Skip to main content

O futuro do mundo, compromiso de todos

Corenta e tres anos de historia ó servicio dos pobres e un gran reto para o futuro: facer do mundo a terra de todos. Unha historia de corenta e tres anos de mans cheas e unidas, ó servicio da esperanza de que chegará un día en que tódolos seres humanos poidan comer.
Mans Unidas, Organización Non Gubernamental para o Desenvolvemento (ONGD), que naceu no seo da Igrexa gracias a un valente grupo de mulleres de Acción católica, inicia, neste ano 2004, un trienio con novos planos, novos proxectos e un novo lema: Fagamos do mundo a terra de todos. Con este lema, Mans Unidas intenta aproximar á poboación española a realidade da globalización e as súas consecuencias tanto para nós como para os nosos veciños do Sur. Por iso, neste primeiro ano do trienio, apela ó compromiso de todos para acadar un mundo mellor: O futuro do mundo, compromiso de todos.
¿Que pretende con este lema? Que tomemos conciencia da necesidade de globaliza-la soliedariedade fronte á globalización da insolidariedade. E tamén que sintamos, como propio, o drama de tantos seres humanos que están padecendo inxusticias, desigual reparto de bens, ignorancia, opresión e violencia, indiferencias, crise de valores humanos e cristiáns.
Para levar a cabo estes obxectivos e co fin de comenzar un proceso que nos permita globalizar a solidariedade cos máis desfavorecidos, loitar contra a fame, a enfermidade, a explotación e a inxustiza, a Diocese de Lugo, a través de Mans Unidas, financiará neste 2004, con pouco máis de 100.000 €, proxectos na India e na República de Guinea. Na India, no Estado de Tarul Nadu, creará postos de traballo para mitigar a situación dos campesiños afectados pola seca. Este proxecto permitirá a 11.000 familias facer fronte á súa situación de emerxencia. Acondicionaranse 22 depósitos de auga de outros tantos pobos e habilitaranse os tellados para a recollida da auga á chegada do monzón. En Guinea, África Occidental, atenderase a mulleres e xoves refuxiados no campo de Lainé. Quince mil persoas beneficiaranse deste proxecto con cursos de alfabetización e aprendizaxe do idioma, de formación integral e iniciación profesional. As actividades realizadas xerarán ingresos e, en consecuencia, unha vida máis digna.
Se todos facemos responsables destes nosos proxectos, contribuiremos á globalización da solidariedade entre os seres humanos e os pobos. Medraremos en humanidade e poderemos sentir o gozo de recoñecer, no rostro sufriente dos nosos irmáns, o mesmo rostro de Cristo.
O futuro do mundo é compromiso de todos. Non será este un tópico inxenuo, se escoitando a chamada de Mans Unidas, facemos realidade os nosos proxectos para este ano.

 
Fr. Xosé Gómez, obispo de Lugo