Skip to main content

Touriño comprométese a que Galicia e o Norte de Portugal avancen cara a unha cooperación de segunda xeración

O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse a que Galicia e o Norte de Portugal “avancen cara a unha cooperación de segunda xeración” deixando de traballar “na distancia para traballar xuntos”. Touriño asumiu a presidencia da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal e como primeira iniciativa da súa xestión propuxo a creación dun “secretariado permanente que impulse a programación, planificación e seguimentos desta eurorrexión”.

Para o xefe do Executivo autonómico, asumir a presidencia da Comisión de Traballo supón “unha grande responsabilidade” porque “aspira a dar un novo paso na intensificación da relación entre os dous territorios”. Touriño sinalou a presidencia que comeza hoxe como unha “nova meta, un novo horizonte” que “deberá artellarse arredor de cinco grandes eixes de acción estratéxica”.

Touriño asegurou que este ano quedará definido o Plan Estratéxico Galicia-Norte de Portugal para o período 2007-2013 para desenvolver as políticas para a creación dun espazo económico definido pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, a xeración dunha rede de infraestruturas competitivos, o fortalecemento da vocación marítima e atlántica da Eurorrexión, a consolidación do Sistema Urbano da Eurorrexión, así como o reforzamento da imaxe e da proxección exterior da Eurorrexión.

I Encontro Científico Tecnolóxico Galicia-Norte de Portugal
Dentro destas accións, o máximo mandatario galego destacou a potenciación da innovación tecnolóxica como “requirimento esencial para a creación de riqueza” e adiantou que proporá a celebración, no mes de xuño, do I Encontro Científico Tecnolóxico Galicia-Norte de Portugal como un instrumento de impulso da cooperación entre as universidades e as empresas da rexión.

Entre outros dos asuntos “prioritarios” da acción da Comunidade de Traballo, Emilio Pérez Touriño declarou que é necesario impulsar o proxecto de Plataforma Tecnolóxica do Mar, xa planteado nunha xuntanza na localidade lusa de Vila Viçosa, “como marco conxunto para o traballo sobre o mar e as súas actividades relacionadas: pesca, acuicultura, bioloxía mariña, etc”. O presidente galego subliñou que “estamos especialmente dotados e habilitados para desenvolver un proxecto de grande alcance” neste eido.

No acto de transferencia da presidencia, as partes constituíntes da Comisión de Traballo Galicia-Norte de Portugal asinaron a adaptación desta entidade ás disposicións do Tratado Hispano-Portugués de Cooperación Transfronteiriza entre Institucións e Entidades Territoriais. Segundo explicou o secretario xeral de Relacións Exteriores e coordinador xeral da Comisión de Traballo, Santiago Gómez-Reino, esta sinatura permite “o traballo común de homes e mulleres separados ata hoxe por prácticas administrativas diferentes e polas barreiras físicas da distancia”, nos converte na primeira instancia territorial de caracter rexional da península en cumprir coa adaptación ao Tratado de Valencia e adianta en 3 anos o prazo previsto para a súa aplicación.

Enlace ferroviario de altas prestacións Vigo-Porto
No capítulo das infraestruturas, o presidente anunciou a constitución e posta en marcha do Grupo de Traballo hispano-portugués especificamente dedicado á conexión ferroviaria Vigo-Porto, acordado no Cumio de Évora, ao que se incorporarán dous representantes da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Así mesmo, comunicou tamén a sinatura, por parte da Xunta de Galicia e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, dun protocolo de colaboración para a elaboración dun estudo sobre o enlace ferroviario de altas prestacións entre Vigo-Porto. Segundo expuxo Touriño, “o estudo pretende analizar cales serían os custes reais de non executar esta liña no horizonte de finalización do resto da rede de alta velocidade portuguesa e española” e “defender” coas súas conclusións “o calendario de finalización conxunta”.

Este estudo, que se rematará no mes de decembro deste ano, identificará a relevancia da Eurorrexión na estruturación do espazo ibérico e europeo, así como o carácter motor da conexión ferroviaria Vigo-Porto con argumentos demográficos e de repercusión en sectores estratéxicos como o turismo, o comercio ou a ensinanza. Analizarase ademais cómo se articulará a mobilidade de pasaxeiros e mercadorías no contexto da existencia dun novo ferrocarril, cómo pode interoperar a liña convencional cunha rede nova ou como se desenvolverá o transporte interurbano nun escenario de maior integración entre as cidades.

Touriño indicou que servirá para impulsar esta actuación á que cualificou como “revulsivo social” equiparable ao que significou no seu día a conexión por autoestrada entre Galicia e o Norte de Portugal.

Asistentes ao acto

Neste acto de transferencia de mando tamén participaron a secretaria de Estado de Cooperación Territorial, Ana Leiva Díez, e o subdirector xeral de Relacións de Colaboración coas Comunidades Autónomas, José María Pérez Medina, en representación do Estado español, e o Secretario de Estado de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras; e a Secretaria de Estado dos Transportes, Ana Paula Vitorino, en representación da República Portuguesa.

A delegación da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal estivo encabezada polo seu presidente, Carlos Lage. Por parte da Xunta de Galicia tamén acudiron os conselleiros da Presidencia, Economía, Política Territorial, Medio Rural, Pesca, Medio Ambiente e Traballo.

Así mesmo, asistiron ao plenario da Comunidade de Traballo os membros da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, o embaixador de España en Portugal, o Cónsul xeral de España no Porto, o Cónsul xeral de Portugal en Vigo, os gobernadores civís de Braga e Viana do Castelo. O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e o reitor da Universidade de Minho.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia