Skip to main content

Santiago Domínguez confirma que Gómez Noia estará incluido no programa Galiza-Pekín

O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez OIveira, anunciou a intención da Xunta de incluir ao triatleta Javi Gómez Noia no programa Galiza-Pekín, no que está a traballar a Dirección Xeral para o Deporte cara as próximas Olimpiadas. “Intentaremos facer unha discriminación positiva con el, coa intención de compensar dalgún xeito a inxustiza que se cometeu con este atleta durante estes anos”.

O responsábel do Deporte Galego fixo estas declaracións no transcurso dunha rolda de prensa, na que tanto o deportista coma os representantes da Federación Galega de Triatlón pediron que o Consejo Superior de Deportes asuma as responsabilidades despois de impedir que o atleta competira a nivel internacional nestes últimos anos. Desta forma, o vicepresidente da Federación Galega, Francisco Villanueva, indicou que “algúns sufrimos moito nestes anos, escoitando barbaridades e resulta moi duro esquecer todo sen un papel que recoñeza o erro e sinale ao responsábel”.

Domínguez manifestou a súa ledicia porque Gómez Noia poida volver competir a nivel internacional representando a Galiza e logrando éxitos para o noso deporte e tamén insistiu na necesidade de que o CSD explique os motivos polos que o atleta estivo privado da posibilidade de competir a nivel nacional e internacional e das becas que merecía polos seus resultados deportivos. “Este ano quedou fora do plan ADO, e non pola súa culpa, pero nós incluirémolo no Programa DGAN (Deportistas Galegos de Alto Nivel)”.

Pola súa parte, Javi Gómez Noia manifestou o seu agradecemento a todas as persoas que estiveron ao seu lado durante estes duros anos: “Quero agradecer públicamente o apoio da Federación Galega, da Dirección Xeral para o Deporte neste último ano e dunha persoa que non está aquí, pero foi importantísima para min, o doutor Nicolás Bayón. Grazas a todos eles puiden seguir adestrando tranquilo e relaxado. Non podo dicir o mesmo do CSD e da Federación Española, xa que me sentín perseguido coma se foxe un criminal”. Agora, o galego intenta mirar cara ao futuro, xa que unha vez recuperada a súa licencia federativa pode volver a competir no estranxeiro e nos próximos días farao en Qatar e Xordania. “Fíxose xustiza, aínda non da forma máis correcta, polo que espero explicacións de todo o que sucedeu. Hoxe é un día moi feliz para min e quero mirar cara ao futuro, pero non esquezo o pasado”.

O presidente da Federación Galega de Triatlón, José Ramón Meilán, tamén quixo recordar a todos os que traballaron para poñer fin a este pesadelo. “O primeiro agradecemento é para Javi, porque non é fácil que con esa idade foxe capaz de manter esa enteireza e seguir adestrando; o segundo, para a Administración, porque neste último ano sentímonos moi respaldados pola Dirección Xeral para o Deporte e eso e moi importante para unha federación; o terceiro para Paco Villanueva, por todo o que leva pelexado, e por último ao doutor Nicolás Bayón, por darnos ese apoio científico que necesitábamos”.

Javier Gómez Noia recuperou hai uns días a súa licenza federativa, despois de varios anos sen poder competir a nivel nacional e internacional por culpa dunha doenza no corazón. Mentres que o deportista contaba con varios informes médicos oficiais e privados de especialistas de prestixio internacional que o consideraban apto para a práctica do deporte, a especialista do CSD non lle daba o visto e prace. Finalmente, despois de varias cumes médicas, o CSD optou polo silencio, aínda que a Federación Española de Triatlón si lle concedeu a licenza federativa.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia