Skip to main content

O titular do Goberno galego asume o compromiso de ampliar o porto pesqueiro da Illa de Arousa

O máximo mandatario autonómico, Emilio Pérez Touriño, comprometeuse durante a súa visita ao concello pontevedrés da Illa de Arousa a amplíar o porto pesqueiro da localidade. Neste sentido, Emilio Pérez Touriño confiou en que este ano liciten e comecen estas obras de ampliación, unha vez que se teña realizado o estudo de impacto ambiental que, segundo asegurou, xa se está a realizar. O presidente da Xunta facía este anuncio durante a súa visita ao concello pontevedrés da Illa de Arousa, durante a cal tivo ocasión de saúdar á corporación municipal, asinar o Libro de Ouro do Concello e percorrer as instalacións portuarias.

Na súa intervención, tamén asegurou que vén de saír a adxudicación das obras de construción dunha vía de circunvalación entre a ponte da Illa e o porto de Xufre, un traxecto de 3 quilómetros que, na opinión do mandatario autonómico, permitirá liberar tráficos e mellorar a calidade de vida dos cidadáns da Illa. Emilio Pérez Touriño tamén se amosou confiado en que, logo da ampliación deste porto pesqueiro, a Xunta poida asumir a construción dun porto deportivo que permitirá dar “un salto adiante” a este concello.

O titular da Xunta tamén puido observar, durante a súa visita, as obras que se están levando a cabo no contorno da Casa do Concello, onde se vai construír un centro sociocultural. O presidente da Xunta aseguroulle ao alcalde da localidade que estas obras, que xa están en marcha, terán a garantía do apoio da Xunta para a súa culminación e remate.

Por último, o máximo mandatario galego avogou por remodelar espazos, sacar tráficos do centro do concello e acometer un adecentemento urbanístico no centro do municipio, que está en proceso de estudo e será asumido “nun horizonte de tempo razoable”. O titular da Xunta realizou estas declaracións logo de manter unha xuntanza e un almorzo de traballo cos alcaldes da comarca do Salnés para coñecer de primeira man as inquedanzas e demandas dos rexedores destes municipios.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia