Skip to main content

A Consellería de Innovación e Industria convoca as eleccións das Cámaras de Comercio para o 4 de maio

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Consellería de Innovación e Industria pola que se convocan as eleccións para a renovación dos plenos das Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia. A xornada de votacións será o 4 de maio de 2006, data elixida unha vez consultadas as nove Cámaras de Comercio de Galiza e tras unha proposta inicial desta dirección xeral da Consellería de Innovación e Industria.

O proceso electoral abriuse no pasado mes de agosto a través dunha Orde do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, á vista de que está a piques de rematar o mandato de catro anos dos órganos de goberno das cámaras e do seu Consello Superior. Este proceso electoral rematará antes do 15 de xullo deste ano coa toma de posesión dos membros electos das cámaras.

Nos meses transcorridos dende a publicación da Orde Ministerial, vense cumprindo o calendario establecido polo Ministerio, que abrangue -polo de agora- a exposición dos censos electorais (do 13 de setembro ao 13 de outubro de 2005), e a resolución das reclamacións que xurdiron nalgún caso contra os devanditos censos.

No caso de Galicia, os censos das nove cámaras están integrados por un total de 198.774 electores, que deberán elixir 250 vocais. Estas cifras supoñen un incremento do 7,7% sobre o número de electores das anteriores votacións, celebradas en 2002 (184.521 electores).

Estes electores distribuiranse entre un total de 16 colexios electorais, destacando os 4 colexios cos que contará a Cámara de Pontevedra (en Cangas, Lalín, Mos e Pontevedra), 3 da Cámara de Ourense (en Ourense, O Barco e en Verín) e 3 da Cámara de Santiago de Compostela (con sede en Santiago de Compostela, Boiro e Melide). As restantes cámaras formarán un único colexio electoral, con sede na propia cámara.

Publicada no DOG a resolución pola que se fixa a data da votación, procédese á constitución das xuntas electorais -unha por cámara- , que deberán estar constituídas antes do 1 de marzo. A data límite para a presentación das candidaturas será o 15 de marzo, e a da proclamación de candidatos será o 25 de marzo.

Despois das votacións, da verificación do resultado polas xuntas electorais e da resolución das reclamacións que se presenten, os membros electos tomarán posesión antes do 9 de xuño, incluídos os propostos pola Confederación de Empresarios de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia