Skip to main content

Innovación e Industria trasladará á Fiscalía os resultados da revisión de expedientes de parques eólicos e minicentrais

A Consellería de Innovación e Industria remitirá á Fiscalía as posibles irregularidades detectadas nalgunhas concesións enerxéticas outorgadas pola anterior Xunta de Galicia, segundo anunciou o conselleiro Fernando X. Blanco durante a súa comparecencia na Comisión de Industria do Parlamento na que deu conta do resultado da revisión de expedientes realizada polo departamento que dirixe.

En resposta á pregunta formulada polo grupo parlamentario do BNG sobre o parque eólico do Chao, o conselleiro explicou que este parque –situado nos concellos de Muras e Ourol– concedeuse á sociedade Hidroeléctrica del Arnoya, S.L. en 2005. En maio de 2004 autorizouse o trámite e seis meses despois, en novembro, saíu a información pública o proxecto do parque eólico. A partir da data de declaración ambiental, o 30 de xuño de 2005, engadiu o conselleiro, produciuse unha aceleración do proceso: tan só 12 días despois concedeuse a autorización administrativa (o 22 de xuño), e menos dun mes despois (o 14 de xullo) a aprobación do proxecto sectorial.

Segundo a información facilitada polo titular de Innovación e Industria, a sociedade propietaria do parque eólico O Chao está participada nun 50% pola empresa Desarrollo Energético de Galicia, SL e ten tamén participación no seu accionariado de Iglevaz, S.L.. A primeira destas sociedades é propiedade a partes iguais das sociedades Luis de Valdivia, S.L. e Gespifont, S.L.

Fernando Blanco tamén informou á Comisión de Industria do Parlamento dun grupo de empresas que contan cun significativo peso nas concesións enerxéticas, tanto eólicas como hidráulicas, outorgadas polo Goberno anterior. Así e segundo explicou o conselleiro, Luis Castro Valdivia está relacionado con alomenos 45 empresas con ámbito de actividade no sector enerxético creadas ou adquiridas no periodo 1999-2005 (coincidindo co período no que o seu cuñado, Ramón Ordás foi director xeral de Industria). O conselleiro tamén explicou que entre 1999 e 2005 concédense 6 parques eólicos e 13 minicentrais a empresas relacionadas con Castro Valdivia.

Ao fío dos datos facilitados, o conselleiro dixo que existen indicios de incompatibilidade entre os intereses das empresas coas que ten relación Castro Valdivia e as autorizacións que aprobou Ramón Ordás como director xeral de Industria. En concreto referiuse a 9 expedientes que están nesta situación e que son os dos proxectos hidráulicos de Xallás, Conso, Xesta, Corzán, Río Grande, Freixas, Novo Peneda, Novo Arnoia e Ramallal. Ademais doutro proxecto, o de Xanceda-Xestosa, no que Ordás non asina a autorización pero si unha corrección de erros da mesma e a declaración de utilidade pública.

Fernando Blanco tamén indicou que existe un indicio de fraude de lei, posto que existe a obriga de tramitar unha solicitude de autorización dun plan eólico empresarial nos casos nos que se pretenda solicitar autorización para máis dun parque eólico por un mesmo promotor ou, en caso de empresas, pola súa empresa matriz ou calesquera das súas filiais. Segundo o conselleiro Castro Valdivia ostenta persoalmente ou a través de diversas sociedades interpostas seis parques eólicos autorizados e dous en tramitación, pero non ten solicitado ningún plan eólico empresarial.

Por último, o conselleiro de Innovación e Industria constatou ante a Comisión parlamentaria distintos feitos tamén significativos rexistrados nos procedementos administrativos, como a rapidez coa que se produciron algúns. No caso da central do Landro, por exemplo, só se tardou un mes en resolver a súa aprobación, dende o 30 de xuño ata o 3 de agosto de 2005. Outra das cuestións que destacou o conselleiro foi precisamente a resolución de expedientes co goberno en funcións.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia