e por outro lado facilitar a incorporación de novos agricultores e gandeiros ao sector”
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia