Skip to main content

Carmen Gallego anuncia a construción dunha nova lonxa en Portosín

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, visitou as confrarías de Portosín e Porto do Son acompañada da delegada provincial, Rosa Liaño, e o director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel Cabirta. Na súa
visita, a titular do departamento autonómico anunciou a creación dunha nova
lonxa en Portosín, coa que se cubrirán as necesidades actuais de espazo e
instalacións para levar a cabo a primeira venda dos produtos pesqueiros e
marisqueiros. Este anuncio dá resposta así a moitas das necesidades do
sector, que dende hai tempo vén demandando un espazo digno para acoller o
gran volume de traballo xenerado polos profesionais do mar desta vila.
Debido á creciente actividade do porto, o edificio actual resulta
claramente insuficiente polo que a nova lonxa contará cun orzamento
bastante máis elevado do que se outorgara inicialmente.

Está previsto que as obras comecen na primavera deste ano e estén
executadas nun prazo de 12 meses. A Consellería de Pesca destinará ao
proxecto un presuposto inicial de máis de 1.191.000 euros.

Unha lonxa totalmente equipada

O novo edificio contará con dúas plantas e estará dotado dunha superficie
total de 2.151 metros cadrados. A planta baixa albergará a sala e a nave de
subhastas; unha cámara de conxelación, un depósito de xeo, unha cámara
frigorífica para peixe fresco e varios departamentos para os compradores.
Disporá tamén dun almacén exterior, destinado a arranxar e gardar as caixas
de peixe. Deste xeito, farase realidade unha das peticións realizadas polos
mariñeiros que precisan dun espazo cuberto para evitar que as caixas do
produto estén á intemperie. As oficinas da Confraría e outras dependencias
como a sala de xuntas ou a sala de traballo estarán distribuidas na
primeira planta do edificio.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia