Skip to main content

Galicia participa nun proxecto de investigación nacional para incorporar novas especies á acuicultura mariña

Estudar a incorporación de novas especies de peixes á acuicultura mariña e determinar a súa viabilidade técnica, económica e comercial son os principais obxectivos dun proxecto de investigación que se está levando a cabo dentro dos Plans Nacionais Jacumar (Junta Nacional Asesora de Cultivos Mariños) e no que
Galicia participa xunto con outras sete comunidades autonómas: Canarias,
Baleares, Cataluña, Valencia, Murcia, Andalucía e Asturias. O estudo ten
unha duración inicial de catro anos e conta coa colaboración de 39
científicos distribuidos entre varios centros de investigación destas
rexións. A coordinación entre eles é fundamental, xa que cada organismo
traballa con especies diferentes e desenrola unha fase determinada do
proceso (reprodución, preengorde ou engorde). No caso de Galicia, a especie
principal de estudo é o ollomol.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta é a responsable desta
iniciativa na nosa comunidade e conta coa participación de cinco técnicos
do Centro de Investigacións Mariñas de Corón (CIMA), o Instituto Español de
Oceanografía de Vigo (IEO), o Instituto Galego de Formación en Acuicultura
(IGAFA) e a Dirección Xeral de Recursos Mariños.

O proxecto a nivel nacional pretende introducir nas empresas o cultivo de
cinco novas especies de espáridos. Trátase de determinar a súa viabilidade
a nivel industrial, ademais de coñecer a opinión do sector maila dos
consumidores en relación á produción e comercialización destes peixes. Para
elo, estanse levando a cabo ensaios piloto con alevíns en granxas para
comparar, dende o punto de vista técnico e produtivo, estas novas especies
coas que existen actualmente na acuicultura (dorada, lubina ou rodaballo).
Deste xeito, contribuirase ademais á diversificación da produción das
empresas acuícolas e á mellora da súa rendibilidade.

Coñecer a opinión do consumidor mediante catas

Por outra banda, co obxectivo de obter unha primeira aproximación do
mercado potencial das novas especies e estudar a valoración que éstas lle
merecen ao consumidor, todas as comunidades autonómas participantes nesta
iniciativa están efectuando probas sesoriais de palatabilidade (catas).
Trátase de coñecer a opinión do consumidor habitual, polo que son probas
dirixidas a persoas adultas que non están entrenadas especificamente como
catadores. No caso de Galicia, estas probas realízanse mensualmente no
departamento de Hostelería e Turismo do I.E.S. Compostela. Levaranse a
cabo ata xuño do 2006 e cada mes catarase unha especie diferente.

Asimesmo, a comunidade galega realiza outras actividades dentro deste
proxecto, tales como elaborar estudos xenéticos para caracterizar os stocks
dos reprodutores, analizar a calidade dos pensos e levar a cabo análises
nutricionais e terapéuticos que permitan avaliar, entroutros parámetros, as
cualidades destes peixes para previr certas enfermidades.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia