Skip to main content

Santiago Domínguez destacou que o control ás federacións non é unha caza de bruxas

“Quero mandar desde aquí unha mensaxe de tranquilidade ás federacións deportivas. Nós non estamos cunha caza de bruxas, non é esa a nosa intención, o único que pretendemos é garantir o control dunhas entidades que son subvencionadas con fondos públicos, e confirmar que os cartos se gasten no que se debe facer”.

Con estas palabras, o director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira, intentou deixar claro que o obxectivo da nova lei de subvencións ou do regulamento dos procesos electorais é o de lograr a máxima transparencia no seo destes colectivos. Estas declaracións foron realizadas durante a rolda de prensa que o máximo responsábel deste departamento fixo para facer balance dos seus seis primeiros meses ao fronte do deporte galego e anunciar os proxectos inmediatos.
Desta forma, explicou que se está a rematar de elaborar un novo regulamento de subvencións para federacións e clubs, coa novidade de que se lles solicitarán aos colectivos que presenten proxectos de actuacións concretos que serían subvencionados. Os criterios que se valorarán de forma especial son o coidado ás categorías inferiores, a aposta pola profesionalización dos monitores, o apoio ao deporte feminino, a integración social no mundo do deporte e o feito de que no primeiro equipo conten con deportistas galegos/as.

Domínguez asegurou que non entende a preocupación existente no seo das federacións porque se regularice o proceso electoral, pois “non debe ser ningún problema que se regularice o voto por correo, tal e como se fai en calquera proceso electoral”.

Tamén anunciou que en breve será presentado un concurso que se fará entre os centros de ensino galegos para encontrar unha mascota e un novo logo para o Deporte Galego: “Hai que irse renovando cos novos tempos, modernizar a imaxe, e o que queremos é que sexan os mozos e mozas as que interveñan nesta elección”.

Con respecto ás seleccións absolutas galegas, manifestou a súa confianza en que nos próximos meses poidan debutar os equipos feminino e masculino de baloncesto, ademais dos de balonmán, xa que a Federación Galega de Balonmán expresou a súa boa disposición e colaboración na creación destas seleccións. O desexo é que a selección feminina de baloncesto debute antes do verán.

Equipo galego de ciclismo.

Outra das prioridades da Dirección Xeral para o Deporte é a creación do equipo profesional de ciclismo, proxecto no que leva varios meses traballando. Santiago Domínguez indicou que, polo momento, as negociacións van por bo camiño pero que aínda é pronto para afirmar esta realidade: “Espero poder dicir algo definitivo a mediados de marzo”. Por último, compre subliñar que tamén anticipou que dende a Dirección Xeral se está a estudiar a posibilidade de crear a Copa Xunta de Galicia de fútbol, na que participarían os clubs de Primeira, Segunda e Segunda B. “Estamos deseñando o posíbel calendario, pero hai que falar cos clubs e coa Federación Galega de Fútbol”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia