Skip to main content

Emilio Pérez Touriño compromete melloras en educación, medioambiente e infraestruturas na comarca do Salnés

Emilio Pérez Touriño comprometeu melloras educativas, medioambientais e de infraestruturas na comarca do Salnés, ao longo da súa visita institucional ao Concello de Vilagarcía de Arousa. O presidente da Xunta tamén mantivo unha xuntanza cos alcaldes da comarca para coñecer in situ as demandas e necesidades destes concellos, unha iniciativa que pretende manter en futuras ocasións para estreitar a colaboración entre o Goberno galego e as institucións locais. Durante a reunión na que participaron os rexedores da Illa de Arousa, José Manuel Vázquez Vázquez; de Vilagarcía, Joaquín Javier Gago López; de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida; de Cambados, José Manuel Cores; de Ribadumia, Salomé Peña Muñiz; de Meis, José Luis Pérez Estévez; de Meaño, Jorge Domínguez Rosal; de Sanxenxo, Telmo Martín González, e do Grove, Miguel Ángel Pérez García, o presidente da Xunta tivo a oportunidade de coñecer os asuntos que máis preocupan aos rexedores. Esta xuntanza cos alcaldes do Salnés proseguiu durante un almorzo de traballo mantido entre os rexedores da zona e o titular do Goberno galego.

Entre os principais proxectos previstos polo Goberno galego para esta zona, Touriño destacou a posta en marcha “de xeito inmediato” a licitación dunha obra hidráulica “moi importante para os concellos do Salnés”. Trátase dun proxecto de ampliación do abastecemento de augas, cun custo aproximado de 4 millóns de euros, financiados por Augas de Galicia e pola mancomunidade do Salnés. Unha obra que, en palabras de Touriño, permitirá dar “un salto cualitativo” ante un problema tan importante como é o abastecemento de auga aos cidadáns desta zona.

En materia de infraestructuras, o máximo mandatario autonómico resaltou o inicio, este verán, da autovía do Salnés. Esta infraestructura suporá un investimento de 50 millóns de euros, nun prazo de execución de 21 meses aproximadamente.

Así mesmo, lembrou que se está a estudiar unha nova conexión entre Vilagarcía e Pontevedra, que será “decisiva e importante para toda a comarca”. Esta actuación estará incluída no Plan Integral de Infraestructuras da Xunta e pretende mellorar a capacidade e calidade do vial existente entre estas dúas vilas. Un asunto que o presidente da Xunta aspira a “deixar ben resolto con vocación de futuro” para solucionar o problema de tráfico nesta arteria.

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño tamén comprometeu melloras en materia de portos, que serán asumidas pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Anunciou tamén unha nova ponte sobre o río Umia, na variante de Punta Arnelas-Vilagarcía, en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra.

De igual xeito, o xefe do Executivo galego reafirmou o compromiso da Administración autonómica por mellorar a calidade da educación en toda a comunidade e particularmente nesta zona, cun “esforzo intenso e extenso” nas actuacións nesta materia. Touriño referiuse a melloras nos centros educativos de Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove e Ribadumia.

Compromisos con Vilagarcía

Na súa visita institucional ao Concello de Vilagarcía, o presidente da Xunta tamén concretou as distintas actuacións que en materia de medioambiente, infraestruturas e educación vai acometer a Xunta de Galicia no municipio. Concretamente, Emilio Pérez Touriño indicou que se van levar a cabo “actuacións importantes en materia de abastecemento de auga no que a rede de auga se refire” para facer fronte ao “potencial de crecemento” de Vilagarcía e a súa área de influencia. Nesta liña, Pérez Touriño tamén salientou que proximamente se vai abrir neste concello pontevedrés unha oficina de información e recepción de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

En materia de infraestruturas indicou que a Xunta vai realizar “un esforzo investidor significativo” para a construción do vial norte, un proxecto que conta cunha achega de case 25 millóns de euros, dos que 9,5 corresponderán a este ano. Segundo sinalou Touriño, as obras poderán estar licitadas neste primeiro semestre.

O titular do Executivo indicou ademais que se vai mellorar o acceso ao porto de Vilagarcía. Neste apartado informou que “de inmediato” se iniciará o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos precisos para acometer este proceso.

“A educación, a formación e a cualificación de recursos” –indicou o máximo mandatario autonómico- tamén en Vilagarcía son “decisivas”. Así Pérez Touriño subliñou que a escola de idiomas nesta localidade “será pronto unha realidade” porque a mediados do ano que vén entrará en servicio. Esta iniciativa está financiada nun 70% polo Goberno autonómico e o 30% polo concello, cunha achega por parte da Consellería de Educación de máis de 2 millóns de euros.

En materia educativa tamén salientou que pronto será substituído o vello colexio da Lomba, así como outras actuacións que xa se teñen acometido noutros centros educativos desta área.

Visita á comarca do Salnés

O presidente da Xunta iniciou a súa primeira visita institucional á comarca do Salnés no concello de Vilagarcía, acompañado pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón. Alí, o máximo mandatario da Xunta saudou ao alcalde e á corporación municipal, asinou no Libro de Ouro e foi distinguido coa insignia de ouro do concello.

Posteriormente o xefe do Executivo galego visitou, acompañado polo presidente da autoridade portuaria, Jesús Paz Arias, o lugar onde se emprazará o Centro Especializado de Tecnificación de Vela. Así mesmo, o presidente da Xunta, acompañado pola titular de Educación, visitou os terreos onde se construirá a escola de idiomas.

O máximo mandatario autonómico tamén se trasladou ao recinto Fexdega, onde se está a celebrar a VII edición da feira da construción, para visitar os distintos stands. Tras un percorrido polas instalacións, Pérez Touriño dirixiuse a Cambados para reunirse cos alcaldes da comarca do Salnés. Na xornada participaron os rexedores da Illa de Arousa, José Manuel Vázquez Vázquez; de Vilagarcía, Joaquín Javier Gago López; de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida; de Cambados, José Manuel Cores; de Ribadumia, Salomé Peña Muñiz; de Meis, José Luis Pérez Estévez; de Meaño, Jorge Domínguez Rosal; de Sanxenxo, Telmo Martín González, e do Grove, Miguel Ángel Pérez García. O máximo mandatario galego ten previsto trasladarse á Casa do Concello da Illa de Arousa e saudar á corporación municipal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia