Skip to main content

O Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación convocan o Premio Consumópolis sobre consumo responsable

O Instituto Galego de Consumo, organismo autónomo da Consellería de Innovación e Industria, e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, veñen de convocar o concurso de premios sobre consumo responsable Consumópolis, dirixido a escolares de idade comprendida entre 10 e 16 anos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria conxunta das dúas institucións, que están a desenvolver a segunda fase do premio, promovido en primeira instancia polo Ministerio de Sanidade e Consumo, a través do Instituto Nacional de Consumo.

O concurso Consumópolis ten como obxectivo a divulgación, entre os máis novos, de hábitos de consumo reflexivo, saudable e crítico, que teñan en conta o respecto ao contorno ambiental e ao noso contorno social, fomentando daquela a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

A primeira parte do concurso desenvolveuse a través da Internet entre os meses de outubro e decembro pasados, e mediante esta nova convocatoria do IGC e da Consellería de Educación seleccionaranse os gañadores que representarán a Galiza na fase estatal do premio. Poderán participar todos aqueles equipos consituídos por 5 alumnos ou alumnas entre 10 e 16 anos, coordinados por un profesor ou profesora que estivesen inscritos previamente e rematasen a primeira parte realizada a través da páxina web do IGC.

Os participantes deberán deseñar un xogo de mesa, en calquera soporte, relacionado co consumo responsable, incluídas as instrucións, as especificacións didácticas e demais requisitos necesarios para poder xogar. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros, achegados integramente polo IGC, para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar, e en tres niveis de participación (de 10 a 12 anos; de 12 a 14 e de 14 a 16). Os traballos clasificados en primeiro lugar representarán a Galiza na fase estatal que se celebrará en Madrid.

O prazo de presentación dos traballos rematará o 20 de marzo e a decisión do xurado coñecerase antes do 10 de abril de 2006.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia