Skip to main content

O conselleiro de Innovación e Industria informa á Asociación de Precarios Galiza sobre as medidas de desprecarización da carreira investigadora

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, e o Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato de la Iglesia, reuníronse con representantes da asociación Precarios de Galiza (Asociación de Persoal Investigador e Técnico non-contratado de Galiza) para exporlle as medidas que a consellería está a adoptar en materia de desprecarización das condicións laborais do personal investigador e técnico.

Fernando Blanco informounos de que o seu departamento xa se encargou no mes de setembro de deseñar un orzamento para 2006 que faga posíbel a substitución progresiva das bolsas de investigación por programas de contratación, adiantándose deste xeito á aprobación do Estatuto do Bolseiro. As principais novidades do Programa de Recursos Humanos do Plan Galego de I+D+I, que entrará en vigor en 2006, son a substitución de bolsas por contratos nas etapas predoutoral e postdoutoral, a mellora das condicións laborais das bolsas de investigación, que quedan restrinxidas á etapa de postgrao ou terceiro ciclo, e a definición dunha carreira investigadora completa, tanto no Sistema Público de I+D como no sector privado.

OS RECURSOS HUMANOS: UNHA PRIORIDADE PARA O GOBERNO GALEGO

Fernando Blanco recalcou que o Programa de Recursos Humanos é a principal prioridade do futuro Plan Galego de I+D+I, que está actualmente en fase de debate social, e que será aprobado, previsibelmente, antes do verán. O Conselleiro de Innovación e Industria destacou que, tan só en 2006, dedicarán ao Programa de Recursos Humanos máis de 6 millóns de euros, unha contía que permitirá pasar dos 70 contratos promovidos directamente en 2005 a 200 contratos neste 2006.

A definición da carreira científica posibilitará a formación e consolidación dos investigadores e investigadoras e permitiralles a súa integración estábel dentro do Sistema Galego de I+D+I. Unha das principais novidades será a incorporación de investigadores ao sector privado, a través de reforzar vínculos e o intercambio de experiencias entre as universidades e as empresas, dado que as primeiras son a fonte primordial para a captación de recursos humanos. Todo isto, nun contexto que potencie a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, tal como establecen as novas políticas europeas sobre a construción do Espazo Europeo de Investigación.

Trátase da primeira vez na que se define a carreira investigadora en todas as súas etapas, definindo un itinerario lineal dende a formación dos investigadores e investigadoras até a súa consolidación no Sistema, dotando de instrumentos de axuda para cada unha das etapas (predoutoral, postdoutoral, incorporación e consolidación). Segundo Fernando Blanco, estamos ante o programa de Recursos Humanos máis ambicioso do panorama do Estado, dado que non existe ningunha comunidade autónoma nin goberno central que dispoña tantas medidas encamiñadas á desprecarización dos investigadores e á incorporación de investigadores ao tecido público e privado de investigación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia